A Xunta decidiu confinar perimetralmente os concellos de Ourense e Barbadás, así como aumentar as restricións nalgunhas outras comarcas da provincia, como medida de "prevención e anticipación" e tendo en conta especifidades da zona, como "a idade da poboación". E fíxoo, sobre todo, para evitar que o contaxio se espallase fóra desa área agora restrinxida ante unha "expansión" que, recoñece Sanidade, estaba descontrolada.
A Xunta decide confinar perimetralmente Ourense e Barbadás para evitar a expansión do contaxio e tendo en conta a idade da poboación na provincia
O doutor do Hospital de Lugo (HULA) e membro do comité clínico que asesora a Xunta, Sergio Vázquez, lembrou que as taxas de incidencia acumulada a tres, sete e, sobre todo, 14 días "estaban por riba de 400 casos" en Ourense e achegábanse en Barbadás, cun "incremento de presión asistencial en hospitalización" que non era grave pero si dabondo como para tomar medidas.

Por iso se acordou, tal e como aclarou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, establecer un "anel permietral" arredor de Ourense e toda a comarca, ademais de noutras limítrofes con outro "perímetro de seguridade" e nas que se aumentaron as restricións sen chegarse a prohibir a mobilidade entre municipios.
"Non se estaba controlando a expansión", recoñece o Sergas, que fala de "bomba vírica, cun centro claro en Ourense e Barbadás, que se ía estendendo"
O doutor Vázquez xustifícao ante unha situación que definiu como "unha bomba vírica, cun centro claro en Ourense e Barbadás, que se ía estendendo a concellos limítrofes". "Non se estaba controlando a expansión", recoñeceu, tras solicitar á poboación que "cumrpa" coas medidas e non saia dos concellos confinados.
Aínda que, como aclarou José Flores, xerente do Sergas, a "capacidade asistencia"l dos hosptiais galegos e de Ourense "está garantida", as advertencias e peticións de responsabildiade á cidadanía, "especialmente á xente nova", foron constantes.
"Non é cuestion de librar unha multa, é unha cuestion de salvar unha vida", di o comité clínico do Sergas, que pide evitar "a picaresca" e cumprir coas medidas
Así, Tato Vázquez Lima, tamén membro do comité, lembrou que a reacción ante as medidas "non é un xogo de picaresca". "É unha partida contra a morte, estamos xogando a vida e a morte", dixo quen asegurou que os expertos tentan "evitar o contaxio, non castigar a ninguén". Por iso, asegurou que de non facer o recomendando, "haberá máis incidencia acumulada que afectará xente maior e teremos situacións de dor e sufrimento". "Non é cuestion de librar unha multa, é unha cuestion de salvar unha vida" , insistiu.
Por outra banda, o conselleiro Comesaña, preguntado polo feito de que se apliquen máis restricións que noutros lugares de España con maior incidencia do virus logo de que a Xunta votase en contra das impulsadas polo Estado, aclarou que se debe a un "marco de anticipación".
"Tomamos estas medidas lonxe da situación que recolle a recomendación do Ministerio, pero temos que anticiparnos porque hai parámetros, como é a idade de poboación, que estamos analizando e que nos suxiren levalas a cabo", explicou.
Respecto dos datos, o conselleiro explicou que a cidade de ourense rexistra unha taxa acumulada nos últimos 14 días de 417,2 casos por 100.000 habitantes e en 254,7 nos últmos sete días, catro ou cinco veces por riba da media galega. Ademais, contabilizáronse 138 novos casos nos últmos tres días e 439 en dúas semanas, un incremento que tamén se dá na comara, con 164 contaxios nos últimos tres días frotne aos 76 dos tres anteriores. Ademais, a positividade de PCR sitúase xa no 11%.
Todos estes datos non son publicados pola Xunta, máis alá de mencións puntuais en roldas de prensa como a deste mércores.