Galicia non tiña unha taxa de paro tan baixa desde antes da crise de 2008

Traballadoras galegas nunha conserveira CC-BY-SA Xunta

O auxe turístico e do verán e a enorme dependencia que o mercado laboral ten do sector servizos sitúa o paro en Galicia nos seus mellores niveis desde antes da caída de Lehman Brothers en 2008 e o inicio da última gran recesión económica. 

Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este xoves, o paro baixou en Galicia en 2.500 persoas no terceiro trimestre do ano ata se situar nas 117.200 persoas desempregadas, un 2,13% menos que tres meses antes e un 12,1% inferior a  hai un ano, cando había 17.600 paradas máis. 

O dato galego contrasta co estatal, xa que en España o paro subiu en máis de 92.000, ata alcanzar os 2,85 millóns de persoas desempregadas. 

A taxa de paro sitúase no 9,3% en Galicia, a menor desde antes da crise de 2008; o número de persoas activas é o maior en 17 anos

Así, a taxa de paro en Galicia diminúe 0,3 puntos ata colocarse no 9,3%, a menor porcentaxe desde antes da crise de 2008. Daquela, xusto no trimestre no que se produciu a caída de Lehman Brothers que marca o inicio da recesión, a taxa de desemprego situábase no 8,3% para pasar ao 9,6% no trimestre seguinte. Nunca desde entón alcanzara unha cifra tan baixa. 

O descenso nesta taxa vén marcado tanto pola caída do número de persoas en desemprego como polo aumento de persoas activas no mercado de traballo, unha cifra que se sitúa en Galicia en máis de 1,26 millóns, a máis alta desde o terceiro trimestre de 2016, hai 17 anos. Son 13.000 máis que hai doce meses. 

Con todo, a taxa de actividade en Galicia é tan só o 53,6%, fronte ao 59,4% do resto do Estado.

En canto á poboación xuvenil, a taxa de paro situouse no 18,4% no pasado trimestre, aumentando 0,4 puntos respecto ao trimestre anterior e caendo 4,4 nun ano. 

Por outra banda, o número de persoas ocupadas aumentou en Galicia no último trimestre en 14.200, situándose nun total de 1.144.400 empregos, logo dunha suba tamén superior á media do Estado. A taxa de ocupación aumenta con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 48,6%, dous puntos menos da que había antes da crise de 2008 e máis dun punto maior á de hai doce meses. 

Entre xullo e setembro creáronse en Galicia 14.200 empregos; o número de persoas ocupadas no sector servizos aumentou en máis de 8.000

Nos últimos doce meses, o número de ocupados e de ocupadas no país aumentou en 30.600 persoas, o que supón un incremento do 2,7% en termos relativos. Por sexo, aumentou a ocupación masculina e a feminina, aínda que en moi diferente nivel: nos varóns incrementouse en 11.900 persoas respecto ao segundo trimestre, polo ascenso en 2.300 nas mulleres. 

Ao fixármonos nos sectores, o mercado laboral mantén a tendencia habitual: o número de persoas ocupadas entre xullo e setembro aumentou en todos eles, sendo moito maior o incremento no sector servizos, con 8.100 persoas máis debido ao impulso que supón o turismo e a hostalería no verán.

Na agricultura e pesca, o aumento da poboación ocupada cifrouse en 800 traballadores e traballadoras máis que hai tres meses. Na industria, pola súa banda, a ocupación aumentou en 1.000 persoas, mentres que na construción fíxoo en 4.200.

En comparanza con hai un ano, a ocupación diminúe na industria (-0,7%) e aumenta nos servizos (3,1%), na construción (4,5%) e no sector primario (5,5%).

Ademais, e respecto do tipo de contratación, en Galicia había no terceiro trimestre 943.500 persoas asalariadas, 777.100 con contrato indefinido e 166.400 con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 3.100 asalariados e asalariadas menos con contrato indefinido, o que supón unha diminución de 0,4 puntos en termos relativos. 

En Galicia hai 32.000 persoas máis con contrato indefinido que hai un ano e case as mesmas cun temporal

Con todo, hai 32.000 persoas máis con contrato indefinido que hai un ano, o que supón un incremento do 4,3%. En canto á poboación con contrato temporal, no último trimestre aumentou en 20.900, cunha suba do 14,4% con respecto ao segundo trimestre. En relación a hai un ano, a cifra de persoas con contrato temporal diminuíu apenas unha décima. 

Así, a taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 17,6%.

Ademais, en Galicia o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 1.600 unidades e sitúase en 49.300, mentres que aqueles nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 9.400 unidades.

Datos a nivel estatal

Os datos de emprego da EPA foron tamén bos a nivel estatal. Así, España acadou un novo récord histórico de 21,3 millóns de traballadores no pasado verán malia o incremento do paro. O emprego aumentou en case 210-000 persoas entre xullo e setembro ata bater esa marca e a pesar de que o número de persoas paradas subiu en 92.700.

O número de activos tamén alcanzou en España un novo máximo, con 24,121 millóns, logo de aumentar nos meses de verán en máis de 300.000. 

O Ministerio de Asuntos Económicos destacou que o mercado laboral segue a mostrar unha "boa evolución" malia a un contexto internacional "complexo" grazas á "fortaleza e dinamismo da economía española". "Acádase un novo máximo histórico de ocupación e poboación activa, baixa a temporalidade e o paro xuvenil rexistra a súa menor taxa desde 2008", di. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.