As áreas de Ourense e Santiago suman a metade dos 239 positivos de coronavirus da xornada con menos PCR en vinte días

Desinfección de mobiliario urbano en Ourense tras a aplicación das restricións adicionais pola pandemia © Concello de Ourense

A pandemia do coronavirus vén sendo unha carreira de fondo e, no tempo que leva transcorrido desta segunda vaga en Galicia, tamén o foi en boa medida de relevos, toda vez que o empeoramento de determinadas áreas sanitarias veu coincidindo ata agora coa mellora noutras. Non obstante, nos últimos días á vaga expansiva da mala situación da área de Ourense, agravada con brotes en varias residencias de maiores, estanse engadindo evolucións á alza noutros puntos, como a área sanitaria de Santiago-Barbanza.

Os datos divulgados polo Sergas este 13 de outubro, pechados ás seis da tarde do día 12, amosan que máis da metade dos 239 novos positivos rexistrados nas vinte e catro horas previas (dende as seis da tarde do sábado, día 11), 238 deles mediante probas PCR, corresponden ás áreas sanitarias ourensá (+94) e compostelá (+34), que xa no anterior período de vinte e catro horas foran as que acumularan máis positivos novos.

Son as principais cifras dunha xornada marcada, ademais, polo descenso no número de probas PCR realizadas, especialmente acusado durante a xornada festiva do luns, con 3.383 PCR feitas en vinte e catro horas -de seis da tarde a seis da tarde-. Os datos consolidados dos días previos -das 24 horas do día natural- amosan tamén ese descenso, con 6.113 probas o sábado, 3.925 o domingo e apenas 1.954 ata as seis da tarde do luns. A baixada no número de test trouxo consigo un incremento na taxa de positividade, do 5% do sábado a máis do 8% ata as seis da tarde do luns.

Catro falecementos máis, todos de residentes de centros de maiores

Mesmo malia á baixada no número de probas, que previsiblemente remontará este martes, as malas cifras dos últimos días manteñen á alza a media semanal de casos novos diarios detectados mediante PCR. Xa supera os 300 positivos ao día, media que Galicia non superaba dende principios de abril, aínda baixo as restricións do estado de alarma e nun momento, non obstante, no que a cifra de probas PCR procesadas polo Sergas era moito menor.

Os positivos das últimas semanas seguen derivando tamén en falecementos, con catro máis para un total de 790. Estas catro persoas vivían en residencias para maiores e dúas faleceron nos propios centros: unha muller de 89 anos na residencia Os Gozos da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar e un home de 88 na residencia Val de Monterrei. Deste centro Val de Monterrei procedían tamén as outras dúas persoas falecidas e, segundo o Sergas, morreron no hospital de Verín.

Este empeoramento en áreas concretas reflíctese tamén nas cifras de casos activos, que chegan aos 4.514 (40 máis a respecto das seis da tarde do domingo) e, sobre todo, nos datos de hospitalización. As 250 persoas ingresadas con test positivo ás seis da tarde do luns día 12 supoñen igualar a maior cifra da segunda vaga. Ata 40 delas están na UCI, cifra semellante á de finais de abril.

O hospital con máis persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 en unidades ordinarias de hospitalización é o de Ourense (62), que é o que tamén ten máis pacientes en unidades de coidados intensivos por esta razón (10). A continuación sitúanse o CHUAC da Coruña, con 48 persoas ingresadas (cinco delas na UCI) e o Clínico de Santiago (40 ingresos, 7 deles na UCI). 

Un 'val' e non un descenso definitivo da segunda vaga

Nun contexto no que a Xunta continúa sen ofrecer datos de novos casos ou incidencia acumulada por concellos ou comarcas (alén do seu mapa con códigos de cores, que sitúa cada municipio en amplos rangos segundo a úa incidencia a 7 días ou a 14 días), os datos de casos activos por áreas sanitarias amosan como a liña descendente que, nos últimos días de setembro, semellaba apuntar a unha remisión da segunda vaga da epidemia en Galicia queda definitivamente desbotada. 

O total de positivos activos xa regresou a niveis de mediados de setembro. A diferenza é que daquela o maior número estaba na área sanitaria da Coruña e agora, na de Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.