Todos os bares e terrazas de Verín permanecerán pechados durante 10 días para frear a expansión do coronavirus na localidade. Así o decidiron de común acordo o Concello de Verín e os hostaleiros da localidade á vista da negativa evolución da pandemia na comarca nas últimas semanas. Os restaurantes si manterán a súa actividade.
Verín rexistra nestes momentos 74 casos activos de coronavirus, o que equivale a unha incidencia de 540 casos por cada 100.000 habitantes
Segundo o propio Goberno local, Verín rexistra nestes momentos 74 casos activos de coronavirus, o que equivale a unha incidencia de 540 casos por cada 100.000 habitantes. O número de positivos leva medrando dende mediados de setembro e incrementouse case un 50% no que levamos de mes de outubro. A Xunta de Galicia segue sen facilitar a información da incidencia por concellos, limitándose a sinalar na súa web de datos que Verín se atopa nunha situación de nivel 3 de alerta e que conta con "máis de 42 casos".
"A medida foi sometida a debate polos representantes da hostaleira, que ante a necesidade e pertinencia da medida impulsada dende o Concello de Verín, aprobárona cun amplo consenso", destaca o Concello
A medida entrará en vigor este martes ás 20 horas e manterase inicialmente ata o vindeiro xoves 22. O Concello anuncia que abrirá unha liña de axudas "para paliar, na medida do posible, os danos ocasionados a estes negocios". Así mesmo, coa obxectivo de "minimizar os riscos de contaxio", realizarase un cribado por PCR a todos os traballadores destes establecementos.
Dende o Goberno municipal destácase que "a medida foi sometida a debate polos representantes da hostaleira, que ante a necesidade e pertinencia da medida impulsada dende o Concello de Verín, aprobárona cun amplo consenso".
O Concello de Verín e os hostaleiros decidiron levar a cabo esta medida de forma voluntaria, pois na orde publicada hai uns días pola Consellaría de Sanidade só se limita ao 50% a capacidade máxima permitida nos locais de hostalaría, prohibindo iso si o consumo en barra. Así mesmo, indicábase que as terrazas ao aire libre deberían limitar a súa capacidade ao 75% das mesas e que todos estes locais tiñan que pechar non máis tarde da 1 da madrugada.