O sector cultural foi, dende o inicio da pandemia o pasado mes de marzo, un dos máis afectados a nivel económico. O confinamento paralizou a maior parte das súas actividades e mesmo tralo remate do estado de alarma e a recuperación total ou parcial da normalidade moitos espazos, empresas e traballadores seguen sufrindo os efectos das restricións introducidas para previr contaxios.
A mobilización buscou dar visibilidade "á delicada situación provocada pola crise sanitaria" e reclamaron do Goberno central "medidas urxentes nas próximas semanas" para garantir a súa supervivencia
Dentro do sector cultural, aquelas compañías e persoas dedicado aos eventos e espectáculos manteñen a súa situación de precariedade debido á suspensión de programacións, ás limitacións de capacidade e horarios ou ás reticencias que moitas persoas amosan a acudir a estes actos. Este xoves o sector dos eventos e espectáculos levou a cabo unha protesta en todo o Estado, en forma de "alerta vermella" e no marco dun movemento levado cabo tamén noutros países.
Durante todo o día a Praza do Obradoiro convertérase nun "cemiterio" de flightcase, que pola noite acolleu unha concentración
Esta mobilización, que se deixou ver nas rúas (animábase a pendurar das fiestras faixas, bandeiras ou prendas de roupa vermellas) e nas redes sociais, tivo a súa culminación nunha serie de eventos públicos que se desenvolveron pola tarde e pola noite en 28 cidades de todo o Estado, entre elas Santiago de Compostela. Durante todo o día a Praza do Obradoiro convertérase nun "cemiterio" de flightcase (os contedores de transporte empregados para mover e almacenar de forma segura os instrumentos musicais e equipos empregados en espectáculos).
Nese escenario tan simbólico comezou ás 20.30 horas unha concentración, baixo a chuvia, na que ducias de traballadoras e traballadores do sector buscaron dar visibilidade "á delicada situación provocada pola crise sanitaria" e reclamaron do Goberno central "medidas urxentes nas próximas semanas" para garantir a súa supervivencia, ademais de crear "de xeito inmediato" unha mesa sectorial "que dea prioridade á regulación a través da negociación dun convenio colectivo sectorial de ámbito nacional".
"De non paliarse esta situación límite, destruirase o emprego, milleiros de familias irán a ruína e provocarase a inviabilidade futura do sector", sinalouse no acto.
"Foi este sector un dos primeiros en suspender a súa actividade e seis meses despois a parálise segue a ser a nota predominante. De non paliarse esta situación límite, destruirase o emprego, milleiros de familias irán a ruína e provocarase a inviabilidade futura do sector", sinalouse no acto.
Entre as medidas urxentes de rescate ao sector salientan "a reactivación inmediata das axendas culturais e de eventos das administracións públicas, en especial das entidades locais, baixo o estrito cumprimento dos protocolos de seguridade sanitaria", a prórroga da prestación especial por cese de actividade, a prórroga dos ERTE e recoñecemento da actividade como intermitente ou a aplicación do IVE reducido nos sectores vencellados á Industria Cultural, do Espectáculo e Turismo de Congresos, Reunións, Incentivos e Eventos (MICE), como medida dinamizadora da actividade.
"Defensa firme da cultura"
A Asociación galega de profesionais da Xestión Cultural reclama "un esforzo por incentivar as políticas culturais e manter os compromisos coa cultura"
De igual xeito, este venres a Asociación galega de profesionais da Xestión Cultural reclamou publicamente a institucións e empresas "unha defensa firme da cultura". "Solicitamos ás persoas responsables da actividade cultural nos máis de trescentos concellos da nosa terra, así como deputacións provinciais, fundacións e outros organismos representativos (universidades, empresas...) que realicen un esforzo por incentivar as políticas culturais e manter os compromisos coa cultura", di a entidade.
Tamén destaca como "fundamental" que "se extreme a calidade dos equipos de persoas que traballen nas áreas de cultura contratando para calquera posto a persoas con capacidade, experiencia e coñecementos contrastados no eido cultural".