Galicia sofre a menor destrución de emprego na fin de agosto no que vai de década

A fenda entre a afiliación media e na fin do mes foi escasa en agosto deste 2024 CC-BY-SA Foto: Xunta | Gráfico e montaxe: Praza.gal

A diferenza entre a media mensual de cotizantes á Seguridade Social e o derradeiro día do mes reduciuse a apenas 3.000 persoas en agosto

O dato de afiliación á Seguridade Social que adoitamos coñecer nos primeiros días de cada mes é unha cifra media do mes anterior. É unha fotografía xeral das semanas previas que adoita ser útil comparar coa foto fixa do derradeiro día do mes. Canta maior diferenza negativa exista, peores expectativas para o mercado laboral nos meses seguintes e máis mostras de precariedade ou inestabilidade laboral.

Este 3 de setembro a Seguridade Social divulgou os datos de agosto, mes que adoita vir marcado polo comezo da fin da temporada alta estival e, daquela, polo remate dos empregos directamente ligados ao turismo e ás vacacións. Como era de esperar, a afiliación media é menor que en xullo, tamén en Galicia. Pero esa fenda entre o dato medio de agosto e a cifra final do día 31 é a menor no que vai de década, de apenas 3.000 persoas.

Se excluímos da comparación o dato de 2020, fortemente condicionado polas restricións da COVID, é posible observar como os datos finais de emprego no remate de agosto rebaixaron nos últimos anos entre 12.000 e 15.000 persoas traballadoras a cifra media de afiliación do mes. Así, por exemplo, no pasado 2023 agosto pechouse con 14.297 afiliacións menos que o dato medio mensual. Neste 2024 son 3.092, mesmo mellorando o dato de xullo.

A evolución da afiliación en agosto foi practicamente plana e os 1,092 millóns de cotizantes roldan as maiores cifras en Galicia dende o estoupido da crise de 2008. Polo camiño, o país chegou a tocar fondo con apenas 900.000 afiliacións en 2014

Esa escasa fenda entre dato medio e dato final do mes é resultado dunha evolución practicamente plana no que adoita ser o pico de emprego de cada ano. A afiliación media en agosto á Seguridade Social en Galicia situouse en 1,092 millóns de persoas, isto é, apenas 487 menos que un mes antes (-0,04% fronte a un -0,91% na media estatal, que se mantén por riba dos 21 millóns de cotizantes) e 14.975 máis que hai un ano (un crecemento do 1,39%, inferior á media estatal do 2,33%).

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, estas cifras manteñen a Galicia no seu máximo nivel de cotizantes dende o verán de 2008. É dicir, 16 anos despois o país logrou ter tanta xente cotizando á Seguridade Social como antes do estoupido da crise financeira de 2008, un logro máis complicado en Galicia que noutros territorios por mor da perda de poboación. Polo camiño, durante a gran recesión o mercado laboral galego chegou a tocar fondo con apenas 900.000 cotizantes en febreiro de 2014.

Estes resultados rexistráronse nun mes no que, segundo datos do Ministerio de Traballo, en Galicia foron asinados 61.795 contratos laborais, un 4,20% menos que en agosto de 2023. Dentro dese total, 15.700 foron indefinidos, os cales experimentaron unha caída interanual do -2,42%, e os restantes 46.095 foron contratos temporais, o que supón un -4,80% menos que doce meses antes.

O paro rexistrado segue en mínimos da serie histórica

As inscricións nas oficinas de emprego soben apenas un 0,54% e son un 7,08% inferiores ás de hai un ano

Esta evolución da afiliación á Seguridade Social vai parella a uns datos de paro rexistrado que continúan en mínimos da serie histórica, que se remonta a 1996. O pasado agosto as inscricións nas oficinas de emprego de Galicia quedaron en 118.678, o que supón apenas 633 máis que en xullo (+0,54%, un crecemento inferior ao +0,86 da media estatal). En comparación con agosto de 2023, o paro rexistrado en Galicia ten 9.047 inscricións menos (-7,08%, máis de dous puntos de diferenza co dato do total do Estado, que foi -4,83%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.