As visitas a residencias de anciáns serán autorizadas se superan unha enquisa de síntomas de coronavirus

O plan de desconfinamento das residencias inclúe diversos requisitos para persoal e visitas, entre elas non ter síntomas da covid-19 CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

O pasado venres, o Consello da Xunta deu o visto e prace ao Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2. O documento, datado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas no pasado 12 de maio, está orientado ao desconfinamento gradual nas residencias de persoas maiores e dependentes que ficaron illadas por mor do coronavirus e, no caso dos centros de día, á súa reapertura. No que atinxe ás residencias, que este domingo mantiñan 164 positivos de coronavirus entre residentes e outros 122 de persoal, cun total de 270 mortes, recolle a posta en marcha de actividades suprimidas para as persoas residentes e tamén volver autorizar visitas, aínda que con restricións.

O desconfinamento nas residencias de maiores non comezará ata que Galicia estea na fase 2, o que en principio leva o seu inicio ata o 25 de maio, e implica un notable traballo previo para o persoal dos centros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou prever a aplicación deste plan nas residencias -non así nos centros de día- dende este 18 de maio. Facíao remitíndose á autorización do Goberno de España, no marco do plan de desconfinamento xeral, para reabrir os centros de atención a maiores e dependentes que foran pechados pola pandemia -caso dos centros de día, que o Goberno galego non prevé reabrir polo momento-. Non obstante, ese mesmo venres o Ministerio de Sanidade advertía, a preguntas de Praza.gal, que cumpría remitirse a ordes ministeriais concretas do plan de desconfinamento para aspectos como as visitas. E o pasado sábado ficaba claro que a "reactivación" das residencias non encaixa nese plan ata a súa fase 2. Isto é, como moi cedo, o 25 de maio.

Daquela, o prazo anunciado por Feijóo o venres non vai cumprirse. Así e todo, fontes consultadas por Praza.gal confirman que profesionais de centros de maiores e dependentes públicos e privados de competencia da Consellería de Política Social -e tamén outros aos que o plan non afecta- recibiron este domingo, 17 de maio, o que foi indicado como versión "definitiva" do Plan de reactivación. É un documento de 47 páxinas ao que tivo acceso Praza.gal e que recolle os requisitos que deben cumprir as residencias e os concellos nos que se atopan para accederen ao plan de desconfinamento cando este entre en vigor.

Enquisa epidemiolóxica sobre o coronavirus á que terá que responder o persoal das residencias e tamén as persoas que queiran realizar visitas

O plan recolle que as residencias poderán acceder ao desconfinamento se non teñen caso ningún de covid-19 e están en concellos con menos de 3 positivos novos por cada 5.000 habitantes nos tres días previos e non por cada 100.000, como indicara a Xunta inicialmente

Para acceder á reactivación, as residencias deben levar un mínimo de quince días sen ningún caso de covid-19 entre as persoas residentes e o seu persoal. Este criterio coincide co avanzado pola Xunta, pero non así o referido ao municipio no que se atope a residencia. 

O Goberno galego e o propio Feijóo indicaron que no concello do que se trate deben rexistrarse "3 ou menos casos de covid- ao día por cada 100.000 habitantes", pero o documento indica que a incidencia debe ser de 3 ou menos casos novos "por cada 5.000 habitantes/día" nos "tres días previos". A Xunta segue sen divulgar dato ningún en aberto sobre a incidencia do virus por concellos, polo que a listaxe de municipios que cumprirían este requisito segue sen ser pública.

No referido ás visitas, o comezo do desconfinamento implicará permitir "unha visita á semana", pero con varias restricións e cautelas ademais de pedir cita que implicarán un traballo previo por parte do persoal, labor que a prioría tornaría inviable aplicar o plan dende este 18 de maio, o cal non vai suceder. Ese traballo preparatorio afecta tamén a persoal do Sergas da área sanitaria na que estea o centro.

 Así, sempre segundo o documento de Sanidade ao que tivo acceso este diario, cada centro elaborará "unha listaxe de persoas de referencia de cada residente que deberán estar exentas de síntomas compatibles coa covid-19. Para comprobalo, "realizaráselles unha avaliación de síntomas" mediante a mesma "enquisa clínico epidemiolóxica" que será aplicable ao persoal.

As primeiras visitas a residentes que vivan en centros que accedan ao plan de desconfinamento terán que ser no exterior ou nun espazo do interior "habilitado para tal fin"; as visitas nos cuartos quedan restrinxidas para "o caso de persoas residentes encamadas"

Concretamente, as "persoas de referencia" terán que declarar respondendo "si" ou "non" se padecen ou padeceron nas últimas dúas semanas síntomas como febre maior a 37,5 graos, tose seca, dificultade respiratoria, fatiga severa, dor muscular, falta de olfacto, falta de gusto ou diarrea, así como se "existe algún motivo que xustifique" estes síntomas alén da posible infección por coronavirus. Asemade, terán que especificar se nas tres semanas previas tiveron contacto ou conviviron con alguén con test positivo de coronavirus ou en illamento por ser un caso sospeitoso da covid-19.

Se a enquisa é superada, o persoal das residencias terá a encomenda de "verificar" que as visitas "realizan hixiene de mans" e "facilitarlles unha máscara". "Segundo a fraxilidade da persoa residente, a visita poderá realizarse no exterior" -no caso de centros con paseos ou xardíns- ou "nun espazo interior habilitado para tal fin". "En cada residencia -indica o protocolo- analizarase a dispoñibilidade de espazos e capacidade para establecer un número máximo de persoas de forma simultánea" e só se permitirán visitas nos cuartos "no caso de persoas residentes encamadas". Ademais, "intensificaranse as medidas de limpezas e desinfección entre quendas e ao finalizar o horario de visitas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.