O mercado laboral frea en Galicia a final de ano pero 2023 pecha con 20.000 empregos máis

Postos nun mercado dunha cidade galega, durante o Nadal © Concello da Coruña

Galicia pecha 2023 con arredor de 13.000 persoas paradas menos e cuns 20.000 empregos máis malia o evidente freo do mercado laboral a final de ano e as consecuencias dos conflitos bélicos, a crise de inflación ou de tipos. 

O número de persoas inscritas nas oficinas de emprego en Galicia situouse no último mes do ano en 129.504. Son menos de 130.000 parados e paradas, a mellor cifra nun decembro en toda a serie histórica, desde 1996. Supón, ademais, 1.664 menos que en novembro e 12.718 menos que en decembro do pasado ano, o que equivale a un descenso de case o 9% respecto ao peche de 2022 segundo os datos que este mércores publicou o Ministerio de Traballo e Economía Social. 

O paro descendeu en case 13.000 persoas en Galicia durante 2023, no que se crearon 20.000 empregos malia o freo ao mercado laboral de final de ano

A baixada no paro é maior á rexistrada no conxunto do Estado, onde quedou no 4,6%, e dáse case ao completo no sector servizos, con 1.636 persoas menos desempregadas e favorecidas pola campaña das festas. De feito, mentres o número de parados descende neste sector e no colectivo sen emprego anterior, sobe pola contra na industria (+151), a construción (+108) e a agricultura (23). 

Ao tempo, Galicia destruíu 1.283 empregos durante o mes de decembro. Son o número menos de afiliacións medias á Seguridade Social no último mes de ano en Galicia, unha das sete comunidades que perde persoal ocupado a final de 2023 e en contraste co Estado, que gañou máis de 23.000 afiliados. 

Con todo, e facendo balance do ano completo, Galicia gañou 20.020 empregos en 2023 tras sumar ese número de afiliacións con respecto a decembro de 2022. Supón un incremento do 1,92%, aínda por baixo do total do Estado, que se sitúa no 2,66% e que deixa o número total de traballadores e traballadoras en 20,836 millóns. 

O número de persoas afiliadas á Seguridade Social en Galicia sitúase así por riba dos 1,062 millóns malia a caída en decembro, que foi inferior á rexistrada no mes de Nadal do pasado ano, cando se destruíran máis de 5.300 empregos. 

En 2023 o 32,5% dos contratos asinados en Galicia foron indefinidos, fronte ao 42,9% no conxunto de España

En canto á contratación, en 2023 en Galicia realizáronse un total de 724.405 contratos, dos cales o 32,5% foron indefinidos (235.109) fronte a un 67,5% aínda temporais. A proporción de contratos estables, aínda sendo moito mellor que nos anos previos á reforma laboral, segue a estar lonxe en Galicia da que se dá no conxunto do Estado, onde as vinculacións fixas supoñen xa o 42,9%.

Así, no mes de decembro asináronse en Galicia 48.743 contratos dos que 35.762 foron temporais: máis do 73%. 

En canto ao detalle dos datos do paro, destaca que o 57,7% das persoas paradas en Galicia son mulleres, mentres que arredor do 4% ten menos de 25 anos. Do total de parados en Galicia no peche de 2023, máis do 70% corresponden ao sector servizos. 

A Xunta presume de datos

Desde a Xunta, a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, destacou o peche do ano con menos de 130.000 persoas en paro, un dato que se dá por primeira vez desde 1996, ademais do bo comportamento entre os desempregados menores de 30 e as mulleres coas mellores cifras para un decembro desde que se levan rexistros. 

A Xunta destaca que o paro descendeu en decembro nas catro provincias, nas sete cidades e en todos os sectores de actividade con respecto ao mesmo mes de 2022 e que o país é a terceira comunidade "mellor colocada no conxunto do Estado na baixada porcentual do desemprego respecto dun ano atrás". 

Lado defendeu que é "clave" seguir a dar resposta ás vacantes laborais existentes en diversos sectores, "unha misión na que a formación laboral e os servizos de busca de emprego resultan esenciais". 

Desde o PSdeG, pola súa banda, o secretario xeral, Valentín González Formoso, lamentou que o crecemento do emprego "estea por baixo do estatal e que sexa de menor calidade". 

"O noso país segue por baixo do crecemento laboral, e por tanto económico, do resto do Estado”, dixo Formos, que cre que “é precisamente a economía española a que está a tirar tamén da nosa”. Ademais, valorou como “un moi mal dato, que o 10% dos parados do sector industrial se produzan en Galicia e que aumente tamén o número de parados na agricultura”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.