Galicia inicia o verán con máis cotizantes á Seguridade Social dende antes da gran recesión

Os bos datos de emprego de xuño adoitan estar ligados á campaña de verán. Na imaxe, turistas no centro de Viveiro CC-BY-SA Hayffield L / Unsplash

A afiliación media á Seguridade Social foi o pasado xuño en Galicia de 1,084 millóns de persoas. Son 7.579 máis que no mes previo, o que supón un incremento que duplica amplamente a media estatal (+0,70% fronte a +0,33%) e un avance interanual do 1,65%, inferior ao total do Estado, onde a suba do 2,51% no último mes deixa a cifra total por riba dos 21 millóns de cotizantes.

O país precisou máis de década e media para recuperar a cifra de cotizantes previa á caída de Lehman Brothers en 2008

Alén da comparación interanual, a afiliación media do mes de inicio do verán é significativo por outro factor. Ese total de 1,084 millóns de persoas é a cifra máis elevada dende antes da gran recesión para un mes de xuño. Non en van, fica lixeiramente por riba do dato de xuño de 2008 (1,081 millóns de persoas), cando ademais o total da poboación galega era superior ao actual (2,69 millóns de persoas no inicio de 2023 -dato oficial máis recente- fronte a 2,78 millóns ao comezar 2008-. 

Á economía galega custoulle, daquela, dezaseis anos volver ás cifras de emprego que acadara antes da crise financeira internacional que estoupou de vez despois daquel verán de 2008 coa caída de Lehman Brothers. Polo camiño chegou a tocar fondo durante o ano 2013, con apenas 917.000 cotizantes un exercicio que finalizaría superando por pouco as 900.000 persoas.

Nun contexto marcado polo inicio da campaña de verán, no derradeiro día de xuño a afiliación á Seguridade Social era superior á media do mes mentres o paro rexistrado diminúe ata 117.938 inscricións, outro mínimo histórico dende que hai rexistros comparables

Outro elemento significativo sobre o crecemento do emprego no inicio da campaña de verán é que o dato total de afiliación no derradeiro día do mes é lixeiramente superior ao dato medio do mes completo. Concretamente, en 104 persoas. Dende o inicio de 2020, o primeiro ano afectado pola pandemia da COVID, este diferencial positivo só sucedera nove veces. Excluíndo 2020 e 2021, anos moi condicionado polas restricións e confinamentos, a tendencia foi que isto sucedese só cadrando coa campaña de Semana Santa. Este ano tamén aconteceu nesas datas, pero volve pasar tamén no inicio do verán.

Porque, alén da marcha xeral da economía, os datos divulgados este 2 de xullo apuntan a que o turismo e todo o que o arrodea está por tras de gran parte destes resultados. Así o suxire a letra miúda da variación do paro rexistrado -inscricións nas oficinas de emprego de demandas de persoas en situación de desemprego-, que diminuíu nun total de 4.098 persoas ata quedar en 117.938, outro mínimo da serie histórica tras retroceder un -3,36% mensual (a media estatal quedou no -1,79%) e un -8,59% interanual (a media está no -4,75%).

Ata 3.040 persoas dentro do total de 4.098 de diminución do paro rexistrado foron baixas ligadas ao sector servizos. Á espera da publicación dos datos completos do mes, todo apunta a un estreito vencello coa campaña de verán, máis aínda pola sinatura de 46.430 contratos laborais temporais, un 11,89% máis que no mes anterior que, non obstante, é tamén un 7,41% menos que en xuño dun ano antes, o que suxire unha menor temporalidade xeral no sistema.

Os contratos indefinidos rubricados durante o mes de xuño, pola súa banda, foron 19.841 no total galego. Representa un incremento do 5,67% mensual, pero un 13,71% menos que no mesmo mes do ano 2023. 

Aplauso da Xunta e do Goberno de España

Como sucedeu nos meses previos, o balance mensual da afiliación á Seguridade Social e do paro rexistrado veu acompañada do aplauso por parte dos gobernos tanto de Galicia como de España. O conselleiro de Emprego, José González, volve adxectivar como "históricos" os datos ao salientar que, por primeira vez dende que hai rexistros -a serie histórica comparable comeza en 1996- o mercado laboral galego ten menos de 118.000 persoas no rexistro do paro rexistrado. "E ademais, Galicia lidera a caída do paro na evolución anual" co devandito -8,59%.

González tamén considera satisfactorio o balance da afiliación á Seguridade Social, a "cifra máis alta nun mes de xuño dende 2005". O conselleiro pon, asemade, o foco en que "Galicia leva cinco meses consecutivos de caídas do paro, acadando ademais cifras históricas cada mes".

O conselleiro de Emprego congratúlase duns datos "históricos" de paro e emprego en Galicia e Sánchez e Díaz fan o propio co balance estatal. A dirección estatal do PP desmárcase

Dende o Goberno de España tanto Pedro Sánchez como a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, tampouco ocultan a súa satisfacción. "Nunca houbera tanta xente traballando en España; a afiliación marca un novo récord ao rozar os 21,4 millóns de ocupados", subliña o presidente do Executivo central, quen salienta ademais que en xuño caese o paro "en todas as autonomías e en todos os sectores".

Como vén sendo habitual, a dirección estatal do PP desmárcase do diagnóstico tanto do Goberno de España como dos responsables de emprego das autonomías onde goberna, caso de Galicia, a través do responsable de economía da dirección que encabeza Alberto Núñez Feijóo. Juan Bravo pon o foco en que os datos están "vinculados especialmente ao turismo" e moitos contratos son fixos descontinuos ou de pouca duración. Bravo engade que o Goberno de España é "cada vez máis rico" pola recadación fiscal vía IRPF.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.