Galicia ten neste momento unha taxa de positividade do 5,52% (media dos últimos sete días)
Nos últimos meses os expertos veñen sinalando a importancia de empregar unha variedade de indicadores para valorar o alcance da pandemia de coronavirus nun determinado territorio. Mentres que a incidencia acumulada (número de casos por habitante) depende en gran medida do número de probas que se realicen, a taxa de positividade (a porcentaxe de probas PCR que teñen un resultado positivo) amosa en ocasións de maneira máis fiel a expansión da enfermidade, sempre que se realicen un número suficiente de probas e que se leve a acabo un axeitado rastrexo de contaxios. Non hai unha cifra máxica, pero a OMS situou hai un tempo o 5% de tests positivos como unha referencia que, de ser superada, indicaría unha importante expansión da enfermidade nun lugar determinado.
Galicia ten neste momento unha taxa de positividade do 5,52% (media dos últimos sete días), segundo as cifras facilitadas pola Consellaría de Sanidade, situándose o último dato coñecido, correspondente a este domingo, no 8,5%. A media diaria foi medrando na última semana, pasando do 3,52% ao actua 5,52%.
Na última semana, a taxa de positividade en Ourense creceu do 9,5% ao 11,16%, pero tamén o fixo no resto de áreas sanitarias galegas
Ourense é, con diferenza, a área sanitaria que presenta unha maior porcentaxe de probas positivas. A súa taxa de positividade sitúase este luns no 11,16% (media dos últimos sete días), chegando a acadar valores mesmo do 17% este sábado. A taxa de positividade en Ourense supera a media española, que rolda o 10%. Debido ás grandes variacións que se producen entres unha e outra xornada, adoita ser máis útil atender á evolución das medias dos 7 ou 14 días anteriores.
Na última semana, a taxa de positividade en Ourense creceu do 9,5% ao 11,16%, pero tamén o fixo no resto de áreas sanitarias galegas: na Coruña do 2,98% ao 4,17%, en Ferrol do 1,69% ao 3,97%, en Santiago do 2,83% ao 5,17%, en Lugo do 3,41% ao 4,81%, en Pontevedra do 2,36% ao 3,82%, e en Vigo do 1,86% ao 3,72%.
Na gráfica anterior poden observarse os indicadores completos de positividade dende o inicio da pandemia no conxunto de Galicia e en cada área sanitaria. Os datos poden ser descargados libremente.
A mediados de agosto a taxa superou o 5% e chegou a acadar o seu valor máximo o 29 de agosto. En setembro a taxa foi descendendo e chegou a situarse no 3,35% o 3 de outubro. Porén, nos últimos nove días de novo iniciou unha tendencia á alza
Na segunda metade de marzo a porcentaxe de probas PCR que tiñan un resultado positivo chegou a dispararse algún día por riba do 30%. Era un momento de gran crecemento da enfermidade, pero no que ademais se realizaban moi poucos tests, que en boa medida ían dirixidos a persoas sobre as que se tiña unha clara sospeita de teren contraído a covid, o que explica os elevados valores.
A taxa de positividade foi descendendo e xa na segunda semana de abril se movía en valores próximos ao 8%, que caeron por debaixo do 3% na segunda quincena dese mes, moi por debaixo da situación actual, na que se supera o 5%. A finais de maio a taxa de positividade xa caera por debaixo do 1% e mantívose así ata o mes de xullo, cando volveu medrar por riba do 2%. A mediados de agosto xa superara o 5% e chegou a acadar o seu valor máximo o 29 de agosto (unha media do 6,53% nos sete días anteriores). En setembro a taxa foi descendendo e chegou a situarse no 3,35% o 3 de outubro. Porén, nos últimos nove días de novo iniciou unha tendencia á alza.
Na gráfica anterior pode tamén analizarse as distintas evolucións seguidas por cada área sanitaria, sobre todo a partir do 15 de xuño, momento en que rematou a aplicación do estado de alarma. Así, obsérvase con claridade o efecto do gromo declarado na Mariña na primeira semana de xullo, uns dás antes das eleccións do 12X: o 9 de xullo o 11% das probas na área sanitaria lucense tiveron un resultado positivo en coronavirus. O mesmo sucedeu na Coruña a finais da primeira semana de agosto, cando outro gromo levou á adopción de restricións e á escalada de contaxios: o 7 de agosto o 15% dos tests foron positivos e esta elevada porcentaxe (entre o 10% e o 15%) mantívose en toda a semana seguinte.
A gráfica recolle o efecto que sobre a taxa de positividade tiveron os gromos que apareceron no verán na Mariña, na Coruña ou Pontevedra e tamén o forte incremento de casos en Ourense no último mes
A área sanitaria de Pontevedra tomou o relevo na primeira quincena de setembro, con dous días por riba do 15% e unha media semanal por riba do 8% entre os días 6 e o 19 dese mes. Finalmente, a situación na área sanitaria de Ourense comezou a empeorar xa a mediados de agosto e, de feito, dende o pasado 16 de agosto a súa taxa de positividade media non descendeu nunca por debaixo do 5%. Con todo, o verdadeiro agravamento da situación non chegou ata finais de setembro, acadándose o 22 de setembro unha taxa de positividade o 19% e os días 3 (motivando o confinamento de Ourense e Barbadás), 8 e 9 de outubro volvéronse acadar valores próximos ao 15%.
Finalmente, nin Santiago, nin Ferrol nin Vigo sufriron dende o verán episodios de grandes incrementos das súas taxas de positividade, pero as tres áreas rexistraron nos últimos días importantes ascensos. De feito, este domingo na área de Santiago acadouse o 9,6% e en Ferrol o 11%. Haberá que seguir a evolución deste indicador nos vindeiros días para comprobar se está a indicar un empeoramento da situación.
Ofrecemos tamén a evolución, para o conxunto de Galicia e para cada área sanitaria, do número de probas PCR realizadas cada día dende o mes de febreiro, uns datos que tamén se poden descargar libremente no propio gráfico
Ofrecemos tamén a evolución, para o conxunto de Galicia e para cada área sanitaria, do número de probas PCR realizadas cada día dende o mes de febreiro, uns datos que tamén se poden descargar libremente no propio gráfico. O número de test realizados vén aumentando de forma moi importante dende mediados de agosto e na actualidade as cifras duplican as que se rexistraban no mes de abril.
A gráfica amosa un primeiro incremento na primeira quincena de xullo, coincidindo coa aparición do gromo da Mariña, para descender de novo no mes seguinte. Porén, o aumento de casos rexistrado dende mediados de agosto fixo que tamén crecese o número de probas a partir desa data. Dende o 15 de setembro Galicia está a facer unha media de 5.500 PCR diarias.
Entre o 26 e o 29 de febreiro realizáronse 75 tests para detectar o coronavirus en toda Galicia. E foron 218 entre o 1 e o 8 de marzo
A gráfica amosa interesantes datos sobre a realización dun número importante de probas PCR xa no mes de febreiro (a primeira delas o 14 de febreiro en Pontevedra, con resultado negativo). Entre o 26 e o 29 de febreiro realizáronse 75 tests para detectar o coronavirus en toda Galicia. E 218 entre o 1 e o 8 de marzo, detectándose o primeiro positivo o 4 de marzo. Con todo, non foi ata o 11 de marzo que a taxa de positividade se disparou, cun 19% de probas positivas entre as 134 realizadas ese día.
O 24 de setembro foi o día que máis PCR se realizaron na área sanitaria da Coruña (1.746) e o 7 de outubro o día que máis se fixeron en Ferrol (580). O 5 de outubro foi a cifra máis elevada na área compostelá (1.353) e o 7 de outubro en Lugo (1.534). No sur os valores máximos tamén se acadaron nos últimos días: o 8 de outubro en Ourense (1.646), o 4 de outubro en Pontevedra (989) e o 6 de outubro en Vigo (2.075).