Hai agora un ano, a principios de novembro de 2020, a Xunta viña de decretar peches perimetrais que atinxían a 60 concellos nos que tamén ficaba suspendida a actividade da hostalería, dentro dun amplo catálogo de restricións para tentar conter os contaxios da COVID-19 que afectaban ao conxunto do país e que ían dende as limitacións aos encontros entre persoas non conviventes ata o toque de recollida nocturno. Todo, abeirado no segundo Estado de Alarma a causa da pandemia que o Goberno de España decretara a finais de outubro co presidente da Xunta, no caso galego, como principal autoridade competente.
Hai agora un ano, a incidencia da COVID a 14 días roldaba os 300 casos e a Xunta viña de aplicar un amplo catálogo de peches e restricións coa intención declarada de "resetear" o sistema sanitario e "salvar a campaña de Nadal". Na actualidade, a incidencia é doce veces inferior co groso de restricións xa suspendidas
Entre as frecuentes críticas ás decisións do Goberno central sobre a pandemia, Alberto Núñez Feijóo xustificara estas fortes restricións á actividade social e económica coa necesidade de tentar "resetear" o sistema sanitario e "salvar a campaña de Nadal", dixera. Naqueles días, a incidencia acumulada a 14 días roldaba en Galicia os 340 casos novos por cada cen mil habitantes, a media a sete días de infeccións activas diagnosticadas roldaba as 600 e nos hospitais galegos había algo máis de seiscentas persoas ingresadas con test positivo do coronavirus. Todos aqueles rexistros quedarían pequenos, non obstante, tras a eclosión dos contaxios do Nadal. Naquela altura, aínda non se administrara unha soa dose dunhas vacinas que estaban aínda no terreo das expectativas.
Un ano despois, o panorama é radicalmente diferente. Éo a causa, fundamentalmente, da ampla extensión da vacinación, co 85% do total da poboación de Galicia con pauta completa da vacina. Éo malia que o groso das restricións xa foron levantadas e mesmo tendo en conta que nos últimos días aumentaron un chisco unhas taxas de incidencia acumulada que, precisamente polas altas porcentaxes de poboación vacinada, teñen unha importancia cada vez máis relativa para as autoridades sanitarias.
Mesmo asumindo que a capacidade diagnóstica do sistema sanitario aumentou notablemente durante o inverno de 2020 e a primavera de 2021, as diferenzas son obvias. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a incidencia acumulada a 14 días era hai un ano doce veces maior que na actualidade: os datos do último día completo dispoñible, o sábado 6 de novembro, sitúana na contorna dos 27 casos novos por cada cen mil habitantes.
Unha apertura do foco aos datos de toda a pandemia amosan as diferenzas mesmo con máis claridade. Aínda considerando os lixeiros incrementos de casos novos detectados nos últimos días (cando menos algúns deles, con orixe en focos fóra de Galicia), a situación epidemiolóxica segue sendo a máis favorable e estable dende que hai datos comparables. Todo, nun contexto no que comezan a cumprirse os prognósticos dun panorama xeral de estabilidade só alterado por focos locais da COVID. A explicación é, outra volta, tamén a vacinación.
Nun contexto de retorno de boa parte das actividades masivas que estiveran suspendidas durante máis dun ano e medio -dende o ámbito laboral á cultura ou o deporte, ademais da hostalería ou pubs e discotecas (con entrada condicionada á presentación do certificado COVID)- tamén o indicador asistencial de referencia para a Xunta a efectos comunicativos é notablemente distinto ao de hai doce meses. Naqueles primeiros días de novembro de 2020, Galicia viña de atravesar por primeira vez a barreira dos 10.000 casos positivos activos (tras o Nadal racharía tamén a dos 20.000), tocando teito o 6 de novembro con 10.368. Agora, despois de dúas semanas de incrementos, son 745. [Consulta nesta ligazón a serie completa de casos activos por áreas sanitarias]
600 hospitalizacións fronte a algo máis dunha trintena
As cifras brutas de casos novos e incidencias acumuladas amosan unha clara diferenza entre a situación epidemiolóxica de hai un ano e a actual e ese contraste tamén é claro, mesmo máis, nos indicadores de carga hospitalaria. Dada a ampla cobertura da vacinación, este é un indicador que as autoridades seguen con máis atención.
Nas últimas xornadas, Galicia tamén rexistra lixeiros incrementos no número de pacientes ingresados con test positivo da COVID (a Xunta ofrece esta foto fixa cada día, sen especificar cantas hospitalizacións novas rexistra). Ás seis da tarde do domingo eran 39, nove máis ca unha semana antes nun dato que, non obstante, pode estar lixeiramente distorsionado porque durante a fin de semana é habitual que os centros hospitalarios tramiten menos altas. Hai un ano, Galicia rexistraba máis de 600 hospitalización simultáneas de pacientes coa COVID.
Outra das diferenzas fundamentais é que o descenso nas cifras de persoas hospitalizadas co coronavirus apenas varía na actualidade a causa dos falecementos. A media de persoas falecidas con test positivo da COVID en Galicia nos últimos sete días con datos completos é de 0,14. Hai un ano, este indicador roldaba as 10.
Todo isto sucede nun contexto no que case 2,3 millóns de persoas recibiron xa a pauta completa da vacinación en Galicia, isto é, practicamente o 85% do total da poboación do país (sen contar as doses de reforzo que na actualidade están a recibir persoas maiores de 80 anos e que dende o día 15 recibirá a poboación vacinada coa monodose de Janssen). Por grupos de idade, os datos do día 4 (os máis recentes ata a actualización por parte do Ministerio na tarde deste luns), todos están por riba do 80% .