O día internacional das traballadoras e traballadores convoca as galegas e galegos a mobilizarse por un traballo "digno" e a consecución do "pleno emprego" cunha xornada laboral menor que proporcione un mellor salario.
Baixo o lema Traballo digno. Pola paz e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo saíron as manifestacións da CIG, que reivindicou un marco galego de relacións laborais, unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións, un Plan galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno e o reforzo dos servizos públicos do país.
Neste Primeiro de maio a UGT demandou a redución da xornada laboral, para camiñar cara ás 37,5 horas por lei. Acompañada de "mellores salarios porque a situación económica e os amplos beneficios empresariais así o permiten".
Os sindicatos CCOO e UGT marcharon xuntos na maioría das cidades e vilas. Sinalan que a reforma laboral "mellorou a calidade do emprego", aínda que as taxas de desemprego seguen a ser elevadas e cómpre "seguir traballando de cara ao pleno emprego".
As críticas "ás inasumibles cifras de sinistralidade laboral" que se rexistran en Galicia tamén estiveron presentes nas mobilizacións. "Urxe reforzar as políticas nesta materia e comezar a traballar nun cambio da lei de prevención porque o mundo do traballo mudou moito nos últimos anos e a lexislación ten que adaptarse", advirten desde UGT e CCOO.
A CUT fixo referencia a "recuperar a esencia do Primeiro de maio" e incidiu en que mantén o seu compromiso "coa defensa do medio natural fronte ao capitalismo e a colonización en base a rendementos económicos de determinadas empresas como Altri, así como cos pobos oprimidos coma o palestino".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou da mobilización da CIG polas rúas do centro de Vigo e denunciou a perda de poder adquisitivo das traballadoras e traballadores como consecuencia da actual crise de prezos, "un suma e segue que se prolonga dende a crise do ladrillo provocada pola gran banca e a especulación" e que trouxo consigo un deterioro das condicións laborais que se mantén a día de hoxe.
A líder da oposición no Parlamento sinalou que "un 34% das traballadoras e traballadores de Galiza cobra menos do salario mínimo interprofesional, e que case o 60% das persoas asalariadas teñen uns ingresos inferiores ao soldo medio, que no país se sitúa en torno aos 22.000 euros".
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manifestouse en Lugo na marcha convocada por UGT e CCOO e asegurou que Galicia enfronta importantes retos porque "medra menos que o resto de España, case un 30% menos, soporta unha taxa de actividade seis puntos por debaixo da media estatal e, entre outros aspectos negativos, nos últimos 15 anos perdeu case 70.000 postos de traballo industriais, fonte a España, que sumou 700.000".