Galicia alcanza outro récord e volve marcar o seu menor nivel de paro rexistrado de toda a serie histórica, desta vez tras baixar por primeira vez das 117.000 persoas. As 115.545 inscritas como demandantes de emprego nas oficinas de colocación da Xunta supoñen a cifra máis baixa desta serie que empezou en 1996 e marcan un fito no mercado laboral galego.
É o menor nivel de paro desde o mes de xuño pasado e a constatación dunha tendencia en positivo acentuada nos últimos dous anos. De feito, de toda a serie histórica —que comeza hai case tres décadas—, o verán pasado, o Nadal e o comezo deste 2025 xuntan os meses coas mellores cifras de desemprego rexistrado en Galicia. E é a presente década a que concentra os meses con menos paro rexistrado desde que hai datos comparables.
Este último dato de abril, que volve bater marcas, chega logo de que o paro descendese no pasado mes en 3.610 persoas, unha baixada do 3% empurrada pola Semana Santa e o auxe do turismo e o sector servizos.
Galicia baixa por primeira vez das 117.000 persoas paradas rexistradas e alcanza o menor nivel de paro feminino
Así, e con respecto a hai un ano, Galicia ten case 11.000 parados e paradas rexistradas menos (-10.789), segundo os datos feitos públicos este martes polo Ministerio de Traballo, e alcanza unha cifra que supón, por exemplo, 24.000 menos que hai dous anos e 35.000 menos que hai tres.
O paro rexistrado baixa en todas as provincias e faino tamén en todos os sectores, aínda que os servizos seguen a acumular case todo o peso desta baixada. Do descenso de máis de 3.600 persoas nas listas de desemprego, 2.681 corresponden a este sector, mentres que hai 446 menos no colectivo sen emprego anterior, 113 na agricultura, 157 na industria e 213 na construción.
Ademais, a cifra de desemprego feminino rexistrado supón a máis baixa de toda a serie histórica, mentres que as de paro xuvenil e de longa duración son as máis baixas nun mes de abril tamén desde que hai rexistros.
Con todo, seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres. Ademais, e po tramos de idades, hai 4.642 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego, tras unha baixada en máis de 450 no pasado mes.
A Semana Santa empurrou a baixada do paro e o sector servizos acumulou case todo o descenso
Os datos chegan nun día marcado polo envío da lei para reducir a xornada laboral ao Congreso, malia que a súa aprobación final suma atrancos logo de que Junts anunciase o luns unha emenda á totalidade. Precisamente, a vicepresidenta do Goberno de España, Yolanda Díaz, celebrou os bos datos a nivel estatal: o paro redúcese en máis de 67.000 persoas e o emprego superou un novo récord con máis de 21,5 millóns de persoas traballando en abril.
"Os mesmos que dixeron que a reforma laboral traería máis paro, hoxe din que reducir a xornada laboral será un desastre. Trabucáronse daquela e vanse trabucar agora", dixo Díaz, confiada en que esta redución de horas traballadas "sairá adiante".
Galicia gañou máis de 8.000 empregos e alcanzou o mellor dato histórico de afiliacións nun mes de abril
Porque o emprego tamén trouxo datos positivos en Galicia. A Seguridade Social gañou máis de 8.000 afiliados e afiliadas medias en abril (+8.038) respecto ao mes anterior, ata superar os 1,087 millóns de ocupados e ocupadas no país, segundo os datos publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. É o mellor dato nun mes de abril na serie histórica.
En termos interanuais, a afiliación medrou en Galicia un 1,8%, cunha media de 19.099 cotizantes novos respecto a hai doce meses, ata rozar os 1,9 millóns de empregos que, unha cifra que desde 2008 —ano que deu comezo á gran recesión— só foi superada no pasado verán.
O 35% das contratacións en Galicia son indefinidas, unha porcentaxe menor á do Estado, onde alcanzan o 44%
En canto á contratación, en Galicia asináronse o pasado mes de abril un total de 51.364 contratos (1,35 % menos que en marzo) e, aínda que o maioría deles son temporais (33.323 fronte a 18.041 indefinidos), o 35%, Galicia segue destacando por ter unha porcentaxe moito menor á do conxunto do Estado, onde ata o 44% das contratacións son xa fixas.
Desde a Xunta, o conselleiro de Emprego, José González, asegurou que os datos do paro e de emprego "reflicten unha moi boa evolución do mercado laboral galego" e considera que Galicia vai "na boa dirección".