Catorce casos novos de coronavirus en Galicia no medio da habitual nebulosa informativa, que impide coñecer con precisión en que concello, comarca ou área sanitaria se sitúan. O Servizo Galego de Saúde informa este 17 de xullo no seu habitual parte diario dun descenso de 6 "positivos activos" no conxunto de Galicia nas últimas vinte e catro horas -ata 218- e dun incremento de 20 que a Xunta denomina como "curacións", ata 11.054.
Os datos do Sergas permiten saber que un dos novos positivos se sitúa no brote da Mariña, pero non a situación dos outros 13
Estas variacións implican que o número de casos novos son 14, só un máis que no día previo. Non obstante, a información divulgada por Sanidade a nivel xeral impide coñecer onde se sitúan agás un, que sitúa ligado ao brote da Mariña. O abrollo mariñao, sempre segundo a Consellería, continúa a remitir e faino tras incorporar 20 novas altas e un só positivo novo, polo que os "positivos activos" baixan en 19 e quedan en 119.
Tendo en conta os casos referidos nos sucesivos partes do Sergas e as cifras que a Consellería de Sanidade recoñeceu tras admitir que o total de positivos publicados o pasado 10 de xullo eran menos dos reais, o total de persoas afectadas polo brote serían agora, cando menos, 240. Delas, 115 estarían de alta. Outras 459 están en "seguimento domiciliario" por teren contacto con persoas que deron positivo, 26 menos. A ausencia dunha base de datos pública do Sergas impide, non obstante, contrastar estes datos directamente. [A Xunta liga a un erro nos datos das altas a publicación de menos positivos dos reais no brote da Mariña]
Nos concellos da provincia de Lugo alén da Mariña aumentan os "positivos activos" de 22 a 29 e na área da Coruña soben de 27 a 31, cadrando cos brotes de Vilalba e Betanzos
Para o resto de Galicia, os novos casos non veñen acompañados con información sobre a súa ubicación. Si transcendeu que no brote de Betanzos as persoas infectadas seguen sendo 10 -sen variacións a respecto do día previo-. O feito de que os "positivos activos" da área de Lugo aumenten fóra da Mariña -o total da área descende en 12, pero nos concellos que non son do distrito da Mariña os "activos" pasan de 22 a 29- suxiren que no brote de Vilalba ou noutros están a rexistrarse novos casos. O pasado venres notificábanse 4 persoas no brote vilalbés.
Por áreas, eses "positivos activos" aumentan na da Coruña -que inclúe Betanzos- con catro máis, de 27 a 31. O Sergas rexistra un máis na área sanitaria de Ourense e outro máis na de Pontevedra, mentres que non comunica cambios no resto. Faltaría saber, daquela, onde se situaron 13 dos 14 novos positivos.
Concellos de Trives reclaman información á Xunta sobre un positivo na comarca que din ter confirmado
Neste sentido, nun comunicado conxunto os concellos de Manzaneda, San Xoán de Río e a Pobra de Trives sinalaban este venres que, "ante a ausencia de comunicación nin información por parte da Xunta", os gobernos locais "levamos a cabo unha investigación que deu como resultado a confirmación dun positivo nas Terras de Trives". Concretamente, dunha persoa que chegara a traballar á comarca procedente de Catalunya. Os tres concellos reclaman coñecer que medidas de seguimento puxo en marcha a Xunta para "evitar" un posible brote.
Afirman estes concellos que a persoa que deu positivo na comarca foi hospitalizada en Ourense. Mentres, os datos xerais do Sergas para Galicia indican que o número de persoas hospitalizadas con test positivo da covid-19 segue a ser de 7, unha delas na UCI.