A afiliación media á Seguridade Social caeu en algo máis de dúas mil persoas durante o pasado agosto en Galicia. Foron, concretamente, 2.279 cotizantes menos que en xullo, unha cifra máis negativa que nos mesmos meses dos dous anos previos (con descensos inferiores ao medio milleiro) e semellante á de 2022, cando a economía empezou a entrar en vías de normalización tras a pandemia da COVID.
En termos interanuais, non obstante, a fotografía non é desfavorable. Os 1,11 millóns de persoas que cotizan á Seguridade Social no noso país son 18.321 máis que doce meses antes. Continúa así, alén das oscilacións mensuais, unha tendencia ascendente que levou, a comezos do verán, a que Galicia lograse ter máis cotizantes que antes da gran recesión 17 anos despois.
Ata a aprobación da última reforma laboral, en 2021, agosto adoitaba ser un mes de avultados incrementos na afiliación media mensual. Que viñan, non obstante, acompañados de abruptas caídas de cotizantes no derradeiro día do mes.
A redución da temporalidade que acompañou a reforma é unha das explicacións para esta mudanza unha vez superada a COVID. Así, por exemplo, o devandito agosto de 2022 implicou unha caída superior ás 15.000 afiliacións no remate do mes e aínda en 2023 o descenso foi superior ás 14.000. Na década anterior, igualmente, foron habituais os días 31 de agosto no que a cifra de afiliación no remate do mes minguaba en máis de 10.000 persoas a media mensual.
Neste 2025 a diferenza entre a media de afiliación de agosto e o total de cotizantes a día 31 é cativo, de pouco máis de mil persoas. Mellora mesmo o rexistro de 2024, cando esa variación estivera un chisco por riba das 3.000.
O paro rexistrado aumenta en algo máis de 1.800 inscricións, pero segue en mínimos da serie histórica cunha diminución do 7,6% interanual
Estas cifras de emprego veñen acompañadas dun lixeiro aumento do paro rexistrado. As inscricións de demandantes nas oficinas de emprego ascenderon en agosto ata as 109.691, isto é, 1.833 máis que un mes antes, pero tamén 8.987 menos que en agosto de 2024.
Porcentualmente, o aumento mensual do paro rexistrado en Galicia está por riba da media estatal (1,70% fronte a 0,91). A diminución interanual galega, non obstante, mellora a media do Estado, cun -7,57% no mercado laboral galego e -5,66% no global estatal. A cifra absoluta de persoas inscritas no paro continúa, en calquera caso, en mínimos da serie histórica iniciada en 1996, como amosa o gráfico que acompaña estas liñas.