Terceiro día consecutivo con máis de cen casos de coronavirus, o 60% na Coruña, e máis de 2.000 PCR

Toma de mostras para unha PCR nun centro sanitario navarro CC-BY-NC-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

A liña da pandemia do coronavirus segue sendo ascendente en Galicia e a que tira dela cara a arriba segue sendo, sobre todo, a área sanitaria da Coruña. Este 14 de agosto é posible calcular a partir do comunicado diario do Sergas -que non ofrece o dato directamente- a detección de 136 novos casos da COVID-19 en Galicia, máis de cen por terceiro día consecutivo e media ducia menos que no día previo. 

Como na xornada anterior, a maioría corresponden coa contorna coruñesa, a piques de chegar á súa primeira semana de restricións para tentar conter o rebrote. Son un total de 86, o 63% do total, tendo en conta os datos de altas fornecidos pola área sanitaria da Coruña-Cee (12) e a variación de "positivos activos" (+74) que para esa área indica a Consellería de Sanidade.

Os novos casos na área da Coruña equivalen ao 11% das PCR realizadas na xornada, mentres que no conxunto de Galicia os positivos supoñen o 5% dos test

Por primeira vez dende o pasado 20 de maio, Galicia supera o milleiro de "positivos activos", indicador de referencia para a Xunta. Son 115 máis que o día anterior -o maior incremento dende o 25 de abril- cunha suba moi concentrada na contorna coruñesa, onde polo momento non se percibe o incremento "notabilísimo" de probas PCR anunciado polo Goberno galego na zona.

Na área da Coruña foron realizadas 772 probas PCR nas últimas vinte e catro horas, confirma o CHUAC, 77 menos que o día previo. Isto supón que os novos positivos detectados equivalen ao 11% das PCR feitas (cómpre ter en conta que un mesmo paciente pode precisar máis dunha). Mentres, no conxunto de Galicia o total de novos casos equivalen ao 5% das 2.697 PCR feitas no terceiro día consecutivo con máis de dúas mil. 

A Organización Mundial da Saúde considera un "indicio" de que a epidemia "está controlada" se os novos positivos equivalen a "menos do 5%" das probas feitas. Galicia superou este limiar os pasados días 8, 10 e 11 de agosto, cando comezaron a dispararse os positivos na Coruña. Nos pasados meses de xuño e xullo transitou durante semanas por valores inferiores ao 1%.

32 das 42 persoas hospitalizadas con test positivo, ningunha na UCI, son da área da Coruña

A área coruñesa aglutina o maior número de casos novos e o seu peso tamén é clave no total de casos que están a requirir hospitalización. Case oito de cada dez persoas con test positivo que están ingresadas en Galicia son da área sanitaria coruñesa: de 42 pacientes ingresados (ningún na UCI, segundo o Sergas), 32 deles están en hospitais da Coruña.

No último día non se rexistraron novos falecementos, informa Sanidade, polo que o total segue sendo de 623. Destaca ademais nos datos da xornada a desaparición dos tres casos positivos que foran detectados entre residentes do centro DomusVi Matogrande, na Coruña, polo que, segundo a Consellería de Política Social, os únicos positivos ligados a estes centros serían agora os de senllos traballadores de residencias de Xove e Paradela.

Evolución no resto de Galicia

No resto de Galicia, alén da Coruña, a evolución da pandemia tamén é á alza, pero con ritmos moito menores. Non en van, ao resto do país corresponden 50 dos 136 casos novos e o 41% dos 1.053 "positivos activos", indicador que depende do número de casos novos pero tamén das altas e que, polo tanto, é máis difícil que descenda se nas semanas previas se produciron repuntas nos contaxios.

Nesta xornada, a área sanitaria con maior incremento de "positivos activos" tras a da Coruña é a de Vigo, con 16 máis, seguida de Ourense, con 13 máis. O resto de incrementos son moito menores e en Santiago rexístrase un descenso dun caso "activo". A incidencia de "positivos activos" (casos por cada 100.000 habitantes) amosa tamén como o impacto da pandemia é agora moito maior na Coruña: 112 casos nesa área fronte a 23 en Vigo, a segunda en número absoluto de "activos".

No resto de Galicia destacan tamén, nas últimas horas, brotes nas áreas de Lugo e Ourense

A evolución dos días vindeiros dependerá non só da efectividade das restricións da Coruña, que polo momento non afectan á mobilidade, senón tamén da evolución dos brotes que agromaron nas últimas horas. É o caso do detectado en Cospeito, na Terra Chá, con ata 10 persoas ligadas a unha visitante da Coruña e sen vínculo ningún co brote entre os xornaleiros que traballan na localidade e residen en concellos lindeiros, con media ducia de positivos e máis dun cento de probas negativas.

Tamén son significativos, entre outros, os brotes detectados na provincia de Ourense, ligados a reunións familiares. Segundo puido confirmar La Región, neles hai varios nenos afectados, todos con sintomatoloxía leve. Mentres, continúan en seguimento outros como o detectado en torno a un campamento en Cerdido, que provocou o incremento significativo da área de Ferrol nos últimos días.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.