As inscricións nas oficinas de emprego son 2.314 máis que en agosto, pero 9.651menos que hai un ano
A fin de agosto e con ela, o remate da temporada turística adoita traer consigo un incremento do desemprego rexistrado, isto é, das inscricións nas oficinas de emprego. O mes de setembro que vén de finalizar non foi unha excepción e Galicia rexistrou unha repunta do paro rexistrado, mesmo por riba da media estatal. Pero fíxoo nun contexto, non obstante, no que as variables do mercado laboral son diferentes ás de épocas anteriores.
As 120.992 inscricións no paro rexistradas en Galicia en setembro, segundo os datos avanzados este 2 de outubro polo Ministerio de Traballo -a cifra definitiva adoita diferir un chisco- son 2.314 máis que en agosto. Isto supón un incremento do 1,95%, mentres que a media estatal quedou nunha suba do 0,12%.
En comparación con anteriores meses de setembro -excluído 2020, ano no que a COVID alterou todos os indicadores económicos-, trátase dunha suba relativamente semellante á de anos previos e menos avultada que a de 2023. Ademais, en termos anuais o saldo segue sendo positivo: Galicia rexistra 9.651inscricións menos no paro que hai un ano, unha diferenza dun -7,39% que si é mellor que a media estatal, do -5,41%.
Malia reflectir destrución de emprego pola fin do verán, a cifra de afiliación é a mellor para un mes de setembro dende 2007
Estas cifras de paro rexistrado prodúcense tras un mes no que o noso país perdeu cotizantes á Seguridade Social nun balance no que tamén son relevantes os matices. A afiliación media nese mes roldou os 1,86 millóns de persoas, un retroceso de 7.040 que porcentualmente implica un -0,64%, mentres que o total estatal aumentou levemente (+0,04%) por factores como as autonomías que dan de alta a profesorado tras dalo de baixa na fin do curso escolar anterior.
Así e todo, ese total de afiliación media á seguridade social é mellor que o de doce meses antes (+14.734 persoas, un incremento do 1,38%) e, sobre todo, mantén o mercado laboral galego nos seus mellores niveis para este indicador dende a gran recesión dende hai década e media. Para atopar un setembro lixeiramente mellor en afiliación media que o de 2024 cómpre remontarse a 2007.
En calquera caso, a destrución de emprego ligado á temporada estival é un feito e boa proba disto é a diferenza entre a afiliación media á Seguridade Social e a foto fixa do derradeiro día do mes. Esa cifra do 30 de setembro quedou en 1,078 millóns de persoas, isto é, 7.539 menos que a media do mes. O ano pasado esa diferenza fora menor (-1.826), pero o dato actual é mellor que o de 2022, cando a caída fora de case 11.000 persoas.