Os datos divulgados polo Servizo Galego de Saúde este 11 de outubro indican que nas vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do venres día 9 e as seis da tarde do sábado día 10, agromaron en Galicia un total de 313 novos positivos do coronavirus, todos eles detectados mediante probas PCR. A información pechada do último día completo, o venres 9, apuntaba a 382 novos positivos, 374 deles confirmados mediante PCR.
Galicia rexistra 313 novos positivos en vinte e catro horas e o Sergas informa de catro novos falecementos, un deles dun home de 59 anos
Son os últimos datos dunha semana na que a evolución da COVID-19 en Galicia semella enlentecer lixeiramente en canto a casos novos tras os fortes brotes detectados en residencias de maiores da provincia de Ourense. Estes surtos fixeron dispararse os indicadores ata niveis semellantes aos da primeira vaga, na contorna dos 400 casos ao día e coa media semanal de casos diarios aproximándose aos 300.
Así o ratifican as cifras dunha xornada na que a Consellería de Sanidade comunica catro novos falecementos ligados á epidemia, e non todos de idade especialmente avanzada: é o caso dun home de 59 anos falecido no hospital da Coruña. Tamén no CHUAC morreron un home de 74 e unha muller de 83; no Clínico de Santiago finou unha muller de 88. Ningún deles vivía en residencias de maiores ou persoas con discapacidade.
A forte incidencia na área ourensá
O dato galego é duns 75 casos por cada 100.000 habitantes na última semana mentres o de Ourense se aproxima aos 300
A incidencia do virus, non obstante, é dispar territorialmente. Este feito apréciase mesmo coa negativa da Xunta para facilitar datos por concellos: o número de novos casos por cada 100.000 habitantes na provincia de Ourense triplica o dato do conxunto de Galicia. Esta información, que o Goberno galego non facilita directamente, é posible calculala porque agora si informa con detalle sobre os datos de casos activos, altas e falecementos (así como diagnósticos mediante PCR) en cada área sanitaria.
A 9 de outubro -último día cos datos xa pechados e non só con información ata as seis da tarde-, a área sanitaria de Ourense rexistraba uns 290 novos casos da COVID-19 por cada 100.000 habitantes nos últimos sete días, mentres que o dato do conxunto de Galicia está na contorna dos 75 positivos. A seguinte área sanitaria con maior incidencia, a de Pontevedra-O Salnés, non chega aos 60 casos por cada 100.000 habitantes na última semana e a que ten unha incidencia menor, a de Ferrol, apenas supera os 30.
Os datos máis recentes (das seis da tarde do venres ás seis da tarde do sábado) apuntan a 86 novos casos detectados na área sanitaria de Ourense mediante probas PCR. No último día completo do que hai información pechada (o venres, día 9), a área ourensá sumara ata 175 novos positivos. Estes datos contrastan con áreas máis poboadas, como Vigo e A Coruña, que nese último día con información completa (o venres 9) detectaron 41 e 36 novos positivos, respectivamente.
A taxa de PCR positivas en Lugo e Ourense rolda o 9%, mentres non chega ao 3% nas áreas de Ferrol e Pontevedra
Os datos son tamén dispares no que atinxe á porcentaxe de probas PCR con resultado positivo nunha xornada na que foron procesadas ata 5.966. Os datos provisionais do sábado, día 10, amosan como a taxa de positividade da área de Ourense rolda o 9%, pero xa está un mesmo un chisco por baixo da área de Lugo (9,76%) e comeza a trazar unha liña descendente (un día antes, achegábase ao 20%).
Mentres, outras área sanitarias roldan o 5% fixado pola Organización Mundial da Saúde como límite para dar por controlada a epidemia nun territorio ou mesmo baixan del. É o caso da Coruña (5,03%), Vigo (4,42%) e, especialmente, Ferrol (2,8%) e Pontevedra (2,7%). O dato medio de Galicia está agora no 5,5% de positividade das probas PCR realizadas, cuxa cifra total chega ás 549.104.
Casos activos á alza, hospitalización estable
Estas mudanzas dan lugar a un panorama no que a cifra de casos "activos", indicador de referencia para a Xunta dende o comezo da pandemia, aumenta lixeiramente no último período de vinte e catro horas (de seis da tarde a seis da tarde) ata quedar en 4.379, vinte e un máis. Non obstante, se a comparación é realizada entre o dato difundido por Sanidade este domingo (correspondente ao sábado) e a información final do venres 9, os casos activos son 35 menos e as altas aumentan en 274, ata chegar ás 21.713.
O dato de casos activos inflúe no de hospitalizacións, unha foto fixa (a Xunta non indica o número de novas hospitalizacións) estable e mesmo con certa tendencia á baixa. Agora as persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 son 205, sete menos, e delas 35 están en unidades de coidados intensivos (dúas menos).