O mercado laboral galego rolda xa en maio o máximo de cotizantes que logrou o pasado verán

Un traballador da madeireira Finsa, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A afiliación media á Seguridade Social acadou o pasado maio en Galicia os 1,078 millóns de cotizantes. Son 8.957 máis (+0,84%, menos que o +1,04% do total estatal) que no mes previo e supón un incremento de 18.207 (+1,72% e no total estatal, +2,43%) a respecto do mesmo mes do ano pasado. 

O total é moi semellante ao acadado nos meses de xullo e agosto de 2023, período estival que, como é habitual, supón o tope anual de cotizantes no sistema. Neste caso é aínda máis significativo porque o verán de 2023 supuxo no noso país un máximo de afiliacións á Seguridade Social dende o estoupido da crise financeira internacional no ano 2008.

Neste contexto, as tendencias nas cifras de cotizantes apuntan a que o verán deste 2024 superará as cifras das do anterior. Tamén polo feito de que o día final do mes, o 31 de maio, había cotizando á Seguridade Social en Galicia un total de 1,075 millóns de persoas e un ano antes eran 1,057.

O incremento interanual dun 1,72% de cotizantes na Seguridade Social rexístrase mentres diminúe o número de contratos asinados nun mes no que o 34% das contratacións rexistradas en Galicia foron indefinidas

Estas cifras de cotizantes á Seguridade Social, que para o conxunto do Estado supoñen superar os 21 millóns de afiliacións (o dato medio foi 21,3 millóns) prodúcense nun contexto no que, segundo os datos divulgados este martes polo Ministerio de Traballo, en Galicia foron asinados algo máis de 269.000 contratos laborais, o 34,07% deles, indefinidos.

A combinación de ambos datos, incremento relevante da afiliación e total de contratos, dá lugar a un resultado que era practicamente inédito antes da última reforma laboral (2021): unha suba do emprego coincide cunha diminución no número de contratos. Así, o incremento interanual do 1,72% no número de cotizantes prodúcese mentres os contratos indefinidos asinados foron un 10,5% menos que no mesmo mes do ano anterior e os temporais, un 2,22% menos que en maio de 2023.

Ante estes datos, as principais centrais sindicais piden ir alén das grandes cifras. Especialmente a CIG, quen considera "unha tendencia moi negativa" que "o 80% das novas afiliacións fosen mediante contrato fixo descontinuo ou temporal". Comisións Obreiras advirte, ademais, de que as cifras revelan un "menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade", xa que "en Galicia son indefinidos 31 de cada 100 contratos rexistrados" mentres que a media estatal se eleva ao 43%".

Novo mínimo no paro rexistrado

Estas cifras de afiliación á Seguridade Social chegan xunto cun novo mínimo no dato do paro rexistrado, isto é, nas persoas en situación de desemprego anotadas como demandantes nas oficinas de emprego e que cumpren os requisitos legais para seren consideradas como tal. Esa cifra quedou en maio en Galicia en 122.036 persoas, un -3,40% menos que o mes previo (a variación estatal foi do -2,20%) e un -9,22% interanual, a diminución máis pronunciada entre as comunidades autónomas e máis de catro puntos por riba da media estatal (-4,79%).

Mentres os sindicatos resaltan aspectos destas cifras como un peso excesivo do sector servizos ou a pervivencia dunha relevante bolsa de persoas en situación de desemprego de longa duración, a Consellería de Emprego pon o foco no feito de que esas pouco máis de 122.000 persoas anotadas no paro supoñen outro mínimo histórico. Trátase da cifra máis baixa dende que hai rexistros comparables nunha serie que principia en 1996, subliñan.

Xunta e Goberno de España celebran os datos de paro e emprego de maio, que a dirección central do PP volve atribuír á "maquillaxe" e á "precariedade"

"Os datos reflicten unha tendencia positiva que se vai consolidando ao longo dos meses", indica o conselleiro José González en referencia "tanto á baixada do paro como ao aumento das afiliacións". Nese sentido, coida que tamén é posible afirmar que aumenta a "calidade" no emprego.

Dende o Goberno de España tanto a vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, como a ministra voceira, Pilar Alegría, celebraron este martes os datos de paro e emprego, especialmente o fito de acadar os 21 millóns de persoas afiliadas á seguridade social. A dirección central do PP, pola súa banda, desmárcase un mes máis atribuíndo as cifras á "maquillaxe" e á "precariedade" no que considera ademais un "fracaso" por continuar sendo o dato español o "peor" da UE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.