Galicia rexistra 27 casos novos de coronavirus, 8 deles no brote da Mariña

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Non son en absoluto as cifras de novos positivos que se rexistraban a mediados de marzo e tampouco a situación de Galicia é tan grave como noutras zonas do Estado como Aragón, Cataluña, Madrid ou Navarra, pero os casos de coronavirus manteñen unha tendencia ascendente no noso país. O Sergas notificou este venres un total de 27 positivos novos, que se unen aos 39 de onte, no que foi o peor dato dende maio. 

Os casos de coronavirus manteñen unha tendencia ascendente no noso país neste mes de xullo

Ademais, xunto á incorporación de novos focos de preocupación nos últimos días, coma o brote de Porriño ou o dos xogadores do Fuenlabrada na Coruña, as cifras da Consellería de Sanidade dan conta hoxe de 8 novos casos no brote da Mariña, o meirande incremento dende o pasado 10 de xullo, despois de dúas semanas de indicadores moi reducidos.

Dende o remate do estado de alarma, o pasado 15 de xuño, e despois de dúas semanas iniciais dun número moi reducido de novos casos (un máximo de 13 ao día), o número de positivos diarios volveu medrar a partir do 1 de xullo, motivados principalmente polo brote no norte de Lugo, pero tamén por outros de menor consideración.

Estes 27 novos positivos provocan un incremento notable do número de 'casos activos', que pasan de 163 a 180, ao haber só 10 altas

Estes 27 novos positivos provocan un incremento notable do número de 'casos activos', o indicador que adoita manexar o Sergas. A cifra pasa de 163 a 180 nun día, debido a que só se produciron 10 altas de pacientes, mentres que nas xornadas anteriores os novos casos (en ocasións mesmo máis numerosos) foran compensados por unha cantidade moito máis importante de 'curacións'.

A cifra de 'curacións' chega este venres a 11.197, nun indicador que inclúe tanto a "positivos activos" que deixaron de selo como a persoas que deron positivo en test de anticorpos, pero xa non teñen síntomas.

Destes 180 casos activos, 10 están en unidades de hospitalización (ningún en UCI) e 170 no domicilio. Un día máis, seguen sen producirse novos falecementos en Galicia, fixada a cifra total en 619 dende hai moitas semanas.

Nas últimas 24 horas leváronse a cabo 1.495 probas PCR en Galicia, unha cifra que se mantén en niveis inferiores aos rexistrados nas semanas anteriores, cando medraban os datos do brote da Mariña.

O brote da Mariña rexistrou 8 casos novos, a cifra máis elevada dende o pasado 10 de xullo

As novidades nesta xornada chegaron tamén dende o brote da Mariña, que rexistrou 8 casos novos, a cifra máis elevada dende o pasado 10 de xullo. Esta incorporación de novos infectados fixo tamén que o número de casos activos ascenda por primeira vez dende o 11 de xullo. Pasa de 48 a 56, ao non producirse ningunha alta nova.

O Sergas informa de que na última xornada se realizaron 60 PCR asociadas ao brote, das que 8 foron positivas e as 52 restantes negativas. A Consellaría de Sanidade destaca que malia o incremento deste venres, "a porcentaxe de PCR positivas é moi baixa respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das PCR realizadas eran positivas".

Dos 56 casos activos, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve e só catro persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Ademais, nestes momentos hai 350 persoas en seguimento domiciliario (contactos estreitos das persoas que deron positivo nas probas PCR e que tamén deben gardar unha corentena). Son sete menos ca onte.

Dos 180 casos activos, 43 son da área da Coruña, 80 da de Lugo, 4 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 31 da área de Vigo, 11 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.

Medra o número de casos activos nas áreas da Coruña, Lugo e Vigo

Nos datos por área sanitaria, destaca o ascenso dos datos de Lugo por mor do incremento de casos activos na Mariña. De igual xeito, mantense a tendencia á alza dos últimos días nas áreas sanitarias da Coruña (onde se atopa o brote do Fuenlabrada e hai uns días produciuse un en Betanzos) e de Vigo (que rexistra un brote no Porriño). En cambio, tanto Santiago, Ourense como Ferrol (que se mantén con cero casos activos un día máis) presentan cifras moi inferiores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.