O Índice de Prezos de Consumo (IPC) incrementouse un 0,3% en Galicia no pasado outubro en relación co mes anterior —ao igual que na media estatal—, mentres que a taxa interanual rexistrou un descenso dunha décima, quedando a inflación galega no 3,6% e aínda por riba da do conxunto do Estado, do 3,5%.
Así o indican os datos que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE), que mostran como os alimentos e as bebidas non alcohólicas seguen a marcar a maior inflación anual no país, cun 9,9%, un dato só superado por Andalucía, Cantabria e as Canarias de entre o resto de comunidades autónomas.
A inflación dos alimentos en Galicia é do 9,9%, só superada en Andalucía, Cantabria e Canarias
A suba de prezos na alimentación en Galicia no último ano, roldando o 10%, segue a ser a clave que explica a inflación, aínda que este incremento afecte en maior ou menor medida aos principais produtos de consumo agás a vivenda, que anota un descenso do 9% nun ano e que no que vai de 2023 suma unha baixada do 5,4%.
A inflación interanual é do 6,6% nas bebidas alcohólicas e no tabaco, do 6,8% en hoteis, cafés e restaurantes ou do 3,5% en cultura, mentres que a do vestido e calzado queda no 0,2% logo dun incremento no último mes de case o 11%.
Destaca, ademais, o novo descenso no prezo de carburantes e combustibles, de 2,3% mensual e do 4% respecto a hai un ano, aínda que no que vai de 2023 aínda suman un incremento do 8,4%.
Con todo, é a alimentación a que segue marcando os datos negativos, cun incremento dos prezos en todos os principais produtos agás na carne de ave, aínda que con respecto ao mes de setembro o porco, os ovos, os cereais e as patacas experimentaron leves descensos que, malia todo, non chegan ao 1%.
O prezo do aceite suma unha suba de case o 50% desde outubro do ano pasado en Galicia
A inflación con respecto a hai un ano na alimentación segue a estar dominada, sobre todo, polo prezo do aceite, cunha taxa interanual do 47,8% e unha suba no que vai deste 2023 do 32,6%. Aínda no pasado mes de outubro, foi o alimento que máis incrementou o seu importe (5,2%), só por baixo das froitas frescas, cun 5,8% e un aumento con respecto a hai un ano que rolda xa o 8%.
Así, con respecto a hai un ano, a inflación continúa a ser especialmente alta nos ovos, o leite, a carne de porco, o café e o azúcar, todos eles por riba do 10%, mentres as patacas rozan tamén ese incremento.
En canto á inflación subxacente, aquela que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos e que adoita considerarse un bo reflexo da situación xeral dos prezos a máis longo prazo, incrementouse seis décimas en Galicia no mes de outubro con respecto a setembro e quedou no 5,5% na variación anual, tres décimas superior á do conxunto do Estado.
Nun comunicado, o Ministerio de Asuntos Económicos destaca que a inflación xeral se mantivo estable en outubro "polo mellor comportamento dos alimentos e a baixada dos carburantes".
"As medidas de política económica adoptadas polo Goberno permitiron a España manter no último ano unha das mellores taxas de inflación e maior crecemento económico da zona euro, o que favorece unha maior competitividade das empresas españolas e a ganancia de poder adquisitivo dos salarios", destacou o departamento que dirixe, en funcións, Nadia Calviño.