A inflación elevouse cinco décimas en Galicia no mes de agosto, ata o 2,7%, segundo os datos do índice de prezos de consumo (IPC) publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
A inflación sitúase en Galicia no 2,7% en agosto e supera o dato xeral de España por primeira vez desde marzo
As cifras supoñen que a inflación en Galicia sexa unha décima superior á que se deu no conxunto do Estado (2,6%) logo dunha suba mensual no país de oito décimas, tres máis que en España, o que sitúa o dato xeral galego por riba do estatal outra vez desde o pasado mes de marzo.
En ambos casos, o incremento vén moi marcado pola suba nos prezos dos carburantes e combustibles, cun incremento do 6,1% a nivel galego e do 5% estatal no pasado mes, aínda que con respecto a hai un ano o descenso é do 3,3% e do 3,8% respectivamente.
Malia que os prezos vinculados á vivenda, auga, electricidade e gas apenas subiron unha décima en Galicia e acumulan un descenso interanual de case un 20%, o dos alimentos continúa a subir e xa acumula un incremento do 10,7% nun ano logo doutro incremento do 0,5% en agosto.
O prezo dos carburantes e combustibles aumentou un 6,1% en Galicia en agosto; o do aceite fíxoo un 7,4% e o incremento interanual xa é do 33%
No conxunto dos alimentos, destaca especialmente o experimentado nos aceites, un incremento do 7,4% en agosto con respecto ao mes anterior, o que eleva o ascenso interanual destes produtos ao 33%, só superado polo azúcar, que se mantén cunha suba de preto do 50% en comparación con hai doce meses.
Dentro do apartado de alimentación e bebida (o que máis preocupa dado o seu carácter de produtos básicos) prodúcese un lixeiro incremento de prezos con respecto ao mes anterior en case todos os elementos, agás nos cereais (-0,3%), leite (-0,4%), froitas frescas (-2,5%) ou patacas.
Con todo, a suba interanual de prezos afecta aínda todos os alimentos —xa é do 10,6%—, con incrementos por riba do 10% na carne de porco, nos ovos, no leite e nos produtos lácteos ou nos aceites.
O prezo dos alimentos é un 10,6% máis alto que hai un ano e aceite, porco, ovos ou leite manteñen unha suba por riba do 10%
Máis positiva segue a ser, pola contra, a evolución dos prezos da electricidade, gas e outros combustibles. Malia o aumento mensual do 0,3% en agosto, a variación anual supón un descenso do 38% nun ano. Ademais, tamén houbo descensos no pasado mes nos prezos do vestido ou o calzado, manténdose con lixeiros incrementos os transportes, a telefonía ou o alugueiro.
En canto á inflación subxacente, aquela que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos e que adoita considerarse un bo reflexo da situación xeral dos prezos a máis longo prazo, incrementouse catro puntos en Galicia no mes de agosto con respecto a xullo e quedou no 6,3% na variación anual, dúas décimas superior á do conxunto do Estado.
Logo de coñecerse os datos, a ministra de Asuntos Económicos e vicepresidenta do Goberno central, Nadia Calviño, destacou que "España consolídase como a economía con maior crecemento e menor inflación de Europa, o que beneficia a competitividade das nosas empresas e o poder adquisitivo dos salarios".