O pasado día 7, a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a orde coas novas restricións impostas para frear os contaxios do coronavirus nas comarcas ourensás de Allariz-Maceda, O Carballiño, O Ribeiro, Valdeorras e Verín. Entre elas, o confinamento perimetral da cidade de Ourense e do concello veciño de Barbadás, o peche de ambos municipios con determinadas excepcións.
Fíxoo apelando á normativa aprobada tras o estado de alarma para rexer a denominada "nova normalidade", pero tamén en normativas como a lei orgánica de medidas especiais de saúde pública de 1986, a lei xeral de sanidade de 1985, a lei xeral de saúde pública de 2011 ou a vixente lei de saúde de Galicia, do ano 2008. Como marca a normativa, tras o estado de alarma cumpría a ratificación xudicial destas medidas, que vén de ser outorgada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O TSXG considera que as medidas, que tamén recibiron visto e prace da Fiscalía, "son idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación á que van destinadas" e "proporcionais"
Na xornada en que o Goberno de España decretaba o estado de alarma para Madrid despois de que o Tribunal Superior desa comunidade decidise non ratificar o peche do concello madrileño e outros nove municipios -o argumento esgrimido foi que non é posible facelo apelando a unha Orde Ministerial, como fixo a Comunidad de Madrid-, o seu homólogo galego si dá a súa conformidade á orde da Xunta. A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG cre que as medidas "teñen amparo nas leis que fundamentan a solicitude" e ademais, veas axeitadas.
Estas restricións, di a Sala no seu auto, "son idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación á que van destinadas" e tamén "necesarias, dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde dos cidadáns". A solicitude da Xunta ía acompañada por un informe de Saúde Pública, que o Goberno galego non publica e que o Tribunal, ao contrario que outros xulgados -cando era a súa competencia ratificar estas medidas- non cita.
Tamén estima o tribunal que estas restricións, que alén do peche e as súas excepcións inclúen a prohibición de reunións con persoas coas que non se conviva, entre outras [podes consultalas todas aquí], son "proporcionadas" e "ponderan os diferentes intereses en conflito". O auto alude tamén ao criterio favorable da Fiscalía, que ve as medidas "axustadas a Dereito" e coida que representan "unha proporcionalidade suficiente"
Incremento de restricións no Carballiño
A ratificación xudicial do peche de Ourense e Barbadás e o resto do paquete de restricións imposto na provincia ourensá esta semana chega na mesma xornada en que a Consellería de Sanidade anunciaba un endurecemento das restricións no Carballiño, que pasa a estar no mesmo nivel que Ourense e Barbadás, agás no que atinxe ao confinamento perimetral.
Entre as medidas que agora pasan a aplicarse no Carballiño figuran as destinadas ao ámbito da hostalaría: os bares só poden atender nas terrazas dende as cero horas deste sábado, día 10 de outubro, e a un máximo de cinco persoas por mesa, límite que tamén rexe no interior dos restaurantes. Unha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia concreta estas medidas.