A pandemia do coronavirus transita na última semana en Galicia por un período de relativa estabilidade, lonxe das baixas cifras dos primeiros días de xuño, pero tamén dos números disparados polo brote da Mariña a comezos de xuño. Sempre segundo a información divulgada polo Sergas, nas últimas vinte e catro horas, Galicia rexistrou 10 novos positivos da covid-19.
Atendendo aos datos divulgados na última semana pola Consellería de Sanidade, que non publica integramente a súa serie, Galicia estaría a rexistrar unha media duns 12 casos diarios na última semana, fronte aos 17 da anterior. Todo, con datos previos á detección do brote importado á Coruña polo equipo de fútbol do Fuenlabrada, a cuxo plantel lle foron realizadas este martes un total de 46 probas PCR. Dos resultados destes test e do rastrexo do seus contactos dependerá a evolución dos indicadores da cidade nos vindeiros días.
O número total de persoas afectadas polo brote da Mariña sería agora de 246, con 161 delas xa de alta
Mentres, os datos divulgados pola Xunta permiten saber que 3 dos 10 casos novos se corresponden co que ata agora é o maior brote rexistrado en Galicia dende a fin do confinamento, o da Mariña. Eses tres positivos contrastan, segundo Sanidade, con outras 41 probas PCR realizadas no distrito sanitario mariñao durante a xornada do luns, onde foron dadas de alta 10 persoas máis afectadas polo brote, indican.
Así, atendendo aos sucesivos comunicados do Goberno galego ao respecto e ás aclaracións verbais da propia Consellería a pasada semana, o número total de persoas afectadas polo abrollo da Mariña sería agora de 246. Delas, 161 estarían de alta. Mentres, quedan 79 casos "activos", sete menos que un día antes.
O aparente control do brote da Mariña continúa nunha xornada na que, por primeira vez dende o pasado 23 de xuño, cando foi detectado este abrollo, o Sergas indica unha cifra de probas PCR realizadas inferior ás mil. Foron, concretamente, 798 na última xornada, segundo Sanidade.
Dado que a Xunta non ofrece detalles ao respecto, non é posible saber con precisión onde se sitúan os restantes 7 casos novos, alén de que si transcendeu que houbo tres positivos en Arzúa nunha mesma familia no que, segundo recolle El Progreso citando á axencia Europa Press, foi un caso importado de Cataluña. Sanidade exprésase, como adoito, en termos de "positivos activos" e esta cifra descende en 24, ata os 178.
Os concellos da área de Lugo alén da Mariña experimentarían, segundo as cifras do Sergas, un descenso de 23 "positivos activos", xusto a mesma cifra na que se incrementaran o día anterior
Mentres, o que Sanidade sinala como "curacións" pasa de 11.082 a 11.116, trinta e catro máis. Este gran número de infeccións resoltas -que poden contar casos de persoas que nunca foron "positivos activos"- impide saber onde se sitúan os novos positivos detectados, xa que Sanidade non especifica máis que o número de "activos" por área sanitaria. Nesta ocasión, a área de Lugo experimenta un notable descenso, de 30 "positivos activos" menos, dos que cabe deducir que 23 son de concellos alleos á Mariña (no día previo, o número de "activos" dentro da área de Lugo fóra da Mariña aumentara xusto en 23 casos).
No resto de áreas, as variacións son pouco significativas. A máis relevante é a da Coruña, con 4 "positivos activos" máis, quedando en 31. Así e todo, non consta polo momento que sexan positivos vinculados ao brote importada polo club de fútbol do Fuenlabrada.
O Ministerio de Sanidade notifica 5 diagnósticos novos en Galicia
O MInisterio de Sanidade, pola súa banda, notifica no seu parte diario deste martes 5 diagnósticos novos da COVID-19 nas últimas vinte e catro horas para Galicia. A cifra é compatible cos 10 novos indicados polo Sergas porque ambos partes son pechados a horas diferentes e ademais, porque o acumulado da Xunta -cuxa serie non é pública-, inclúe tamén positivos en test de anticorpos as persoas sen síntomas.
O número é aínda máis compatible tendo en conta que o total acumulado que ofrece o Ministerio aumenta en dez diagnósticos para Galicia a respecto do do día anterior -as cifras acumuladas son revisadas continuamente-. Nesta actualización aumentan lixeiramente tanto os casos diagnósticados nos últimos 14 días como os diagnósticos da última semana. Tampouco deberan recoller, polo momento, os efectos do brote importado á Coruña.