O Sergas incrementou os incentivos ás enfermeiras que amplíen ou cambien xornada para cubrir as ausencias provocadas pola presenza de 10.000 profesionais na oposición
O síntoma "máis evidente" da escaseza de persoal de enfermaría fixo no Sergas, adoitan lembrar sindicatos e colectivos, , é a problemática que afronta a Xunta coa presenza dunhas 10.000 eventuais na oposición dese 25 de xuño -practicamente todas as traballadoras temporais- e que deixará en mínimos moitos ámbitos sanitarios o vindeiro domingo, tal e como acontecera tamén hai catro anos, naquelas probas nas que milleiros de mulleres tinguiran de negro o recinto feiral de Silleda denunciando as precarias condicións laborais e a temporalidade crónica,
Eventuais en Loita xa advertiu do "risco" que este domingo corre a atención hospitalaria, onde calculan que dous terzos do persoal de enfermaría é temporal, mentres que o sindicato de enfermaría SATSE asegura que os problemas de cobertura recoñecidos pola Consellería de Sanidade son "unha proba evidente da excesiva eventualidade" na sanidade pública galega.
Ante esta situación, e como xa aconteceu noutras ocasións, o Sergas incrementou as retribucións -dobrándoas- para aquelas enfermeiras que fagan quendas a maiores da súa xornada habitual para cubrir as ausencias neste 25 de xuño. Así, quen cambie de quenda para traballar ese día cobrará uns 148 euros, o equivalente a un día de especial significación, como o 24 ou o 31 de decembro. Quen faga unha quenda a maiores da súa xornada, cobrará unha xornada complementaria máis dous módulos de festivo ou noite prefestiva: algo máis de 292 euros se traballa de mañá ou tarde e uns 354 euros se o fai a noite do sábado.
Eventuais en Loita acusa o Sergas de "romper a súa propia instrución sobre a solicitude de vacacións" e di que que ofrece libranzas extra a quen aprace o seu período de descanso
Ademais, desde a Consellería -e segundo fontes profesionais- tamén se están a acelerar os trámites para permitir que persoal recentemente titulado empece a traballar o antes posible e poder así cubrir este domingo os ocos que deixará a celebración da oposición.
Malia todas estas medidas, e segundo denuncia o colectivo Eventuais en Loita, o Sergas "teme que a asistencia se vexa aínda máis afectada" do esperado, polo que decidiu "romper a súa propia instrución sobre a solicitude de vacacións á súa conveniencia en diversas áreas sanitarias para que as enfermeiras as apracen a cambio de días libres a gozar noutras datas". Aclaran que ofrece ao persoal fixo días de descanso extra se aprazan as vacacións e advirten do risco de que "se poidan comezar a denegar vacacións".
Varios testemuños confirman a Praza.gal esta e outras medidas relacionadas coas libranzas e os períodos vacacionais coas que a Consellería intenta evitar un problema asistencial este 25 de xuño. Na área sanitaria de Santiago e O Barbanza, a pasada semana a dirección chamou a persoal que collía vacacións ofrecéndolle atrasalas: un día libre máis se o facían unha semana e tres se eran quince días. Ademais, nas Urxencias do Hospital Clínico compostelán denegáronse todos os permisos desde o pasado venres pola imposibilidade de cubrir todas as vacacións e as baixas e ofreceuse unha retribución económico para cubrir posibles ocos.
Outras fontes sanitarias aseguran que na Coruña chamouse a persoal con vacantes e que está de vacacións para que cubrisen días, mentres que en Ourense houbo supervisoras de diferentes unidades que pediron a profesionais aumentar quendas para cubrir ausencias.
"O que ocorre coa oposición é unha proba evidente de que hai unha eventualidade excesiva"
Na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, por outra banda, advertiron da posibilidade de mover persoal para plantas ou Urxencias no caso de haber problemas de cobertura, mentres que na de Lugo xa hai tempo que solicitaron a enfermeiras o cambio de vacacións para non coincidir coa oposición do domingo. Na UCI do Hospital Provincial de Conxo, sempre segundo testemuños de traballadores sanitarios, tamén se están a mover de posto a persoal de enfermaría para cubrir vacacións noutras plantas mentres non se están a cubrir as baixas, denuncian.
"Cunha oposición así sempre hai algún problema de cobertura, pero o que ocorre en Galicia é unha proba evidente de que hai unha eventualidade excesiva: hai plantas con 19 efectivos nas que ese día faltan 15 persoas que van ao exame", explica Asunción Maus, enfermeira do sindicato SATSE, que ilustraba así en Praza.ga a complexidade de "ter que cubrir esas ausencias en tres quendas distintas".
"Se hai problemas de cobertura durante todo o ano por falta de persoal, imaxinemos un día no que faltan 10.000 enfermeiras durante 24 horas", explicaba Nuria González, de Eventuais en Loita, que critica que a Consellería busque solucionar estes problemas "comprando traballadoras" a través da suba dos incentivos "en lugar de sacar as prazas necesarias para dar estabilidade e aumentar o número de profesionais".
Desde ese mesmo colectivo, e en base a unha enquisa realizada entre arredor dun milleiro de profeisonais no pasado marzo, advertiuse do risco que a oposición do domingo supón para a asistencia cando "o 66% do persoal de enfermaría das unidades de hospitalización das diferentes áreas sanitarias galegas é persoal temporal", o que supón un aumento dun 31% en comparación cos datos obtidos en 2019. Xa que logo, case 7 de cada 10 enfermeiras, dous terzos, "uns datos máis agravados cando recordamos que Galicia é a segunda comunidade autónoma con peor ratio de enfermeira-doente", din.
Eventuais en Loita asegura que "máis do 75% das unidades van ter dificultades para cubrir as quendas ese día". "Hai unidades de hospitalización nas que todo o persoal asistencial é temporal, polo que non será posible a cobertura do persoal temporal con persoal fixo competente nesa unidade de hospitalización", lembran.