O paro rexistrado baixou en 518 persoas en Galicia no pasado febreiro, situando a cifra en 130.583 persoas desempregadas, a máis baixa da serie histórica neste mes tras un descenso do 0,4% respecto do mes anterior. Son 13.509 parados e paradas menos que hai un ano, segundo os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social publicados este luns.
O descenso interanual, do 9,4%, supón un ritmo de caída maior ao do conxunto do Estado, onde o paro rexistrado caeu nun 5,2%. Nun mes, febreiro, no que Galicia creou case 4.500 empregos, ao aumentarse nesa cantidade a afiliación media á Seguridade Social, alcanzándose así os 1,06 millóns de cotizantes, 19.194 máis que no mesmo mes de 2023.
O paro baixou en 518 persoas en Galicia en febreiro, quedando en 130.583 as persoas desempregadas, a máis baixa da serie histórica neste mes
Así, en canto á afiliación, a cifra de cotizantes en Galicia supón o mellor mes de febreiro desde antes da crise de 2008.
O paro rexistrado nas oficinas públicas de emprego baixou en todas as provincias agás na de Pontevedra e fíxoo tamén en todos os sectores, aínda que se incrementou no colectivo sen emprego anterior. O sector servizos, unha vez máis, volveu ser a clave deste descenso, unha constante que reflicten ben as contratacións.
A diminución do desemprego foi de 59 persoas no sector primario, na industria de 124, na construción de 148 e de 381 nos servizos.
Alén disto, no pasado mes de febreiro asináronse en Galicia case 50.000 contratos, dos que case 38.000 foron no sector servizos, bastante máis do 75% (75,8%). O peso da actividade terciaria en Galicia na contratación en febreiro é semellante ao que se dá en Illes Balears, Catalunya ou Asturias, só superado amplamente polo de Madrid ou as Canarias.
Máis do 75% dos contratos asinados o mes pasado en Galicia foron no sector servizos
Esta dependencia do sector servizos no mercado laboral vai tamén moi vinculada á temporalidade nos contratos que, malia que descendeu moito tras a aprobación da reforma laboral, en Galicia segue sendo moi superior á do conxunto do Estado.
Así, dos 49.602 contratos asinados o pasado febreiro en Galicia, 18.299, o 36,9% foron indefinidos fronte ao 46% no total de España. No mes de febreiro anterior á reforma laboral, a porcentaxe era de tan só o 11,5%.
As contratacións indefinidas supoñen en Galicia o 35,4%, dez puntos menos que no conxunto do Estado
No acumulado desde que empezara o ano, as contratacións fixas supoñen o 35,4% no país fronte ao 44,4% no Estado, dez puntos menos. Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do
74,6%, sendo nos servizos do 35,34%; na industria, do 28,36%; e no primario, do 50,22%.
Por outra banda, o 60% das persoas rexistradas como paradas nas oficinas de emprego son mulleres. Ademais, o paro aumentou entre os maiores de 30 anos e o seis de cada dez persoas desempregadas son maiores de 45 anos.
Ademais, en Galicia están no desemprego 130.583 persoas, das cales 54.955 son homes —185 menos que en xaneiro— e 75.628 mulleres (-333). Xa que logo, seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres.