O Servizo Galego de Saúde informou este domingo da existencia en Galicia de 207 "positivos activos" -11 menos- e 11.070 "curacións" -16 máis-, o que supón notificar indirectamente (o Sergas non ofrece este dato de maneira explícita) só cinco novos casos da covid-19 en Galicia o pasado sábado, última xornada previa á entrada en vigor da obriga de portar máscara tamén ao aire libre. Non é posible coñecer cantos destes 5 son resultados positivos en probas PCR e cantos, en test de anticorpos, xa que esa información tampouco é pública. [A obriga de uso da máscara en Galicia polo coronavirus establece só nove excepcións]
Cun ritmo de probas PCR diarias semellante ao das semanas do pico da pandemia e malia aos brotes da Mariña, Betanzos ou Vilalba, o número de casos novos diarios notificados volve descender a niveis de principios de xuño
Alén dos habituais baleiros informativos, os principais indicadores da marcha da pandemia en Galicia son positivos, atendendo á información deste domingo. Tamén no principal brote coñecido, o da Mariña, toda vez que -sempre segundo as cifras do Sergas- no distrito sanitario mariñao seguen a realizarse probas PCR (63 na última xornada) e por segunda vez dende que comezou o brote, non foron detectados casos novos).
Deste xeito, a foto fixa do coronavirus en Galicia este 19 de xullo é que, cun ritmo de probas PCR diarias semellante ao das semanas do pico da pandemia -1.933 nas últimas vinte e catro horas e máis de dúas mil diarias nas últimas dez xornadas- e malia aos brotes existentes na Mariña, Betanzos ou Vilalba -este último vinculado coa Mariña, segundo informou o Concello vilalbés-, o número de casos novos detectados ao día tende a descender a niveis de principios de xuño.
Sen casos novos no brote da Mariña e cero "activos" en Ferrol
As cifras do Sergas -os datos do Ministerio de Sanidade, que difunde a partir da información fornecida polas comunidades autónomas, non se actualizan en fin de semana- para este domingo apuntan a que, no caso concreto do brote da Mariña, a situación tende a mellorar. Sanidade computa 7 novas altas de persoas atinxidas polo abrollo mariñao, polo que o número de persoas que seguen sendo positivas por covid-19 ligadas ao brote quedan en 112.
Atendendo a todos os comunicados ofrecidos pola Xunta dende o comezo do brote e ás posteriores aclaracións da Consellería de Sanidade, que admitiu que divulgara menos casos dos reais a pasada semana alegando "erros", o total de persoas de alta consideradas "curadas" polo Sergas tras estaren afectadas polo brote sería agora de 122. O total acumulado, daquela, manteríase en 240. [A Xunta liga a un erro nos datos das altas a publicación de menos positivos dos reais no brote da Mariña]
Os comunicados xerais divulgados polo Sergas para toda Galicia seguen sen conter este domingo información específica sobre o resto de brotes. O de Betanzos mantense en 10 positivos, segundo fontes sanitarias citadas por La Opinión de A Coruña, e o de Vilalba suma dous casos, indica información fornecida polo Concello de Vilalba a El Progreso, para un total de 6.
Cabe deducir que dous dos cinco casos novos están no brote de Vilalba e outros tres no resto de Galicia mentres a área de Ferrol rexistra cero "positivos activos" por primeira vez dende marzo
Daquela, cabe deducir que dos cinco casos novos notificados polo Sergas este domingo, dous serían en Vilalba e tres, noutros puntos do país. Non é posible coñecer onde, xa que a Xunta non divulga datos máis alá da variación de "positivos activos" por cada área sanitaria. Ese limitado balance permite, non obstante, saber que Ferrol é a primeira área sanitaria en poder notificar cero "positivos activos" dende o comezo da pandemia, tras desaparecer do cómputo o que lle quedaba. O primeiro positivo da área ferrolá foi notificado polo Sergas o 12 de marzo.
No resto de áreas sanitarias, todas permanecen sen variacións agás a da Coruña (cun "positivo activo" menos) e Lugo, na que este indicador cae en 9 casos, ata quedar en 139 "positivos activos". Dado que o Sergas indica que deses nove "activos" menos na área de Lugo, 7 son da Mariña, os dous restantes estarían en concellos do resto da provincia, que no seu conxunto sumarían 27 "positivos activos".
Melloran tamén nesta xornada as cifras de hospitalización. Non en termos absolutos, pero si polo feito de que o número de persoas na UCI volva quedar en cero. Mentres, os pacientes con test positivo da covid-19 ingresados en planta son agora 8, dous máis.
Concellos da Terra de Trives seguen amosando o seu malestar coa Xunta pola falta de información tras o positivo dun traballador chegado dende Catalunya
Mentres, na provincia de Ourense -onde o Sergas notifica este domingo apenas 5 "positivos activos"- séguese con atención a evolución da comarca da Terra de Trives, tras a aparición dunha persoa proveniente de Catalunya que deu positivo, segundo confirmaron os concellos de San Xoán de Río, Manzaneda e A Pobra de Trives. Na zona, confirmou o Sergas a La Región, hai 16 persoas en illamento por teren contacto co traballador que deu positivo.
Nesta liña, nun comunicado conxunto os tres concellos sinala que "os propios traballadores e Protección Civil" lles confirmaron que o persoal que tivo contacto co home que deu positivo van ser sometidos a probas. "Igualmente, segundo información recabada dende os concellos, dous dos traballadores abandonaron a área sanitaria, supostamente por recomendación do Sergas, sen que ata o de agora se nos comunicase tal extremo oficialmente". "A Xunta -agregan- ten a responsabilidade de coordinar, dirixir e información das accións que se levan a cabo e por iso esiximos que actúe con responsabilidade", conclúen.