No verán de 2022, hai agora un ano, o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) acadaba cotas inéditas en catro décadas. O efecto da fin das restricións sociais e económicas pola COVID combinada coas repercusións internacionais da guerra en Ucraína situaban a inflación interanual en valores de dous díxitos tanto na media estatal como en Galicia, valores descoñecidos dende os anos 80 do século pasado e con especial impacto na alimentación.
Os prezos aumentaron en Galicia un 2,1% interanual en xullo, seis décimas por riba do mes anterior
Un ano despois, as cifras son diferentes. Pola relativa moderación das subas dos prezos nalgúns sectores, pero tamén polo propio efecto estatístico: os prezos soben interanualmente moito menos, pero en comparación cos niveis acadados tras as enormes subas de 2022. Así, os índices xerais de xullo, coñecidos este 11 de agosto, indican un incremento interanual do 2,1% en Galicia, seis décimas por riba do mes anterior, e un dato estatal do 2,3% (+4 décimas). Ao tempo, non obstante, a suba interanual dos prezos dos alimentos volve atravesar a barreira do 10%.
Atendendo aos datos publicados polo INE, atendendo ao conxunto dos datos estatais, o valores que destacan pola súa achega ao incremento da inflación son os combustibles, o vestido e o calzado e tamén o sector do lecer e a cultura pola influencia dos paquetes vacacionais e turísticos en plena época estival. Pero tamén o grupo dos alimentos e bebidas non alcohólicas.
A suba da alimentación está agora en Galicia un 10,2% por riba dos de hai un ano e na media estatal, un 10,8%, o que implica un crecemento de cinco décimas no dato galego e de seis no estatal. Explícase, sobre todo, polos incrementos da froita e do aceite
Ese prezo dos alimentos está agora en Galicia un 10,2% por riba dos de hai un ano e na media estatal, un 10,8%, o que implica un crecemento de cinco décimas no dato galego e de seis no estatal. Para ilustrar esa suba é significativo o contraste coas subas interanuais doutros prezos sensibles como os do alugueiro de vivenda -na contorna do 2%-.
Neste punto cómpre ter tamén en contra outro indicador, o da inflación subxacente, índica que se calcula sen ter en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos e que adoita considerarse un bo reflexo da situación xeral dos prezos a máis longo prazo. Para o conxunto do Estado está no 6,2% interanual, tres décimas máis que en xuño, o que sitúa as súa diferenza co IPC xeral en case catro puntos, destaca Estatística.
Escalada de prezos de aceite e froitas
Dentro da suba xeral dos prezos dos alimentos ata volver superar a cota do 10% interanual as cifras non son homoxéneas en todos os produtos. Non en van, os datos reflicten que a suba se debe en boa medida ao incremento dos custos nas froitas e no aceite, que hai un ano moderaban os seus incrementos tras acadar cotas inéditas -no caso dos aceites, a inflación chegara a rozar o 50% tras a invasión rusa de Ucraína-.
O alimento que segue incrementando os seus prezos en maior medida segue sendo o azucre, aínda preto da cota histórica do 60% de encarecemento interanual
Agora, tras unha nova escalada iniciada a pasada primavera -alimentada, entre outros factores, polas malas colleitas na oliveira-, a suba interanual dos aceites volve traspasar o limiar do 20% en Galicia. Tamén destaca o rebote nos prezos da froita, que agora é un 8,6% máis cara que hai un ano.
O alimento que segue incrementando os seus prezos en maior medida segue sendo, non obstante, o azucre, que aínda que baixa da cota histórica do 60% é agora un 58% máis caro que hai un ano. Alén do aceite, é tamén significativo que o leite segue preto de incrementos interanuais do 20%. Tamén están por riba do 10% os incrementos interanuais da carne de porco, dos ovos e dos cereais.