En 2024 o sector que xerou un maior número de novos empregos foi a industria (+15.800) e tamén a construción (+5.200). O sector primario foi o único que destruíu emprego (-5.000)
Galicia pechou o ano 2024 con bos datos de emprego -malia un cuarto trimestre negativo-, que sitúan todos os indicadores -de actividade, de ocupación e de paro- nos mellores niveis dende o inicio da crise da Gran Recesión no ano 2008. Na evolución positiva seguida nos últimos anos destaca a creación de emprego neto e 2024 rematou con 17.400 persoas ocupadas máis que doce meses antes. Se miramos unha década atrás, neste momento están a traballar en Galicia 146 mil persoas máis que en 2014. A mellora é especialmente importante nos últimos tres anos: 57 mil empregos máis que en 2021.
Aínda que o sector servizos é, con diferenza, o que ten máis peso na economía galega (xera case o 71% dos empregos), no último ano o número de persoas ocupadas nel apenas variou (+1.300). O sector que xerou un maior número de novos empregos foi a industria (+15.800) e tamén a construción (+5.200). O sector primario foi o único que destruíu emprego (-5.000), despois de dous anos (2022 e 2023) de crecemento.
A mellora do emprego industrial leva a este sector ao seu mellor dato no final de ano dende o 2008, hai máis de 16 anos
A mellora do emprego industrial leva a este sector ao seu mellor dato no final de ano dende o 2008, hai máis de 16 anos. Nese momento traballaban en Galicia 210.200 persoas na industria, pero o sector iniciou un devallo que levou á destrución de case 60 mil empregos ata 2013. Dende entón produciuse unha importante mellora que aínda non recuperou os niveis pre-crise.
A industria manufactureira aumentou en 9.800 o seu número de postos de traballo en 2024. Nesta tendencia positiva destaca sobre todo o comportamento da metalurxia e o da fabricación de material de transporte e grandes reparacións industriais
Se analizamos polo miúdo os distintos sectores de actividade, vemos como a industria manufactureira aumentou en 9.800 o seu número de postos de traballo en 2024 e acumula un incremento de 26.600 empregos na última década. Nesta tendencia positiva destaca sobre todo o comportamento da metalurxia, con 3.300 empregos máis en 2024, un 10% máis.
Tamén destacan as subas no sector da fabricación de material de transporte e grandes reparacións industriais, un 20% máis no último ano. E igualmente no sector de enerxía, subministro de auga e xestión de residuos e nas industrias extractivas.
Aínda que o sector servizos é, con diferenza, o que ten máis peso na economía galega (xera case o 71% dos empregos), no último ano o número de persoas ocupadas nel apenas variou (+1.300). Informática e sanidade concentraron as subas
No sector primario, os datos de emprego son negativos tanto no sector agrogandeiro coma no pesqueiro e marisqueiro.
No sector servizos hai evolucións distintas en cada ponla de actividade, con creación de emprego no sector de informática e comunicación (+4.500 no último ano e +13.000 na última década). Igualmente, aumenta o emprego no sector sanitario e de servizos sociais (+5.500 no último ano e case trinta mil máis na última década). En cambio, nas actividades financeiras e de seguros e, no último ano, no transporte e na hostalaría houbo unha destrución de emprego.
Dende o ano 2012 non había en Galicia tantas persoas entre 16 e 29 anos traballando: 130.900 fronte ás 128.300 do ano 2023 ou as 109 mil do ano 2021
Os datos da EPA publicados este martes amosan tamén unha mellora dos indicadores de emprego para as persoas de menos de 30 anos. Dende o ano 2012 non había en Galicia tantas persoas entre 16 e 29 anos traballando: 130.900 fronte ás 128.300 do ano 2023 ou as 109 mil do ano 2021.
Iso si, a taxa de paro das persoas menores de 25 anos aumentou no último ano, pasando do 21,4% ao 24%. En todo caso, os niveis de paro xuvenil se sitúan moi lonxe dos niveis acadados durante a crise da Gran Recesión (chegou a superar o 50% en 2013 e 2014) e tamén moi por debaixo da porcentaxe coa se pechou o ano 2021 (35,9%).
Ademais, no último ano seguiu a mellorar a taxa de ocupación da poboación xuvenil. É dicir, a porcentaxe de mozos e mozas que traballan pasou do 21,9% ao 23,3%, acadando a porcentaxe máis elevada dende o 2011.
Continúa a tendencia á baixa da temporalidade a consecuencia da aplicación da última reforma laboral. Máis importante foi o descenso da temporalidade no caso da mocidade.
De igual xeito, continúa a tendencia á baixa da temporalidade a consecuencia da aplicación da última reforma laboral. Entre as persoas asalariadas en Galicia, o 81% contan cun contrato indefinido fronte a un 19. En 2021, antes da entrada en vigor da nova lexislación laboral a taxa de temporalidade descendeu dende o 32,3%. Máis importante foi o descenso da temporalidade no caso da mocidade. A porcentaxe de traballadores e traballadoras entre 16 e 29 anos cun contrato temporal pasou en Galicia do 61,2% ao 34,7% en só tres anos.