A área sanitaria de Ourense -e nomeadamente a propia cidade das Burgas- converteuse nas últimas dúas semanas no principal foco de preocupación en Galicia polo incremento dos contaxios de coronavirus. Mentres que a situación no resto de Galicia continúa estable, mesmo con descensos no número de casos, a área ourensá continúa a incrementar a súa incidencia.
Galicia rexistrou no último día 200 novos positivos de coronavirus
Este martes, segundo a información notificada pola Consellaría de Sanidade este mediodía, a área sanitaria de Ourense aumenta de 1.037 a 1.084 o seu número de casos activos. Este indicador duplicouse nos últimos 15 días, o que leva a que a incidencia acumulada do coronavirus na área ourensá (355 casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas) sexa máis do dobre que a media galega (154,36).
Este luns faleceron outras 8 persoas que enfermaran de covid, o que eleva a 765 o número de mortes dende o inicio da pandemia
Nas últimas a Xunta foi incrementando as restricións na cidade de Ourense, onde dende o pasado venres están prohibidas as reunións de persoas que non convivan. Verín e O Barco tamén contan con medidas para previr os contaxios de coronavirus
Galicia rexistrou no último día 200 novos positivos de coronavirus, por debaixo das 254 notificadas este luns. Porén, o empeoramento dos datos ourensáns leva días incrementando a media de casos positivos detectados en Galicia. Hoxe sitúase nunha media de 207,3 casos por día na última semana, despois de que ao longo do mes de setembro esta media fose baixando ata os 185 casos diarios.
Este martes hai que lamentar, ademais, 8 novos falecementos de persoas que enfermaran de covid-19. Estas mortes elevan a 765 a cifra total de defuncións dende o inicio da pandemia en Galicia. Dende comezos de agosto houbo 146 mortes.
A incidencia acumulada da enfermidade en Galicia sitúase este martes nos 107,58 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade. É a segunda incidencia máis baixa de todo o Estado, superando unicamente o dato das Illas Canarias, e moi por debaixo da media española (273,69 casos).
O número de probas PCR realizadas segue a ser moi elevado. Este luns foron 4.976, por riba dos datos da pasada semana (4.339). A media nos últimos sete días está próxima aos seis mil test diarios realizados (5.993).
A taxa de positividade está en Galicia no 4,3%, moi por debaixo da media española (10,2%) e máis aínda do dato de Madrid (18,2%).
Os positivos baixan en todas as áreas sanitarias agás a ourensá, que continúa a empeorar a súa situación, co dobre de casos que hai 15 días
En total, os casos activos medran este martes en Galicia ata os 4.119 fronte aos 4.101 do día anterior. Aumenta tamén o número de 'altas' ou 'curacións', que pasan a ser 20.344.
Dos 4.119 casos activos, a maior parte atópanse nos seus domicilios (3.885), con síntomas leves. O número de persoas ingresadas con covid nos hospitais galegos mantense nos 234, fronte aos 241 do día anterior. Delas, 35 están nas UCI (dúas menos ca onte) e 199 noutras unidades de hospitalización (cinco menos).
O 3,1% das camas hospitalarias galegas están ocupadas por persoas con covid--19, fronte a unha media do 9,08% no conxunto do Estado. Nas camas das UCI a ocupación en Galicia é do 4,97%, mentres que a media española elévase ao 17,68% e en Madrid ata o 40,53%.
As residencias de maiores e de atención á discapacidade suman 270 casos activos entre as súas persoas usuarias e 121 entre o seu persoal, por debaixo dos datos de onte (308 e 133).
A Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei), con 150 positivos, e a Residencia Nosa Señora do Viso (Lobeira), con 64, so os centros cun maior número de casos, por diante da Residencia O Incio, con 51.
Dos casos activos, 818 son da área da Coruña (2 menos ca onte), 493 da de Lugo (2 menos), 1.084 da de Ourense (47 máis), 667 da de Pontevedra (18 menos), 412 da área de Vigo (7 menos), 527 da de Santiago (1 menos), e 118 da de Ferrol (1 máis).
Ourense (355 casos por cada 100.000 habitantes) máis que duplica a incidencia acumulada do conxunto de Galicia (154)
Como diciamos, a área ourensá é a que presenta unha evolución máis negativa, duplicando o seu número de casos activos nas últimas dúas semanas. Isto fixo que a súa incidencia acumulada escalase ata os 355 casos activos por cada 100.000 habitantes, máis do dobre que a media galega (154 casos).
Tan só Pontevedra (228 casos) está tamén claramente por riba da media do conxunto do país. Lugo (155 casos) e A Coruña (148 casos) e Compostela (118 casos) sitúanse con medias inferiores. Vigo (72 casos) e Ferrol (66 casos) seguen a ser as áreas que presentan unha incidencia menor.