O número de mortes en accidente laboral disparouse no ano 2022 en Galicia. En total, segundo as cifras provisionais de xaneiro a decembro, faleceron 67 traballadores e traballadoras en xornada laboral, aos que se suman outras 6 defuncións in itinere, é dicir, no traxecto ata o lugar de traballo ou de regreso del. As 67 mortes en xornada supoñen a cifra máis elevada dende o ano 2009 (72 falecementos) e, por exemplo, son 18 máis que as rexistradas no ano 2021.
Dentro destas 67 mortes figuran as dos 21 mariñeiros que faleceron no Villa de Pitanxo nas costas de Terranova en febreiro, no que foi o peor accidente laboral do ano no Estado
Dentro destas 67 mortes figuran as dos 21 mariñeiros que faleceron no Villa de Pitanxo nas costas de Terranova en febreiro, no que foi o peor accidente laboral do ano no Estado. A sinistralidade laboral no mar é, de feito, moi elevada en Galicia. Entre 2010 e 2021 o sector da pesca e acuicultura, apenas con 20 mil empregados e empregadas en Galicia, sumou por si só 101 mortes, ás que aínda hai que engadir as que se produciron en 2022 entre este e outros sinistros, coma o do Albacora Cuatro.
Ademais do sector pesqueiro, en Galicia o maior número de falecementos rexístrase na industria, na construción e no transporte
Ademais do sector pesqueiro, en Galicia o maior número de falecementos rexístrase na industria, na construción e no transporte, mentres que o sector servizos, o que acumula un maior número de traballadores e traballadoras, é o que presenta un menor índice de mortalidade.
A morte no mes de marzo dun traballador da Refinaría de Petróleo da Coruña reabriu o debate sobre a sinistralidade laboral en Galicia, dando inicio ademais a mobilizacións na propia factoría para esixir máis seguridade no traballo. Porén, moitas destas 67 mortes non foron apenas recollidas polos medios de comunicación, ficando invisibilizadas nun regueiro de accidentes de escaso impacto social.
Dende que hai rexistros, Galicia supera amplamente a media estaral do Índice de Incidencia de accidentes mortais. Neste ano 2022 producíronse no noso país 6,59 mortes por cada 100.000 traballadores e traballadoras, fronte ás 3,51 no conxunto do Estado. O Índice galego é o máis elevado dende o ano 2016.
En 2022 houbo 6,59 mortes por cada 100.000 traballadores e traballadoras en Galicia, fronte ás 3,51 do conxunto do Estado. O dato galego só é superado polo da Rioxa e o de Murcia
Por comunidades autónonomas, o dato galego só é superado polo da Rioxa e o de Murcia e, por exemplo, está amplamente por riba do de territorios veciños como Asturias ou Castela-León e moito máis as cifras de Madrid, Cataluña ou Euskadi.
Nas últimas tres décadas morreron en Galicia máis de tres mil persoas no seu posto de traballo. É certo que as cifras de mortes foron descendendo, dende as máis de 100 defuncións que se producían nos anos 90. Porén, aínda son demasiados falecementos o mesmo que os accidentes graves e incapacitantes.
"A sinistralidade é actualmente o peor indicador socioeconómico en España pero non se converteu nunha prioridade nin na maioría das empresas nin na acción de Goberno nas Administracións", denuncia CCOO
As cifras do ano 2022 supuxeron un incremento do número de mortes en accidente laboral en todo o Estado, cun total de 826 falecementos e un aumento do 17% con respecto ao 2021. De feito, é o maior ascenso interanual na serie histórica. A gran maioría dos falecidos foron homes, con 751 mortes, fronte a 75 mulleres. Os sectores nos que máis se incrementou o número de mortes foron a construción (un 27% máis).
Ante as cifras, UGT e CCOO reclamaron ao Ministerio de Traballo a convocatoria urxente dunha mesa de diálogo social. "Moitísimas mortes hoxe en día son evitables se se cumprise a normativa de prevención de riscos laborais", sinalou UGT. Mentres, CCOO destaca que "a sinistralidade é actualmente o peor indicador socioeconómico en España pero non se converteu nunha prioridade nin na maioría das empresas nin na acción de Goberno nas Administracións".
Pontevedra foi a provincia con máis mortes (38, incluídas aquí as do Villa de Pitanxo), seguida da Coruña con 19 e xa moi lonxe Ourense e Lugo con cinco en cada caso
En total, no ano 2022 producíronse máis de 25 mil accidentes laborais en Galicia. A maior parte foron de carácter leve, pero houbo 400 graves e 67 mortais. Pontevedra foi a provincia con máis mortes (38, incluídas aquí as do Villa de Pitanxo), seguida da Coruña con 19 e xa moi lonxe Ourense e Lugo con cinco en cada caso.
Neste caso, iso si, o número total de sinistros si se reduciu o pasado ano en relación ás cifras de 2021 (29.130).
Os sindicatos lembran que "a máis precariedade, máis sinistralidade", pois o persoal temporal sofre máis accidentes laborais. En concreto, as persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada
Os sindicatos lembran que "a máis precariedade, máis sinistralidade", pois o persoal temporal sofre máis accidentes laborais. En concreto, as persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada. "A prevención de riscos laborais e o emprego de calidade son os únicos camiños eficaces na redución da sinistralidade laboral. Cómpre investir en formación e sensibilización para que se identifique a sinistralidade como un problema social grave", subliñaba en conversa con Praza.gal Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO-Galicia.