Os protocolos do Ministerio de Sanidade establecen, tanto para a poboación en xeral como para o eido laboral en particular, que "os casos confirmados" da COVID-19 son "de declaración obrigatoria e urxente" e os casos "sospeitosos" de positivo por coronavirus "se notificarán de forma agregada e diaria". Durante a pasada fin de semana, o Club de Fútbol Fuenlabrada soubo da existencia de "tres empregados do club contaxiados" e por iso realizou máis test PCR dos previstos ao seu persoal. Mentres, a autoridade sanitaria correspondente, a Comunidad de Madrid, asegura que non tivo ningunha alerta ao respecto ata o serán do luns, cando o equipo levaba unhas nove horas na Coruña.
A Comunidad de Madrid asegura que está a investigar por que "non se notificou no seu momento" a existencia de positivos entre o persoal do Fuenlabrada, dos que asegura que non soubo "ata última hora do luns", igual que a Xunta
É o resumo da situación descrita durante a xornada deste mércores por dous dos múltiples actores implicados no caso do brote de coronavirus importado polo devandito conxunto deportivo dende Madrid ata A Coruña, onde o Fuenlabrada ía xogar contra o Deportivo. O presidente da entidade deportiva, Jonathan Praena, defendeu en rolda de prensa a través de internet que a súa sociedade anónima deportiva non viaxou "cometendo unha neglixencia", recolle Infolibre. Mentres, a Comunidad de Madrid mantén que soubo da existencia de positivos no Fuenlabrada co equipo xa na Coruña.
O vicepresidente madrileño, Ignacio Aguado (Ciudadanos), foi cuestionado ao respecto en rolda de prensa, tamén retransmitida a través de internet. Alén de ratificar as cifras ofrecidas pola Xunta -seis positivos ratificados na Coruña, que se sumarían aos 3 que ficaran en Madrid-, Aguado asegura que, como o Sergas, tamén a sanidade madrileña "está investigando" por que "non se notificou no seu momento como deberan" para así "actuar antes" no eido do illamento e rastrexo de contactos.
O certo, asegura o alto cargo madrileño, é que a Comunidad de Madrid "non tivo esta información" ata "última hora do luns". Isto é, practicamente ao mesmo tempo que a Xunta. Non en van, a Consellería de Sanidade mantén que coñeceu do brote importado polo Fuenlabrada á Coruña a través dun correo electrónico do departamento legal da Liga ás 20:17 do propio luns, menos dunha hora antes da hora prevista para o inicio do partido e cando o encontro xa fora suspendido por mor do brote.
O Sergas confirmou este mércores o illamento de tres condutores de autobús e un afeccionado que tiveron contacto co persoal do Fuenlabrada na Coruña
As declaracións de Aguado coinciden coas do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. A preguntas da prensa na comparecencia onde anunciou a fin do peche de Burela polo brote da Mariña, Almuíña sinalou que, en aplicación da normativa, "calquera laboratorio privado", como o que analizase as probas PCR do Fuenlabrada, "ten que comunicar calquera positivo".
"Calquera laboratorio privado en Galicia así o fai, por saúde pública, pero aquí non se deu", sinalou Almuíña. Na mesma comparecencia, ratificou que alén dos seis positivos entre o persoal do Fuenlabrada, o Sergas tamén vai facer probas PCR a tres condutores de autobús que transportaron o Fuenlabrada na Coruña e mais a un afeccionado que tivo contacto co equipo. Estas persoas permanecen illadas por precaución ata coñecer se puideron ser contaxiadas. Na mañá deste xoves, Radio Coruña adiantou que o resultado das probas foi negativo para estas catro persoas. [O Fuenlabrada voou a Alvedro malia ao veto nos aeroportos a persoas en contacto con positivos por coronavirus]
Tratamento diferente a calquera outro sector
Alén da comunicación serodia dos positivos -a cal é negada polo Fuenlabrada, cuxo presidente reitera que "poñemos sempre a información ao servizo da Liga e dos nosos servizos médicos", recolle a TVG-, o brote importado á Coruña está a poñer de relevo que, na práctica, os protocolos sanitarios aplicados no reinicio de actividade do fútbol profesional non son equiparables aos que rexen para o resto da poboación e de sectores económicos e profesionais en aspectos como o xeito de proceder tras xurdir un positivo.
O presidente da patronal do fútbol español, Javier Tebas, resumía antes do reinicio da competición o modo de actuar cando un xogador dá positivo por coronavirus. "Se hai un positivo, a Liga non se deterá. Afastarase a ese xogador e será sometido a un control, pero a competición continuará", tamén cos seus compañeiros de equipo se estes dan negativo, resumiu sobre o seu protocolo. A xuízo do conselleiro Almuíña, ese protocolo presenta "lagoas".
A Liga xa advertira de que "se hai un positivo" dun xogador, a competición "non se deterá"; mentres, a normativa xeral especifica o illamento de contactos "estreitos" en calquera ámbito persoal ou profesional
Se isto sucede en calquera outro sector, o illamento vai máis alá da persoa infectada. Así, tal e como determina a Estratexia de Detección Precoz, Vixilancia e control da COVID-19 do Ministerio de Sanidade, vixente dende maio e actualizada na súa última versión o pasado 9 de xullo, calquera "contacto estreito" dunha persoa con infección confirmada debe permanecer baixo vixilancia e "en corentena durante os 14 días posteriores ao último contacto" coa persoa infectada.
Un "contacto estreito", segundo este protocolo, é -entre outras- "calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso, a unha distancia menor de 2 metros e durante máis de 15 minutos". O Fuenlabrada defende que este suposto non se dá entre os seus xogadores porque nos adestramentos están en contacto por tempos inferiores aos sinalados. Tamén ten consideración de "contacto estreito" calquera persoa que "nun avión, tren ou outro medio de transporte de longo percorrido" sentase "nun radio de dous asentos arredor dun caso" confirmado de COVID-19.