O mercado laboral galego está inmerso na habitual costa abaixo de cada outono, aínda que principia sendo máis suave que en anos anteriores. Os datos de afiliación á Seguridade Social coñecidos este 5 de novembro acreditan que Galicia perdeu 2.470 cotizantes na media do pasado mes de outubro, unha caída intermensual do -0,23% que contrasta coa leve alza no conxunto do Estado, dun 0,63%.
O dato negativo de outubro non impide, así e todo, que en termos interanuais o balance sexa positivo. A media de 1,083 millóns de persoas cotizando en Galicia implica estar un 1,45% por riba do mesmo mes de 2023, cun crecemento por riba dos 15.000 cotizantes. É un avance, así e todo, inferior á media estatal, que se sitúa nun 2,47% internual, o cal permite seguir por riba do limiar dos 21 millóns de cotizantes.
A diferenza entre a cifra media de afiliación de todo o mes e o dato do seu derradeiro día si acredita en calquera caso que se produciu destrución de emprego. A 31 de outubro estaban cotizando en Galicia 1,074 millóns de persoas, 8.500 por baixo do dato medio do mes. En outubro do ano pasado ese diferencial quedou nunhas 6.000 persoas e en 2022, nunhas 5.700.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o pasado ano só houbo mes -abril, marcado pola Semana Santa- no que o dato final do mes estivese por riba da media. Este ano sucedeu en dúas ocasións: marzo, tamén ligado á Semana Santa, e por escasa marxe tamén en xuño.
O paro rexistrado aumenta un 1,01%, tres décimas menos que a media estatal, e queda en 122.214 inscricións, un 8,35% menos que hai un ano
No que atinxe ao paro rexistrado, as inscricións nas oficinas de emprego, outubro foi tamén mes de incremento, aínda que leve. O total quedou en 122.214 inscricións, un aumento do 1,01% mensual -tres décimas menos que a media do Estado-, o que supón que o dato está un -8,35% por baixo do de hai un ano, mentres que no total estatal a caída interanual é do -5,70%.
Como amosa o gráfico baixo estas liñas, alén da oscilación mensual o dato total do paro rexistrado mantense en mínimos da serie histórica.