"Unha persoa traballadora galega ten o dobre de posibilidades de morrer ou de sufrir un accidente grave ou moi grave no seu posto que calquera outra do resto do Estado", asegura Alberto Gonçalves (CIG)
“Unha persoa traballadora galega ten o dobre de posibilidades de morrer ou de sufrir un accidente grave ou moi grave no seu posto que calquera outra do resto do Estado”, asegura o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves. Nos dous primeiros meses de 2024, segundo os datos do Ministerio que recolle UGT, Galicia rexistrou un total de 4.581 sinistros laborais (incluídos os ‘in itinere’). 4.503 foron leves, 72 graves e 6 resultaron mortais. Este Primeiro de maio os accidentes laborais mortais xa ascenden a 13 en toda Galicia, segundo os cálculos da CIG.
“Na miña empresa xa vin falecer a un compañeiro e como outro quedou nunha cadeira de rodas”, conta a Praza un delegado da CIG no naval da provincia de Pontevedra. A pesar da desigual carga de traballo, este sector atravesa un momento delicado para as traballadoras pola competencia das chamadas “empresas pirata”. “Ao final, quen está a pagar o custe disto son os traballadores, que temos máis traballo e que facelo máis rápido para ser competitivos. E iso nótase, pero como tampouco hai estabilidade nos propios servizos de prevención das empresas... A prevención debera estar garantida e que non se puidera facer negocio con ela”, reclama este traballador que prefire non facer público o seu nome.
Os sindicatos reclaman medidas urxentes que fagan cumprir as empresas coa lexislación, así como intensificar os controis en materia de seguridade e saúde laboral. “Estamos normalizando que cada ano teñen que morrer 50 persoas –esta é a cifra total de falecementos por accidente laboral en Galicia en 2023– e iso non é normal”, advirte o secretario de acción sindical e saúde laboral de CCOO Galicia, Armando Iglesias, quen lembra que Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos no traballo.
“Sempre hai presións, se estás nun estaleiro o armador sempre mete presión para ter o barco listo, sobre todo no caso das reparacións. Un barco parado sempre é unha perda de cartos para alguén. Neste sector, dígase ou non, as horas extra son moi típicas. Convivimos con ese cansazo extra e, ao final, acábaste confiando porque pasas máis tempo no traballo que na casa; e moitas veces por esa confianza podes cometer un erro, que o cometa a empresa, ou que a propia presión actúe na túa contra”, relata o delegado do sector naval da CIG.
Armando Iglesias (CCOO) explica que os accidentes con resultado mortal acostuman a ter lugar en "empresas pequenas, que non son sindicadas, con traballadores con pouca experiencia e incluso pouca formación"
“Precariedade laboral, perversión semántica nas reformas do goberno español para agochar a temporalidade, accidentes mortais de traballo en aumento, salarios decrecentes, carestía da vida, exclusión social, neoliberalismo de corte fascista, individualismo e consumismo, crise ambiental aguda, a Xunta coma o pazo do PP... semella un esaxerado relato apocalíptico pero é a realidade empírica”. É a análise do momento actual que fai a Central Unitaria de Traballadoras, que celebra os 25 anos de “sindicalismo combativo” entendendo a clase traballadora como “un ‘eu’ colectivo: somos eu porque somos nós”. “Este 1º de maio ten que converterse nunha forza que nos impulse cara a un futuro mellor, aquel no que o pobo ordena, porque do contrario o capital destrúenos”, aseguran desde a CUT.
O responsable de saúde laboral de CCOO Galicia critica que “os empresarios non cumpren cunha lexislación que é esixente en saúde laboral, non invisten en saúde laboral”. Armando Iglesias explica que os accidentes con resultado mortal acostuman a ter lugar en “empresas pequenas, que non son sindicadas, con traballadores con pouca experiencia e incluso pouca formación”. A maiores, Iglesias lamenta que como sindicato só coñecen os datos estatísticos dos accidentes e non teñen acceso a ningunha investigación dos feitos. “A Xunta ten a versión das empresas e nós non temos ningunha versión, só a cifra”, lamenta.
“As mortes son o resultado de todo, vas sumando e case chegamos a normalizalas. Ás veces dis: ‘coidado que igual hoxe non volvo a casa’. Iso non debera pasar nun traballo. Cando morre un compañeiro é un golpe moi duro, igual tivo culpa el ou igual non, pero en todo caso cando estás traballando ten que haber tamén alguén que supervise e che diga ‘non fagas iso así’. E iso aquí non pasa. En Holanda para acender un soprete hai tres persoas ao teu arredor, tes que pedir permisos e revísase todo. Aquí o colles, fas o que sexa e non pasa nada. Son maneiras de traballar”, apunta o delegado da CIG do naval.
Para este traballador do sector naval as melloras pasan por frear a precariedade. “Traballadores do metal de aquí están marchando fóra porque empresas de aquí están subcontratando con xente de fóra. Os que marchan están lonxe da familia, pero nun mes levan catro ou cinco mil euros a gastos pagos, e aquí queren traballadores por mil euros. A xuventude xa non quere vir a este sector, hoxe en día temos o mesmo poder adquisitivo que un repoñedor dun supermercado e é normal que a xente prefira que lle caia unha Coca-Cola no pé a que lle caia unha chapa que o mate. E logo din que non atopan traballadores formados aquí”
"Todo é correr, canto antes acabes o traballo máis gana a empresa; e a seguridade leva tempo, non o din pero é así", asegura Jesús Domínguez, traballador da construción
Francisco González Sío, secretario de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, advirte de que o “deixamento de funcións” da Xunta, que ten todas as competencias en saúde laboral, implica un desmantelamento dos propios servizos que se encargan da prevención e vixilancia do cumprimento das normas de seguridade laboral. “O número de inspectores que ten o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) é cada vez menor, polo tanto, o número de inspeccións que realiza é tamén menor. Pasamos de un servizo moi deficiente a unha situación na que case ningún traballador viu actuar un inspector do ISSGA”, salienta, para engadir que na Inspección de Traballo tamén hai moi pouco persoal e recursos, como denuncia o persoal, que compete o Ministerio.
O representante da CIG incide en que “a saúde laboral só se defende in situ” e que resulta imposible garantir o bo funcionamento dunha empresa a distancia neste sentido. “Hai que estar alí para velo, as empresas cobren papeis e necesítase comprobar que cumpren co que din. Se as persoas fan máis de 12 horas diarias de traballo e non se cumpre cos descansos entre xornada é normal que chegue un momento no que empecen os accidentes porque hai fatiga e as persoas traballadoras non prestan a mesma atención. A única forma de parar iso é estar alí, multar as empresas e que se dean conta de que as horas extra son 80 ao ano e a xornada laboral é de máximo 8 horas, se hai que traballar máis haberá que contratar máis”, defende González Sío.
Jesús Domínguez, traballador da construción, confirma que en 23 anos de vida laboral cre que viu unha vez unha inspección de traballo. “Todo é correr, canto antes acabes o traballo máis gana a empresa; e a seguridade leva tempo, non o din pero é así. Non leva o mesmo tempo meter un tubo por unha gabia poñendo unha especie de paredes de ferro se vas máis alá dos dous metros para evitar que a terra che caia enriba e quedes sepultado, que non poñer nada”, debulla.
Para Domínguez o maior problema é que non hai sancións ás empresas, polo que non se ven obrigadas a mudar as súas prácticas. “Para pór os límites están os inspectores de traballo aos que non se lles ve o pelo, pero ás empresas tamén lles ten que compensar contar cos recursos de seguridade precisos antes que pagar as multas”, argumenta.
Desde a CIG, Francisco González Sío sinala que medidas como a do rexistro de xornada impostas desde o Ministerio son “fume” na práctica mentres se poidan facer nun papel e non haxa un sistema máis fiable. Ademais, apunta que hai unha cuestión de fondo en todo isto: “Os salarios son moi pequenos en Galiza, segue habendo moita precariedade e aínda temos moita temporalidade, acentuouse a parcialidade na contratación con isto dos fixos-descontinuos e cada vez é peor... E á xente non lle queda máis remedio que traballar o tempo que sexa posible para poder ter un salario digno”.
A monitorización constante, a falta de desconexión, a intensificación do traballo, a redución da autonomía e determinación da persoa traballadora sometida á nova intelixencia artificial, acaban provocando serios problemas de saúde física e mental, sinalan desde UGT
Pola súa banda, desde UGT-Galicia e CCOO tamén poñen o foco na “transición demográfica”. Con sociedades cada vez máis envellecidas, isto debe terse en conta “á hora de xestionar os riscos para a seguridade e saúde no traballo, sen perder de vista que son os máis novos os que rexistran as maiores incidencias en canto a accidentes ocorridos durante a xornada laboral”.
“A dixitalización do mundo do traballo tamén está a afectar á saúde das persoas traballadoras. A monitorización constante, a falta de desconexión, a intensificación do traballo, a redución da autonomía e determinación da persoa traballadora sometida á nova intelixencia artificial, acaban provocando serios problemas de saúde física e mental entre as traballadoras e os traballadores. A epidemia de saúde mental que aflorou nos últimos tempos non é allea a estes factores laborais”, reiteran desde UGT, que insisten na “necesidade de controlar que se garanta o dereito a contornas de traballo seguras e saudables”.
Ademais, UGT pon o foco na transición climática, cuns efectos que xa están presentes na contorna laboral. “As altas temperaturas xa se cobraron a vida de traballadores e traballadoras. Isto obríganos como sociedade a converter a seguridade e a saúde no traballo nun dos piares das políticas públicas de adaptación ao cambio climático”, avanzan desde o sindicato.