Sinalouno nos últimos meses o director do Centro de Alertas e Emerxencias do Ministerio de Sanidade, o doutor Fernando Simón, e así o veñen suxerindo tamén dende hai semanas as autoridades sanitarias galegas. A ampla cobertura da vacinación -con máis dun 85% do total da poboación con pauta completa sen contar doses de reforzo, no caso galego- propiciou un cambio no comportamento da pandemia da COVID-19. O xurdimento de focos puntuais dentro dun panorama de estabilidade xeral ía pasar a ser a tónica dominante, sinalaban estes prognósticos. E así semella que xa está a suceder en Galicia, cando menos de momento.
Os incrementos de casos novos rexistrados nos últimos días concéntranse en focos locais e os concellos con dez ou máis casos novos nos últimos 7 días son apenas media ducia
O Servizo Galego de Saúde notificou este 5 de novembro 84 casos novos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. É o dato máis elevado nun período de vinte e catro horas coma este dende finais de xuño, pero unha ollada polo miúdo amosa que responde máis a focos locais que a unha transmisión máis xeneralizada. Non en van, como resaltou Sanidade, unha parte relevante dos incrementos dos últimos días está ligada, por exemplo, a dous surtos en viaxes vacacionais a Benidorm de persoas residentes na provincia de Ourense que suman uns 90 casos. A Xunta pon ademais o acento en que boa parte dos focos teñen orixe foránea.
Esta circunstancia reflíctese tamén sobre o mapa. Son apenas media ducia os concellos galegos onde foron rexistrados 10 ou máis casos novos da COVID-19 na última semana, mentres que en 237 non se rexistrou ningún. Abrindo o foco aos últimos 14 días, os concellos con dez ou máis casos rexistrados son 13 e os que teñen o rexistro en branco nese período, 208. Estas proporcións véñense mantendo estables dende hai semanas malia ao levantamento do groso das restricións.
En cinco deses seis concellos con dez ou máis casos rexistrados nos últimos sete días (Ourense, Oleiros, Ferrol, A Coruña e Lugo) as incidencias acumuladas a 7 e 14 días superan a media galega. No sexto, Vigo, estes indicadores permanecen por baixo do dato xeral galego, situado arredor dos 22 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e na contorna dos 12 a sete días.
Esta nova situación, máis marcada por focos locais e concretos que por transmisións máis xeneralizadas, provoca tamén que as taxas de incidencia acumulada teñan un valor máis relativo para as autoridades sanitarias. Para o conxunto de Galicia, ambos valores trazan lixeiros ascensos nos últimos días pero seguen moi lonxe da evolución de calquera das anteriores vagas.
Por todos estes motivos, tanto en Galicia como no resto do Estado préstase máis atención ao impacto da pandemia nos hospitais para observar cambios de tendencia ou focos significativos. E, de momento, iso non está a suceder. Tras as lixeirísimas variacións dos últimos días, as persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 seguen roldando a trintena.
O outro indicador asistencial de referencia, o do total de casos positivos considerados activos, si ascende con máis claridade nos últimos días, dados os incrementos de casos novos rexistrados despois dun período de valores moi baixos e de gran estabilidade. Ás seis da tarde do xoves eran 640, máis de seiscentos por primeira vez dende comezos de outubro.
Como vén sendo habitual, todos estes datos hai que lelos ao carón dos que amosan como practicamente o 85% do total da poboación de Galicia recibiu xa a pauta completa de vacinación (sen contar as doses de reforzo a colectivos concretos, como as persoas maiores de 80 anos), o que supón a cobertura de máis do 93% da poboación maior de 11 anos, a incluída polo momento na campaña de inmunización. Por grupos de idade, xa non queda ningún dos inseridos na poboación diana por baixo do 80%.