Plantáronse. Persoal de todas as empresas auxiliares da refinaría de Repsol na Coruña decidiu parar en protesta pola morte do compañeiro Unai Martínez tras o accidente ocorrido no complexo o pasado sábado e en demanda da aplicación de máis medidas de seguridade e melloras salariais, así como dunha investigación urxente e rigorosa que aclare como foi o sinistro, que supuxo a sétima morte en accidente laboral en Galicia no que vai de ano.
Os labores de mantemento da parada técnica que se leva a cabo na refinaría seguen paralizadas e o persoal das auxiliares concentrouse en varias das entradas do complexo para secundar o paro ata que a dirección reciba a comisión impulsada polos traballadores.
O persoal das auxiliares di que non volverá ao traballo de non ser recibido xa por Repsol, a quen piden investigar a fondo o accidente e máis medidas de seguridade
A última hora do martes, en asemblea, o persoal acordou nomear unha comisión de representantes dos traballadores das auxiliares, que elaborou unha táboa reivindicativa. Esixen que a empresa os reciba xa, pero Repsol ofrece unha xuntanza o vindeiro 5 de abril, segundo explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. "As reivindicacións non poden agardar máis tempo", explica.
O persoal en asemblea decidiu na mañá deste mércores continuar o paro e volver reunirse a última hora da tarde para decidir que pasos seguir. Todo nun ambiente de indignación e tensión, tamén pola intención de Repsol de dar por rematada ás 20 horas a paralización das obras da parada en sinal de dó pola morte do operario "sen atender ningunha das reivindicacións". "Xera un conflito innecesario", explicou Carril, que advertiu que o persoal ten decidido non volver ao traballo ata que non haxa solución ás súas demandas e unha interlocución con Repsol. Mesmo meditan ir á folga.
Ademais, Esteban García, delegado sindical de Nervión -empresa para a que traballaba o mozo falecido- considerou que "o máis importante" é saber como ocorreu o accidente. En declaracións a Radio Coruña, lamentou que as administracións non impulsen a "formación" necesaria para algúns traballos e lembrou que os operarios que sufriron o accidente levaban o material esixido pola empresa.
Ademais, incidiu en que o que o persoal "quere saber" é se a zona onde traballaron e onde se produciu o fatal escape de gas fora revisado en condicións e era apto para os traballos que alí se realizaron, así como determinar por que non hai un médico dispoñible no complexo as 24 horas, tal e como denuncian que sucede.
O persoal esixe máis e mellor formación, denuncia a presión de Repsol sobre o seu traballo e reclaman melloras salariais
Os sindicatos esixen que se revisen todos os protocolos de seguridade e é o propio persoal o que advirte de que non reciben a formación suficiente para levar a cabo traballos nas paradas das unidades da refinería e denuncian présas e presión por parte de Repsol e soldos precarios.
Na súa táboa reivindicativa, a comisión de representantes das auxiliares reclama unha investigación a fondo, rigorosa e pública do accidente, unha ambulancia medicalizada as 24 horas, a revisión dos protocolos de seguridade e dos sistemas de alarma e das zonas de traballo, un plan de formación continua específica e a existencia permanente de medias autónomas de respiración e detectores. Tamén a "renegociación" dos pluses en labores "de parada, perigosidade e toxicidade".