Durante a segunda vaga da pandemia de coronavirus Galicia vén mantendo unha incidencia da enfermidade moi por debaixo da media do Estado español. Aínda que o número de positivos no noso país creceu con forza ao longo do mes de agosto coa sucesiva aparición de gromos de importancia na Coruña ou Lugo, o mes de setembro o número de contaxios foi menor. Porén, no que levamos de outubro a situación volveu empeorar, nomeadamente en Ourense, pero tamén noutras áreas, como Santiago, que nos últimos días viron aumentar o seu número de infeccións e a súa taxa de positividade.
Nos últimos dous días o número de pacientes con covid-19 ingresados nos hospitais galegos pasou de 209 a 252
Na última semana Galicia pasou dunha incidencia acumulada de 107,58 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días o pasado martes a 135,06, na última información facilitada polo Ministerio de Sanidade. O empeoramento da situación epidemiolóxica, unido á aparición de importantes gromos en residencias de maiores semella estar provocando xa un incremento da ocupación hospitalaria, segundo os datos da Consellería de Sanidade.
Nos últimos días, o número de pacientes con covid-19 ingresados nos hospitais galegos pasou de 209 a 252. O aumento foi menor nas UCI, onde o número de camas ocupadas aumentou de 36 a 40. É, así e todo, a cifra máis elevada da segunda onda da pandemia. No resto de unidades hospitalarias, o número de camas ocupadas incrementouse de 173 a 212.
Segundo as estatísticas do Ministerio de Sanidade, a porcentaxe de camas de UCI ocupadas en Galicia é aínda moi baixo (5,22%) o que, de feito, supón o dato máis reducido entre todos os territorios do Estado, cunha media global do 18,8% e Madrid por riba do 38%.
Ourense chega xa a 83 camas ocupadas (72 de unidades convencionais e 11 de UCI), o que representa un terzo da ocupación hospitalaria total en Galicia
Con todo, os datos están a empeorar, especialmente en Ourense, que chega xa a 83 camas ocupadas (72 de unidades convencionais e 11 de UCI), o que representa un terzo da ocupación hospitalaria total en Galicia. Nos últimos dous días a cifra total na área ourensá pasou de 66 a 83. Tamén medra a ocupación na área de Santiago, que nos últimos dous días pasou de 31 a 40 camas con pacientes covid. No resto de áreas o aumento é máis contido, pero tamén son máis os ingresos que as altas nos últimos días.
O 97% dos pacientes están en hospitais públicos
A maior parte dos pacientes ingresados están en hospitais públicos. Nos últimos datos comunicados pola Consellaría de Sanidade eran 244 das 252 persoas enfermas de Covid, un 97%. Esta porcentaxe mesmo foi medrando na última semana.
O hospital que neste momento acolle un maior número de pacientes de Covid-19 é o Hospital de Ourense (62 en planta e 10 en UCI)
Os hospitais que neste momento acollen un maior número de pacientes de Covid-19 son o Hospital de Ourense (62 en planta e 10 en UCI), o Hospital da Coruña (43 e 5), o Hospital de Santiago (33 e 7), o Hospital de Lugo (21 e 5), e o Hospital de Vigo (16 e 7). Máis atrás aparecen o Hospital de Pontevedra (10 e 4) e o Hospital de Verín (9 persoas en unidades convencionais), por diante do Hospital de Ferrol (5 pacientes en planta).