Os datos de novos contaxios deste luns son inferiores aos dos últimos días, por mor do habitual efecto da fin de semana. Con todo, son superiores aos do luns da semana anterior, o que amosa un empeoramento da situación
A pandemia de coronavirus continúa a empeorar en Ourense. No último parte informativo publicado pola Consellaría de Sanidade, a área sanitaria ourensá suma 75 novos casos detectados por PCR e acumula xa 1.512 casos activos de coronavirus, un 34% do total de rexistrados en Galicia. A proporción repítese naqueles casos máis graves, que necesitan de hospitalización, pois a área sanitaria ourensá ten nestes momentos 79 pacientes con Covid-19 ingresados nos hospitais (11 na UCI e 68 noutras unidades), o que representa máis do 33% do total de 237 pacientes ingresados no conxunto de Galicia.
Os datos de novos contaxios deste luns son inferiores aos dos últimos días, por mor do habitual efecto da fin de semana. Con todo, son superiores aos do luns da semana anterior, o que amosa un empeoramento da situación. Detectáronse 308 novos positivos de coronavirus no conxunto de Galicia, o que eleva a media diaria dos últimos sete días.
Nas últimas 24 horas rexistráronse dous novos falecementos de persoas infectadas polo coronavirus, o que eleva a 786 a cifra total
Nas últimas 24 horas, ademais, rexistráronse dous novos falecementos de persoas infectadas polo coronavirus, o que eleva a 786 a cifra total dende o inicio da pandemia. A última defunción coñecida foi o dunha muller de 94 anos falecida no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Ademais, na residencia de maiores Os Gozos do Pereiro do Aguiar morreu un home de 84 anos. A área sanitaria de Ourense suma 166 mortes por coronavirus dende o mes de marzo.
Os casos activos medran en todas as áreas sanitarias, agás na de Lugo, onde descenden lixeiramente. Ourense e Santiago encabezan o aumento
O Sergas informa de que nestes momentos hai 4.474 casos activos de coronavirus en Galicia, 95 máis que os notificados este domingo. Deles, 766 son da área da Coruña (19 máis), 460 da de Lugo (2 menos), 1.512 da de Ourense (30 máis), 511 da de Pontevedra (4 máis), 467 da área de Vigo (3 máis), 621 da de Santiago (24 máis), e 137 da de Ferrol (15 máis). Os casos activos medran, polo tanto, en todas as áreas sanitarias, agás na de Lugo, onde descenden lixeiramente.
Nos mapas de incidencia que a Xunta comezou a publicar hai uns días e que ofrecen unha referencia dos concellos que se atopan nunha peor situación, en base a un código de cores, este luns Compostela e Arteixo pasan a estar no máximo nivel de alerta (nivel 3, vermello) en función dos contaxios rexistrados nos últimos 7 días, unha situación da que sae Narón.
O número de PCR realizadas aumenta este luns en 4.440, o que eleva a 553.544 a cifra total dende o inicio da pandemia. Tamén medra a taxa de positividade no conxunto de Galicia (a porcentaxe de probas PCR con resultado positivo en coronavirus), situándose no 8,5%.
As residencias de maiores e de atención á discapacidade suman 564 casos activos de coronavirus, un número semellante á da xornada anterior. A Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar), con 152 contaxios, e a 130 ResidenciaDomusVi Lugo (Outeiro de Rei), con 150, son os centros cun maior número de casos.
O número de pacientes nas UCI (39) acada este luns o seu máximo nesta segunda vaga da pandemia
Dos 4.474 casos activos, a maior parte (4.237) atópanse nos seus domicilios, sen síntomas de importancia. 237 atópanse hospitalizados, 39 deles na UCI e os 198 restantes noutras unidades de hospitalización. As cifras mantéñense estables dende comezos de setembro, pero o número de pacientes nas UCI acada este luns o seu máximo nesta segunda vaga da pandemia. As 39 persoas con covid ingresadas nas UCI dos hospitais galegos son a cifra máis alta dende o pasado 1 de maio.