A esquerda perde 40 mil votos nas sete cidades con respecto ás xerais de xuño

O PP mantén os seus apoios dende as xerais, mentres que EnMarea e o PSdeG-PSOE perden milleiros de votos, compensados só en parte polo BNG Dominio Público Praza Pública

O PP foi a forza máis votada nas sete cidades, crecendo lixeiramente en todas elas con respecto ás eleccións de 2012 e mantendo un nivel de voto semellante á das eleccións xerais de xuño, a pesar de que con respecto ao 26X a participación nas urbes cae entre 4 e 9 puntos. EnMarea sitúase como segunda forza nas sete localidades, mellorando os datos de AGE, pero perdendo unha importante cantidade de votos dende os comicios xerais. O PSdeG-PSOE fica terceiro en todos os lugares, a pesar de que nas xerais de xuño fora quen de superar a EnMarea en Lugo e Ourense, e tamén perde moitos sufraxios dende as xerais. O BNG cae con respecto a 2012, pero duplica ou triplica os resultados de xuño. Finalmente, Ciudadanos perde máis da metade dos sufraxios acadados hai tres meses.

Globalmente, con respecto ás autonómicas de 2012, o PP gaña case 15 mil votos, EnMarea mellora en 14 mil sufraxios os resultados de AGE, o PSdeG-PSOE déixase case 9 mil votos e o BNG algo máis de 5 mil. Porén, se a comparación a facemos cos comicios xerais de hai tres meses, os populares gañan case 5 mil sufraxios, EnMarea perde case 30 mil apoios, o PSdeG-PSOE outros 32 mil e Ciudadanos máis de 33 mil; pola contra, o BNG recupera algo máis de 22 mil.

En boa medida estes movementos explícanse pola gran diferenza de participación entre os comicios xerais de xuño e os autonómicos de onte. Aínda que a participación se mantivo estable en relación a 2012 (sobre un punto nas tres urbes coruñesas, cae un punto e medio en Ourense e fica igual no resto), con respecto ás xerais de xuño, o descenso é de 4 puntos de Compostela, 5 en Ourense, 6 en Lugo, 8 en Vigo ou Pontevedra e 9 puntos na Coruña ou Ferrol (hai que ter en contra que entre o 20D e o 26X a participación nas urbes xa caera outros catro puntos). En total, nestas eleccións votaron nas cidades galegas 58 mil persoas menos que en xuño e 86 mil menos que en decembro.

 

Vigo

Vigo é, con Ourense, a única cidade na que o PP perde apoios en relación a xuño, pero gaña con claridade (xa o fixera o 26X despois de ser derrotado por EnMarea o 20D) grazas ao forte descenso da candidatura de Luís Villares, que perde un de cada cinco votos. Algo menos perde o PSdeG-PSOE, pero os socialistas quedan a sete mil votos da marea e 40 mil por debaixo do seu resultado das municipais. O BNG recupera 6 mil votos, aínda que queda a 5 mil dos seus rexistros de hai catro anos. 

 

A Coruña

A cidade herculina é unha das urbes nas que o PP obtén o seu mellor resultado: 3 mil votos máis que en xuño, 7 mil máis que en decembro e 18 mil máis que nas municipais do pasado ano. EnMarea sofre a evolución inversa: de empatar cos populares nas dúas convocatorias de 2015, pasa a estar 24 mil votos por debaixo. Tampouco o PSdeG-PSOE ten moitos motivos de alegría, deixándose máis de 9 mil votos dende xuño, máis que a marea. O BNG recupera 5 mil votos e case roza o seu resultado de 2012.

 

Ourense

Na cidade das Burgas, os populares manteñen estables os seus apoios nas últimas convocatorias electorais. En Marea déixase 2 mil votos con respecto a xuño e 5 mil con respecto a decembro, pero melloran amplamente o resultado de AGE. O PSdeG-PSOE é a forza que máis cae: case 5 mil votos en relación ás xerais e case 4 mil dende o 2012. Democracia Ourensana só retén catro de cada dez votos obtidos nas municipais.

 

Santiago de Compostela

En Compostela os populares gañan apoios dende as xerais, ao contrario que En Marea, que se deixa 3 mil votos dende xuño e case 6 mil dende a as municipais. De feito, mesmo empeora o resultado de AGE. O PSdeG-PSOE, aínda que sobre dende 2012, perde máis de dous mil votos en relación a xuño. O BNG gaña tres mil sufraxios e mesmo mellora o dato de 2012.

 

Lugo

O PP mantén estable o seu nivel de apoio na cidade das murallas, cun moi bo resultado que mellora en 8 mil votos os resultados das municipais. O PSdeG-PSOE é o gran derrotado aquí, deixándose case catro mil votos en tres meses. EnMarea cae mil votos con relación ao 26X e case 4 mil con respecto a decembro, mentres que o BNG gaña dous mil apoios. 

 

Pontevedra

O PP repite vitoria en Pontevedra, manténdose no seu nivel máximo de apoio. En Marea perde 3 mil votos dende o 26X e 6 mil dende o 20D, aínda que mellora claramente o rexistro de AGE. O PSdeG-PSOE cae o mesmo (3 mil votos) dende as últimas xerais. O BNG recupera catro mil votos dende xuño.

 

Ferrol

O PP gaña con claridade na cidade naval, mentres que EnMarea e PSdeG perden máis de dous mil apoios cada un. De feito, En Marea déixase máis de 4 mil votos dende o 20D.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.