O ano 2023 foi un bo ano para o emprego, a pesar dos sinais de desaceleración que a economía veu amosando dende finais de 2022. O pasado ano a taxa de paro caeu ao 9,15%, a máis baixa dende o terceiro trimestre de 2008
O ano 2023 foi un bo ano para o emprego, a pesar dos sinais de desaceleración que a economía veu amosando dende finais de 2022. O pasado ano a taxa de paro caeu ao 9,15%, a máis baixa dende o terceiro trimestre de 2008, momento en que xa se comezaban a sentir os efectos da crise que deu lugar á Gran Recesión. 2022 pechou cunha taxa de paro do 10,6%. De igual xeito, a taxa de ocupación medrou o pasado ano dende o 47,1% ao 48,32%, a pesar dunha leve caída do cuarto trimestre.
Son os datos da Enquisa de Poboación Activa correspondente ao cuarto trimestre, publicados este venres, que canda a ese descenso no número de persoas con emprego remunerado (de 1.144.400 a 1.138.900), habitual no derradeiro trimestre do ano, amosa nos últimos tres meses un descenso no número de persoas en paro en Galicia (de 117.200 a 114.700).
No conxunto do Estado os número son aínda mellores, coa creación de 783.000 novos empregos, a cifra máis alta dende o 2005, coa excepción do 2021 (+841 mil), con datos distorsionados pola crise provocada pola pandemia no ano anterior
No conxunto do Estado os número son aínda mellores, coa creación de 783.000 novos empregos no conxunto do ano, a cifra máis alta dende o ano 2005, coa excepción do ano 2021 (+841 mil), con datos distorsionados pola crise provocada pola pandemia no ano anterior. En 2022, por exemplo, apenas se crearon 279 mil novos empregos.
A taxa de paro en España (11,7%) caeu máis dun punto dende finais de 2022 (12,9%) e pecha o ano no seu nivel máis baixo dende decembro de 2007.
O emprego masculino mellorou máis que o feminino en Galicia. Así, dos 34 mil novos ocupados, 22 mil son homes e 12 mil son mulleres
O emprego masculino mellorou máis que o feminino en Galicia. Así, dos 34 mil novos ocupados, 22 mil son homes e 12 mil son mulleres. Así, a taxa de ocupación masculina medrou case dous puntos, ata o 52,44%, mentres que a feminina fíxoo menos dun punto, ata o 44,54%. O número de parados e paradas caeu de forma equivalente, pero mentres que a taxa de paro masculina queda no 8,24%, a feminina está case dous puntos por riba, o 10,11%
A taxa de paro dos menores de 25 anos caeu case dez puntos
De igual xeito, a taxa de paro das persoas de menos de 25 anos segue a ser moito máis elevada que a media, pero durante o ano 2023 a porcentaxe descendeu de forma moi importante en Galicia, do 30,37% ao 20,96%. A taxa de paro dos maiores de 55 anos, en cambio, aumentou un chisco, do 8,33% ao 8,74%.
O número de persoas en paro descendeu un 12,5% en Galicia o pasado ano, unha porcentaxe superior á media española (-6,4%). En catro comunidades o número de parados e paradas mesmo aumentou (Canarias, A Rioxa, Castela e León e Baleares) e noutras, como País Vasco e Cantabria, o descenso superou o 25%.
O número de persoas ocupadas medrou un 3,1% en Galicia en 2023, algo por debaixo da media española (3,8%) e moi lonxe de Catalunya, Madrid e Euskadi, as tres por riba do 5%
En cambio, o número de persoas ocupadas medrou un 3,1% en Galicia en 2023, algo por debaixo da media española (3,8%) e moi lonxe de Catalunya, Madrid e Euskadi, as tres por riba do 5%. A diferenza entre as dúas magnitudes explícase polo maior aumento de poboación que se rexistrou no conxunto do Estado, polo que aínda que se creou moito máis emprego que en Galicia, o número de parados non descendeu tanto.
A ocupación medrou de forma importante na industria, pasando de 162.800 a 174.700 traballadores, a mellor cifra dende o final de 2019 e por riba do valores rexistrados entre 2015 e 2018
Durante o ano 2023 creouse emprego en todos os sectores en Galicia. Non só aumentou o número de persoas ocupadas no sector servizos, algo habitual, senón que a ocupación medrou de forma importante na industria, pasando de 162.800 a 174.700 traballadores, a mellor cifra dende o final de 2019 e por riba do valores rexistrados entre 2015 e 2018.
Tamén aumentou a ocupación na construción, co mellor dato dos últimos dez anos. E, igualmente, mellorou no sector primario, cunha leve suba ata os 71.500 traballadores, o mellor indicador dende finais de 2017.
A porcentaxe de traballadores e traballadoras con contratos temporais pasou do 16,6% ao 16,2% no último ano, moi lonxe das porcentaxes do 25% que se rexistraban antes da reforma laboral
No 2023 mantívose a tendencia, iniciada tras a aprobación da última reforma laboral, de descenso da taxa de temporalidade no emprego. A porcentaxe de traballadores e traballadoras con contratos temporais pasou do 16,6% ao 16,2% no último ano, moi lonxe das porcentaxes do 25% que se rexistraban antes da reforma laboral. A taxa de temporalidade, aínda que baixou en ambos sexos, segue a ser moito máis elevada nas mulleres (19,4%) ca nos homes (13%).
Iso si, o pasado ano o número total de asalariados e asalariadas con contrato temporal aumentou en cifras absolutas, de 149.300 a 150.400, unha leve suba que contrasta co forte descenso experimentado ao longo de 2022, cando caeu dende as 215.200 persoas con contrato temporal. En todo caso, ascenso do número de persoas con contrato indefinido foi moi superior, pasando de 749.000 a 777.400.