O índice de precios de consumo (IPC) situouse en xuño en Galicia no 1,5% interanual, unha cifra 1,4 puntos inferior á taxa rexistrada en maio, nun descenso provocado polo abaratamento dos carburantes e a electricidade, así como polo descenso -moderado pero constante- na suba dos prezos dos alimentos e das bebidas non alcohólicas. Así, a taxa xeral de inflación no país mantense por baixo da do Estado, con catro décimas menos (1,5% fronte ao 1,9%).
A taxa interanual do IPC en Galicia non era tan baixa desde o mes de marzo de 2021, cando se situara no 1,7%. A de agora é case dez puntos inferior (9,6) á de un ano antes, cando o IPC superara o 11% interanual polo impacto da invasión rusa de Ucraína.
A taxa interanual do IPC en Galicia non era tan baixa desde o mes de marzo de 2021
Así, nos cinco primeiros meses deste exercicio, o IPC galego anotou taxas interanuais do 6,4% en xaneiro e febreiro, do 3,4% en marzo, do 4,1% en abril e do 2,9% en maio, situándose no 1,5% agora no pasado mes de xuño e continuando cun descenso desde que en Galicia roldara o 12% hai doce meses, en xullo de 2022, unha cifra que non se alcanzaba no país desde principios de 1984.
Así, os niveis xerais de inflación están moi por debaixo das cifras acadadas hai uns meses, aínda que os prezos de produtos básicos están moi por riba dos que se rexistraban hai un ano e o IPC xeral incrementouse un 0,6 con respecto ao mes anterior.
O prezo dos alimentos é un 9,7% máis alto que hai un ano malia a moderación no incremento
En xuño o prezo dos alimentos aumentou un 0,5% pero a taxa interanual destes elementos (a evolución dos últimos doce meses) continúa a presentar un aumento importante, aínda que xa por baixo do 10% (9,7%). As bebidas alcohólicas baixaron un 0,4% con respecto ao mes anterior pero manteñen unha suba interanual do 7,7%, polo 13,1% das bebidas non alcohólicas.
Máis positiva segue a ser, pola contra, a evolución dos prezos da electricidade, gas e outros combustibles. Malia o aumento mensual do 2,1% en xuño, a variación anual supón un descenso de máis do 31% nun ano e de máis do 14% no que vai deste 2023.
Destaca tamén o descenso dos prezos con respecto a hai un ano no vestido (-0,7%), que acumula unha baixada do 4% no que vai de ano. O alugueiro da vivenda mantense estable, cunha suba interanual do 2% en Galicia, mentres que o subministro de auga e outros servizos relacionados incrementou o seu importe case un 1% desde o pasado ano.
O importe da maioría dos alimentos subiu en xuño, coa excepción do peixe, os produtos lácteos, as patacas ou as legumes e hortalizas frescas
Dentro do apartado de alimentación e bebida (o que máis preocupa dado o seu carácter de produtos básicos) prodúcese un lixeiro incremento de prezos con respecto ao mes anterior en case todos os elementos, agás no peixe fresco e conxelado (-0,7%), produtos lácteos (-0,7%), patacas (-0,4%) ou legumes e hortalizas frescas (-2,6%).
En xeral, o prezo dos alimentos sufriu en xuño un aumento interanual do 9,7%, menor que o 11,2% de maio pero que aínda supón un importante encarecemento. Así, o azucre é o produto cuxo prezo máis aumentou nos últimos doce meses, un 65,2%. Moi por debaixo, aínda que con subas importantes, aparecen o leite (+18,1%), a carne de vacún (+11,4%), os cereais (+13,5%), a carne de porco (+12,8%), os ovos (+10,9%), a carne de vacún (+11,4%), o café (+9,8) ou as legumes e hortalizas frescas (+11,4%).
En canto á inflación subxacente, aquela que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos, incrementouse medio punto en Galicia no mes de xuño con respecto a maio e quedou no 6,1% na variación anual, dúas décimas inferior á cifra de maio.
Desde Estatística atribúen a moderación da inflación en xuño no conxunto do Estado á menor suba dos prezos dos carburantes e ao abaratamento de alimentos como froitas, pan, cereais, carne, legumes e hortalizas.
Segundo o Ministerio de Asuntos Económicos de Transformación Dixital, as medidas adoptadas permitiron reducir a inflación en case nove puntos en menos dun ano en España, que se converte, di o Goberno central, "no primeiro país das grandes economías da zona euro en reducir a inflación por baixo do 2%, o nivel de referencia do BCE".
"Esta positiva evolución confirma a eficacia das principais medidas de redución de impostos e bonificacións", descartan desde o departamento que dirixe Nadia Calviño.
"España é a primeira grande economía da zona euro que reduce a inflación por baixo do 2%, nove puntos nun ano. Un éxito de país que mellora a competitividade de empresas e o poder adquisitivo dos salarios. Fronte a bulos e mentiras, feitos e datos", asegurou o presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, nas súas redes sociais.