O número de persoas paradas rexistradas subiu en Galicia en 1.597 no pasado xaneiro, logo do final da campaña de Nadal e das rebaixas, nun mes no que se destruíron 11.752 empregos no país.
Segundo os datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo, Galicia conta nesta altura cun total de 131.101 persoas desempregadas e apuntadas nas oficinas dos servizos públicos de emprego: son 13.937 menos que hai un ano, un descenso de case o 10%, superior ao rexistrado no conxunto do Estado, onde foi do 4,83%.
O paro subiu en case 1.600 persoas en xaneiro debido en exclusiva ao aumento no sector servizos tras o final da campaña de Nadal e das rebaixas
O ascenso do paro en Galicia no primeiro mes do ano é o habitual, aínda que desta vez foi algo menor do que adoita. A suba debeuse, en exclusiva, ao aumento que se deu no sector servizos, onde se incrementou en 2.006 persoas, proba evidente do impacto do fin da campaña de Nadal. Pola contra, o número de parados rexistrados baixou na agricultura (-65), na industria (-171), na construción (-51) e no colectivo sen emprego anterior (-122).
Do total de persoas paradas en Galicia, 55.140 son homes e 75.961 son mulleres. O paro medrou tanto na poboación masculina (+429) coma na feminina (+1.168), pero o maior crecemento do desemprego feminino fai que seis de cada dez persoas paradas sexan mulleres.
O 73% das novas persoas paradas en xaneiro son mulleres, que supoñen seis de cada dez no total de desempregados
De feito, que todo o desemprego en xaneiro se corresponda con sector servizos ten moito que ver con que o 73% das novas persoas paradas sexan mulleres, ao afectaren os despedimentos a profesións, como o comercio, claramente feminizadas.
Ademais, o desemprego reduciuse en 175 mozos e mozas menores de 25 anos, mentres que entre as persoas maiores desa idade hai 1.772 desempregadas máis.
Con todo, Galicia destruíu case 12.000 empregos en xaneiro, segundo os datos publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Perdéronse unha media de 11.752 cotizantes, quedando o número total de persoas afiliadas en algo máis de 1,05 millóns, que son 19.792 máis que hai un ano. Tomando o dato do último día do mes, a baixada é de 6.258 persoas afiliadas.
A caída de afiliacións á Seguridade Social foi do 1,1% en Galicia, un descenso idéntico ao rexistrado a nivel do Estado, onde se perderon máis de 231.000 persoas cotizantes.
Por outra banda, en Galicia asináronse en xaneiro 52.803 contratos, dos que 17.941, o 34% cando antes da reforma laboral roldaban o 10%, foron indefinidos. Foron 34.862 os temporais, o 66%. Ademais, a contratación indefinida aumentou un 38,2 %, ao tempo que a temporal diminuíu un 2,5 %.
Desde a Xunta, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, valorou que Galicia iniciase 2024 coa cifra de paro "máis baixa nun xaneiro desde hai 28 anos", ademais de ser "a segunda comunidade na que máis descende na evolución anual".