O Primeiro de Maio é a xornada na que os principais sindicatos con implantación no país tentan que a reivindicación laboral, por veces oculta -ou ocultada- na axenda política e social do día a día, pase ao primeiro plano. Os salarios e o -minguante- poder adquisitivo ao que dan acceso, a calidade do emprego, o reparto do traballo, a xornada laboral e a súa redución... son diversos os asuntos que as centrais sindicais queren sacar á rúa con concentracións e manifestacións nas principais vilas e cidades.
Dezaseis manifestacións da CIG
Coa esixencia de "traballo digno" como reivindicación principal, unida a un chamamento "pola paz e a soberanía dos pobos" e "contra o imperialismo", a Confederación Intersindical Galega convoca este 1 de maio dezaseis mobilizacións. As citas son nas sete principais cidades e mais nas Pontes, Cangas, Ribeira, Cee, Ribadeo, Vilagarcía, A Estrada, Verín e O Barco, a maior parte delas ás 12 da mañá. As horas e lugares de cada convocatoria pódense consultar no sitio web do sindicato
Na presentación das mobilizacións, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu de que "a mellora da capacidade adquisitiva dos salarios" e o "combate da pobreza" seguen sendo o obxectivo "prioritario" da central soberanista, toda vez que "o 33,6%" do persoal asalariado "non acada ingresos equivalentes ao salario mínimo" e case o 60% da poboación con ingresos procedentes do traballo "non acada os ingresos medios de Galiza", isto é, está por baixo dos 22.000 euros anuais.
Nas manifestacións da CIG, engadiu Carril, tamén estará presente a "denuncia do belicismo e da guerra" que a Unión Europea, considera, está "axitando" en "entusiasma obediencia aos Estados Unidos e ás misións da OTAN". Neste sentido, agrega, a CIG rexeita tamén este 1 e amio "o gasto de 1.200 mllóns de euros en armas aprobado polo Consello de Ministros" e "o apoio de Europa a Israel no seu xenocidio ao pobo palestino".
CC.OO e UGT, polo "pleno emprego" e redución de xornada
Un ano máis, Comisións Obreiras e a UGT conflúen no groso das súas convocatorias para o Primeiro de maio, xornada na que tamén comparten táboa reivindicativa. Desta volta, as súas principais reivindicacións son "polo pleno emprego, a redución da xornada e mellores salarios" nun contexto no que, defenden, nun contexto global "convulso", o "sindicalismo de clase é un piar transformador".
Comisións e UGT manifestaranse conxuntamente en seis das sete principais cidades entre as doce e as doce e media da mañá e tamén en Vilagarcía. CC.OO., pola súa banda, realiza convocatorias en solitario en Pontevedra e Viveiro. As horas e lugares pódense consultar nesta ligazón.
A CUT conmemora os seus 25 anos
Este Primeiro de Maio tamén servirá, no caso da Central Unitaria de Traballadores (CUT), para conmemorar o vixésimo quinto aniversario do sindicato. Baixo o lema 25 anos sen renunciar á historia, a CUT manifestarase na Coruña, Santiago, Ourense e Vigo.
Nesta ligazón pódense consultar as horas e lugares de saída dunhas protestas que a CUT compartirá con outros sindicatos. Así, en Vigo mobilízanse xunto á CGT e o Sindicato Ferroviario, en Ourense únense coa CNG, CGT e tamén co Sindicato Ferroviario e na Coruña fano con CGT, CNT e Sindicato da Elevación.