Prohibidas as reunións de máis de dez persoas en calquera punto de Galicia. É a decisión adoptada polo comité clínico que supervisa a evolución da epidemia do coronavirus en Galicia e que entrará en vigor dende as cero horas do xoves, 15 de outubro. A razón é o "aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares", alega a Xunta, que tamén anuncia un novo endurecemento das restricións na provincia de Ourense co confinamento perimetral do Carballiño, O Irixo e Boborás.
O novo paquete de restricións entra en vigor ás cero horas do xoves, 15 de outubro
Segundo o avanzado este serán polo Goberno galego, este novo peche na provincia ourensá, que se suma ao xa vixente na capital da provincia e no concello veciño de Barbadás, é "conveniente" para "protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes concellos" e "conter os contaxios para evitar a súa propagación". Na liña do vixente en Ourense e Barbadás, a veciñanza non poderá saír destes concellos "agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios".
Tamén na provincia de Ourense, o comité clínico decidiu elevar as restricións xa vixentes en Verín. Despois de que o Concello pactase cos empresarios da hostalaría local un peche de dez días para conter os contaxios, a Xunta incorpora esta vila ao "nivel tres de restricións", que implica, entre outros aspectos, que "bares e cafetarías limitaranse a atender nas terrazas a grupos de convivintes" e que os restaurantes "poden servir tamén no interior, cun aforo limitado ao 50%.
O endurececemento das restricións atinxe tamén a Verín e aos concellos da comarca de Celanova
O endurececemento das restricións, igualmente dende as cero horas do xoves, atinxe ademais aos concellos da comarca de Celanova (A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea). Neste caso, a Xunta sinala que pasa a aplicar restricións de "nivel dous", coa limitación da capacidade dos locais de hostalaría ao 50%. Ata o momento, a Xunta non publicou a totalidade de restricións que implica cada nivel de alerta, alén de concretalas no DOG referíndose a cada sitio concreto.
A negativa da Xunta a publicar datos de incidencia do coronavirus por concellos impide coñecer con exactitude a situación dos municipios onde pasan a rexer estas alertas. Segundo o código de cores que o Executivo si difunde dende a pasada semana, o concello do Carballiño rexistrou unha incidencia acumulada de "máis de 21 casos" na última semana, mentres que os municipio lindeiros do Irixo e Boborás tiñan "entre 7 e 14".