O Servizo Galego de Saúde confirmou o pasado venres, día 9, un total de 405 novos diagnósticos do coronavirus mediante PCR ata as seis da tarde nunha xornada na que detectou 304 novos positivos. O día anterior, durante toda a xornada, foran confirmados 458 novos casos con estas probas. Galicia supera así por primeira vez dende o mes de marzo -cando se realizaban moitas menos probas- o limiar dos 400 novos casos nun día e faino, fundamentalmente, por mor do empeoramento da situación na área sanitaria de Ourense nas últimas semanas.
Máis da metade dos novos casos destes dous días son da área ourensá nun contexto marcado polas residencias de maiores. Así, por exemplo, este sábado o Sergas revela ata 41 novos diagnósticos na residencia Os Gozos da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar, agora intervida pola Consellería de Política Social e onde xa hai 153 persoas usuarias infectadas, o maior brote dun centro de maiores en toda Galicia.
Máis da metade dos novos casos destes dous días son da área sanitaria de Ourense, na que o 22% das probas PCR están a dar positivo e onde o brote da residencia Os Gozos é xa, con 153 persoas usuarias infectadas, o maior de Galicia nun destes centros
Aínda que con fortes limitacións -sobre todo pola inexistencia de fontes de datos abertos e de información a nivel municipal-, a nova presentación dos datos da COVID-19 por parte da Consellería de Sanidade permite observar con máis precisión a evolución da pandemia, máis alá dos meros comunicados do Goberno galego, nos que reflicte algúns dos indicadores pechados ás seis da tarde do día anterior. Dende agora é posible, por exemplo coñecer cunha marxe de dous días o total de diagnósticos por PCR de cada xornada -das 00:00 ás 23:59- para o global de Galicia e por áreas sanitarias. Non así, cando menos de momento, os casos detectados mediante outro tipo de test.
Ao acceder a Xunta a divulgar tras sete meses a súa serie histórica completa é posible comprobar -como amosa o gráfico sobre estas liñas- ata que punto os datos coñecidos ata agora mediante os comunicados da Consellería ofrecían unha imaxe distorsionada da evolución da epidemia, a cal despois foi corrixida nas bases de datos de Sanidade, pero non feita pública ata agora. A baixada da curva epidémica da primeira vaga é, daquela, moito máis gradual do amosado no seu momento pola Xunta.
No que atinxe á actualidade, os datos difundidos este sábado, 10 de outubro (pechados ás 18h do venres), amosan o devandito incremento, impulsado fundamentalmente polo empeoramento da situación en Ourense, que eleva a media semanal de casos diarios ata niveis máximos da segunda vaga, con máis de 272. Hai pouco máis dunha semana, nos primeiros días de outubro, esta media semanal de casos diarios situárase na contorna dos 180.
Estes datos resultan do procesamento de 5.946 probas PCR entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres. Isto implica que o 7,9% das probas PCR realizadas deron resultado positivo (dato que a Xunta si ofrece agora), por riba do limiar do 5% que a Organización Mundial da Saúde fixa para dar por controlada a epidemia nun territorio.
Non obstante, ese indicador de positividade é moi diferente en función das áreas sanitarias. Mentres que a de Ourense supera o 22%, cuadriplicando amplamente o limiar da OMS, o resto das áreas están un chisco por riba (6,6% en Lugo, 5,75% en Santiago, 5,38% en Vigo) ou mesmo por baixo (4,22% en Pontevedra, 3,14% en Ferrol e 2,86% na Coruña).
Catro novos falecementos, que chegan aos 780
O acumulado global dos datos pechados ás seis da tarde do venres, non obstante, non aumentan nos 405 casos aos que se refire a nova web de datos da COVID-19 da Xunta. Tampouco nos 304 que recolle o cómputo de casos novos mediante PCR. Fano en 417, do cal cabe deducir que o Goberno galego segue sumando como "curados" a persoas que dan positivo en test diferentes ás PCR, pero que non teñen síntomas. Nos datos do pasado xoves, por exemplo, os diagnósticos por PCR foron 458, pero o acumulado total aumentou en 468 casos novos.
Tres das catro persoas falecidas vivían en residencias de maiores
Deste xeito, a Xunta apunta este 10 de outubro a un total de 4.358 "positivos activos", cifra que aumenta en relación á comunicada o venres cos datos do xoves pechados ás seis da tarde (+94) pero que diminúe ao comparala cos datos do día enteiro (-3). A razón é que as ata 307 novas "curacións" (para un total de 21.425 son máis que a suma de casos novos e novos, catro máis que os comunicados o venres ata un total de 780.
Segundo a información apuntada polo Sergas, tres das persoas falecidas vivían en residencias de maiores, dúas delas na mesma: unha muller de 103 ano e outra de 93, ambas procedentes da residencia Ballesol de Oleiros. Tamén finou outra paciente de 91 anos, que vivía na residencia Los Pinos da Rúa. Mentres, no hospital de Ourense morreu outra muller de menor idade, 62 anos.
Galicia rexistra 212 hospitalizacións de persoas con test positivo da COVID-19
No que atinxe á hospitalización, a mala situación de Ourense tamén destaca sobre o resto do país. Así, por exemplo, o CHUO acumulaba este venres, segundo os datos coñecidos o sábado, un total de 45 persoas ingresadas con test positivo de coronavirus. Son só tres menos que as ingresadas no CHUAC da Coruña, hospital de referencia para unha poboación moito máis ampla.
Os datos globais de Galicia, non obstante, apuntan a unha diminución da presión hospitalaria. O total de persoas ingresadas son agora 212, trece menos que o dato indicado vinte e catro horas antes. O groso desa diminución dáse en unidades hospitalarias ordinarias, mentres que nas UCI pasa de haber 38 persoas con test positivo a rexistrarse 37.
Maior aumento de activos, tamén en Ourense
A mala situación de Ourense reflíctese tamén na variación de casos activos por área sanitaria. Nas últimas vinte e catro horas (de seis da tarde a seis da tarde), os positivos activos na área ourensá aumentan en 123. Mentres, as demais áreas nas que tamén aumentan, fano en moita menor medida, con 29 máis en Santiago, 10 máis en Vigo e 2 máis en Pontevedra. Nas demais áreas, este indicador diminúe.