O Estado constata que a Liga coñeceu o brote do Fuenlabrada antes de viaxar e A Coruña leva o caso á Fiscalía

O presidente da Liga, Javier Tebas (dereita), coa secretaria de Estado para o Deporte, Irene Lozano, e o presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, nunha imaxe de arquivo © CSD

A Liga de Fútbol Profesional sabía "o domingo ás 22h30" que o Club de Fútbol Fuenlabrada sufrira un brote de coronavirus no seu persoal. Concretamente, "tanto o club como La Liga coñeceron o primeiro positivo o sábado, 18 de xullo, ás 22h30" e vinte e catro horas máis, constataron a existencia de "tres positivos máis". Ou, o que é o mesmo, coñecían que superaran o limiar -tres casos- fixado polo Ministerio de Sanidade para identificar un brote da COVID-19 cando menos doce horas antes de voar á Coruña para xogar contra o Deportivo. Estes feitos van ser trasladados á Fiscalía este propio xoves polo Concello coruñés.

O Consello Superior de Deportes asegura que a Liga soubo "o domingo ás 22h30" da existencia dun brote de coronavirus no Fuenlabrada, que viaxou igualmente o luns á Coruña para enfrontarse ao Deportivo

Esta é unha das conclusións que o Consello Superior de Deportes, órgano dependente do Goberno de España, revelou este martes nunha nota oficial citando un informe solicitado polo propio Executivo á patronal do fútbol profesional sobre o brote de coronavirus importado a Galicia. A normativa vixente fronte á pandemia, evidencia o CSD, estipula que "en caso de brote, débese comunicar inmediatamente ás autoridade sanitarias", no seu caso a Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid, pero esta "non foi informada", admitiu a propia Liga ao CSD.

O Executivo madrileño admitía o propio mércores que, como o Servizo Galego de Saúde, non recibiron notificación dos positivos do Fuenlabrada ata "última hora" do luns. Isto é, cando o persoal do Fuenlabrada xa levaba varias horas na Coruña e cando o partido en Riazor xa fora suspendido por mor dos positivos. "Ante a aparición dun brote, o equipo non debeu viaxar o luns, por un principio elemental de prudencia", considera o CSD, mesmo "no caso de que sexa certo", como mantén o Fuenlabrada, que as probas CPR "practicadas o mesmo domingo" ao resto do equipo "deran negativos".

As redes sociais do Fuenlabrada recollen imaxes da súa viaxe en avión á Coruña CC-BY-NC-SA Praza Pública

O CSD considera que a viaxe do equipo a Galicia "puxo en risco" a saúde pública e fai "responsable" á Liga de "garantir" que os equipos cumpren os protocolos fronte á COVID-19

"Cometeuse un grave erro ao emprender a viaxe", asegura o Consello, quen defende que os xogadores pendentes de resultado das probas e que coñeceron os positivos cando xa estaban na Coruña "deberon quedar illados" en Madrid ata saber se padecían ou non a COVID-19. "A actuación do CF Fuenlabrada -continúa o CSD- puxo en risco a saúde dos seus xogadores, a saúde pública e a competición" nun contexto no que o departamento estatal introduce tamén un matiz: "o responsable de aplicar correctamente os protocolos é o club e o responsable de garantir que así se fai é La Liga". 

Eses protocolos, explica o Consello, recollen que "en caso de detectarse un positivo" no seo dun equipo, deben ser realizadas probas "a todo o grupo de adestramento, así como ao corpo técnico ou persoal co que tivese contacto", ficando "afastados ata a obtención de resultados". Por todo isto, o CSD "solicita" á Liga e á Federación Española de Fútbol que "estuden" o acontecido e "apliquen as medidas que consideren oportunas para evitar que un incidente semellante volva repetirse".

O Concello da Coruña, á Fiscalía

O goberno local coruñés pide ao Ministerio Público aclarar se "estamos ante unha conduta imprudente con risco exponencial para a saúde pública" e se os feitos son "constitutivos de delito"

O departamento de Deportes do Goberno de España non anuncia, cando menos no devandito comunicado, medidas adicionais que si confirmaba este mércores o Concello da Coruña. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, prevé "poñer en coñecemento do fiscal xefe da Audiencia Provincial" todo o acontecido por se os feitos "fosen constitutivos de delito".

"Existen -explica o Concello- indicios de coñecemento por parte das persoas responsables da Liga" da "existencia de positivos de membros do club Fuenlabrada antes de emprenderen a súa viaxe" á Coruña. "De ser certo", abondan, "estaríase incorrendo por parte da Liga de Fútbol nunha conduta imprudente". Por iso, a petición do Concello ao Ministerio Público tratará de "esclarecer" se "estamos ante unha conduta imprudente con risco exponencial para a saúde pública".

Inés Rey, alcaldesa da Coruña, o pasado 21 de xullo en rolda de prensa © Concello da Coruña

O Concello cre que a "ausencia de comunicación" do brote ata o serán do luns "impediu adoptar as medidas de illamento por parte das autoridades sanitarias"

Concretamente, o goberno local coruñés quere que a Fiscalía ratifique o momento exacto en que o Fuenlabrada comunicou os positivos á Liga e "investigue a ausencia de comunicación" por parte da propia patronal do fútbol "dos contaxios ás autoridades sanitarias de Madrid e Galicia". Para isto, pide que o fiscal solicite á Xunta "información sobre as probas" realizadas aos xogadores xa na Coruña e que confirme a hora en que a Liga informou o Sergas sobre o que estaba a acontecer.

"Os indicios e feitos que imos coñecendo acreditan un comportamento absolutamente imprudente e neglixente por parte da Liga, que creou un risco sanitario evidente ao non comunicar inmediatamente o foco de contaxio". Esa tardanza, coida a rexedora, "impediu que se adoptasen as medidas de illamento por parte das autoridades sanitarias".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.