O falecemento dun mozo tras o sinistro na refinería da Coruña eleva a sete as mortes por accidente laboral en Galicia no que vai de ano

Concentración de persoal das auxiliares da refinaría de Repsol na Coruña tras a morte dun operario CC-BY-NC-SA CIG

Un traballador dunha subcontrata que realizaba traballos na refinaría de Repsol na Coruña faleceu este martes logo do accidente laboral sufrido na mañá do pasado sábado xunto a outro compañeiro. É, cando menos, a sétima morte en accidente laboral no que vai de ano en Galicia

Dous operarios da empresa auxiliar Nervión Industrias resultaron afectados pola inhalación de gas; un deles morreu tras varios días na UCI

O mozo falecido traballaba con outro operario en labores de mantemento dentro da parada técnica da unidade de hidrotratamento da refinería. Ambos foron atopados desmaiados logo do sinistro e, mentres un deles se recuperou axiña, o outro tivo que ser reanimado durante varios minutos para logo seren os dous trasladados ao hospital. 

Foi durante a manipulación dunha tubaxe fóra de operación cando os traballadores da empresa Nervión Industrias resultaron afectados pola inhalación de restos de gas residual. Fontes sindicais aseguran que o sinistro tivo lugar cando "procederon a manobrar sobre unha liña, iniciándose un escape de gas que os afectou, provocándolles un desmaio e parada cardiorespiratoria".

Ademais, que ante a gravidade dos feitos, as autoridades laboral e xudicial xa abriron investigación. Un dos mozos accidentados, con graves danos, faleceu finalmente este martes tras varios días na UCI ao non ter podido superar as importantes lesións. De 35 anos, Unai Martínez era moi coñecido na Coruña, especialmente entre a afección deportivista, que nestes últimos días amosou en pancartas e mensaxes o seu apoio. Destacado peñista, era tamén moi relevante a súa vinculación cos movementos sociais e veciñais da cidade. 

No que vai de ano, cando menos sete persoas faleceron xa en accidente laboral en Galicia; no pasado ano foron 48 as mortes de persoas mentres traballaban

O acontecido o pasado sábado na refinaría coruñesa é, cando menos, o sétimo accidente mortal laboral no traballo no que vai de ano en Galicia. Nos últimos datos dispoñibles, facilitados polo Ministerio de Traballo no mes de xaneiro, contabilizábanse 22 sinistros graves e catro mortes, ás que habería que engadir o falecemento dun home en Verín hai mes e medio tras caer e golpearse cun palé, o dun rapaz da empresa Aluminios Cortizo de Padrón tras quedar atrapado nunha máquina hai dúas semanas e este último na refinería da Coruña.

Estes sete accidentes -e á espera dos datos oficiais definitivos- supoñen dous máis en xornada dos que se produciran no mesmo período (o primeiro trimestre) do ano pasado. En todo 2021, foron 48 as persoas que faleceron en Galicia a consecuencia dun accidente traballando, ademais dos cinco que o fixeron in itinere. Foi a cifra máis baixa anual desde 2017, cando faleceran 43 persoas traballando, a cuarta máis baixa dos últimos quince anos e lonxe dos máis dun cento de falecidos de 2005. 

O persoal reclama máis medidas de prevención

Os sindicatos reclaman máis medidas de prevención na refinaría. Nunha concentración e traballadores de auxiliares convocada ás portas, cunhas 300 persoas, o secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, Víctor Ledo, denunciou que "non se pode sustentar" a política de subcontratación das grandes empresas na "precarización" das condicións laborais, nin en materia salarial nin "moitísimo menos" en prevención de riscos que deriven nunha situación "dramática".

Os sindicatos advirten da "precarización" do persoal das auxiliares de Repsol e denncian a escasa formación para un traballo perigoso

Ledo insistiu en que é un traballo cuns riscos "importantes" e os traballadores que están a acometer servizos de mantemento deben ter un grao de "cualificación importante" e "experiencia". Ademais, persoal denuncia que a formación para o persoal das auxiliares é insuficiente. "Menos urxencia na produción, máis présa na prevención", rezaba unha pancarta. 

Pola súa banda, o responsable comarcal de Industria de CCOO da Coruña, Arturo Julián, asegurou, en relación ás medidas de prevención, que unha refinaría "non é unha chacinería". "Isto é un polo petroquímico", remarcou, argumentando que os empregados traballan "día a día" con "tóxicos penosos e perigosos". Por iso, solicitou "á empresa principal" que "extreme ao máximo" as medidas de seguridade.

Concentración de persoal das auxiliares da refinaría de Repsol na Coruña tras a morte dun operario CC-BY-SA CCOO Galicia

Ademais, e logo doutra concentración de traballadores convocada polo comité de empresa da refinería, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, esixiu que se depuren responsabilidades. Despois deste último sinistro laboral, manifestou que están "fartos" de que "con frecuencia" e "especialmente nas paradas" se produzan accidentes que "sempre quedan a medio aclarar", á vez que reclamou medidas de seguridade.

O sindicato nacionalista anunciou tamén que vai comparecer na causa penal para que se investiguen os feitos e se "depuren responsabilidades". A CIG condena "que se sigan producindo este tipo de accidentes laborais na refinería, que ocorren con máis frecuencia durante as paradas de mantemento e a traballadoras e traballadores das industrias auxiliares, dos que Repsol, ademais, pretende desentenderse". 

"Chegaremos até onde sexa necesario para que se aclaren as razóns do accidente e que o proceso de investigación aberto non quede a medias, como ten ocorrido en ocasións anteriores, nas que baixo o parapeto da comisión de investigación, se eludiu actuar sobre as responsabilidades últimas e despois a propia Inspección de Traballo constatou deficiencias en materia de prevención, levantando acta de sanción contra Repsol", lembra a CIG. 

Repsol, pola súa banda, trasladou as súas condolencias á familia do falecido nun comunicado no que lamenta "profundamente" a morte. A empresa decidiu suspender os traballos de parada e de mantemento programado durante este martes e convocar un minuto de silencio para o mércores ás 12 na refinaría. Ademais, aclara que mantén unha investigación aberta para aclarar as causas do accidente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.