Galicia volve sumar máis de 200 casos de coronavirus nun día e outras catro mortes

Espazo para a realización de probas PCR no centro de saúde do Ventorrillo, na Coruña © Concello da Coruña

A tendencia da pandemia do coronavirus en Galicia volve roldar os 250 novos casos ao día. Despois da forte suba coñecida o pasado mércores cos datos do martes, día 8, na que o forte brote na residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei contribuír a disparar esta cifra por riba dos 300 positivos novos nun só día, os datos deste xoves -correspondentes ao mércores- permiten calcular que o Sergas suma 274 casos novos, o que deixa a media diaria dos últimos sete días na contorna dos 250, rozando os máximos desta segunda vaga, pero lonxe das cifras do pasado mes de marzo.

A cifra de "positivos activos", referencia para a Xunta, baixa por mor da suma de ata 276 altas

O comunicado diario do Sergas indica que os "positivos activos" son este 10 de setembro 4.358, seis menos que un día antes, o que supón o segundo descenso en tres días tras experimentar subas a diario dende finais de xullo. Non obstante, a causa desta baixada non é a inexistencia de casos novos -son os devanditos 274-, senón a suma de ata 276 altas -a maioría, de pacientes que estaban illados a domicilio-, que chegan ás 14.434 "curacións", e tamén doutras 4 mortes.

Un dos catro novos falecementos é o dun home que vivía na residencia de maiores do Incio

Estes catro novos falecementos sitúan a cifra total de pasamentos vinculados á pandemia en Galicia en 672. Unha destas persoas, un home de 73 anos, morreu no hospital Lucus Augusti de Lugo pero vivía na residencia de maiores da Fundación San Rosendo no Incio. As outras tres persoas non tiñan vínculos con residencias, segundo confirma a Consellería de Sanidade: trátase de dous homes que estaban ingresados nos hospitais da Coruña e Ourense, de 87 e 81 anos, respectivamente, e dunha muller de 78 anos que permanecía hospitalizada no Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Máximo de PCR nun día cun 6% de positividade

Estes datos correspóndese coa que pasa a ser a xornada con máis probas PCR realizadas nun único día dende o comezo da pandemia en Galicia. A cifra total destes test ascende a 380.003, segundo o Sergas, polo que as procesadas durante este mércores, 9 de setembro, foron un total de 5.368, a maior cifra rexistrada ata agora nun día. Os anteriores picos no número de probas PCR diarias foran algo máis de 4.000, o pasado 25 de abril, e as 5.200 do 4 de setembro.

Este elevado número de probas implica que os novos casos detectados, os devanditos 274, equivalen ao 6,2% das PCR feitas, un punto menos que o día previo, marcado polo brote da residencia de Outeiro de Rei. O limiar fixado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia nun territorio é o 5%, se ben cómpre ter en conta que, a ausencia dunha serie completa de datos da Xunta impide saber con precisión se ambas cifras -casos novos e probas novas- son do mesmo día. Cómpre ter en conta ademais que cada paciente pode precisar máis dunha proba.

Tres hospitalizacións máis

O número de novos casos diarios tende á estabilidade e tamén o fai a cifra de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19. A cifra sitúase este 10 de setembro en 209, tres máis que un día antes, o cal non quere dicir que se rexistrasen unicamente tres novas hospitalizacións, dado que parte das altas tamén poden ser hospitalarias. A Xunta non ofrece estes datos, polo que non é posible afirmalo con exactitude.

Os centros de maiores e dependentes suman 260 positivos, 142 deles na DomusVi de Outeiro de Rei

Vinte e cinco das persoas hospitalizadas están en unidades de coidados intensivos -as mesmas que o día anterior e as restantes 184 permanecen en unidades ordinarias de hospitalización. Mentres, as persoas illadas nos seus lugares de residencia ascenden a 4.149, cifra que inclúe a 260 persoas usuarias de residencias de maiores e persoas con discapacidade. O centro con máis casos positivos "activos" segue a ser a residencia DomusVi de Outeiro de Rei, con 142 residentes afectados pola COVID-19 (o centro ten 189 prazas totais, segundo a empresa) e 24 membros do seu cadro de persoal na mesma situación.

O maior ascenso de "activos", en Pontevedra

No que atinxe á variación de "positivos activos", a foto fixa da pandemia por áreas sanitarias -non equiparable á variación de casos novos, que a Xunta non divulga-, nivel territorial máis preciso ao que o Sergas se refire (Sanidade segue negándose a facilitar os datos por concellos ou comarcas, que si facilitou a un único medio de comunicación), o maior incremento rexístrase este xoves na área de Pontevedra-O Salnés con datos do mércores, día no que a Xunta decidiu incluír o concello de Pontevedra entre os afectados polas restricións especiais para frear os contaxios. [Da aceleración de Pontevedra á "agrupación de casos" na Coruña: os argumentos oficiais das novas restricións fronte ao coronavirus]

A área sanitaria de Lugo, disparada na xornada previa neste indicador por mor do brote na residencia de Outeiro de Rei, rebaixa este indicador (-26) pero segue sendo a que presenta unha maior incidencia do mesmo -280 casos por cada 100.000 habitantes- por diante da Coruña, con 255. A área da Coruña-Cee, non obstante, continúa sendo a que rexistra un maior número de "positivos activos" (1.407) malia ao descenso das últimas horas (-17) impulsado polo alto número de altas -79, segundo informa a área sanitaria-, o que supón algo máis de 60 casos novos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.