Persoal que aprobou as oposicións de 2019 esixe á Xunta que resolva xa os seus procesos selectivos

Proceso selectivo para a Xunta, en Silleda CC-BY-SA Xunta

Decenas de persoas concentráronse este mércores ante a sede do Parlamento de Galicia en Santiago para esixir á Xunta de Galicia a resolución dos procesos selectivos de 2019 e que está "aínda sen finalizar".

Membros da Plataforma de Afectados OPE 2019, na que se inclúen persoas opositoras e traballadores públicos das especialidades de técnico en coidados auxiliares de enfermaría, bombeiro forestal, condutor de motobomba, emisorista e educadores e traballadores sociais, manifestáronse ante o que consideran unha situación "inaceptable". 

Entre os afectados hai 114 persoas con praza de bombeiro forestal da Xunta CC-BY-SA Brif Laza

"Logo de máis de catro anos de espera, pode dicirse que aínda non existen prazos para unha resolución destes procesos, e mentres tanto máis de 740 persoas seguen esperando poder traballar canto antes", lamentan desde a plataforma, que advirten de que a situación "é practicamente a mesma" que uns meses ou, se cadra, "peor". 

Máis de 740 persoas están afectadas pola falta de resolución duns procesos selectivos de hai catro anos

"Os prazos e o tempo seguen correndo, chegando a un momento no que estes procesos selectivos antigos se solapan cos novos das mesmas especialidades, sendo a preparación destes obrigada ao non ter unha praza garantida de forma oficial nos xa celebrados anteriormente", argumentan.

Ademais, aseguran que "esta preparación obriga a paralizar a vida dun, pagar taxas e academias outra vez e dedicarse case en exclusiva de novo ao estudio". "Supón un esforzo totalmente inaceptable e que resulta fácil de evitar coa resolución duns procesos que xa van para cinco anos", aseguran. 

Dúas enfermeiras do Sergas nun hospital de Galicia CC-BY-SA Xunta

"Moitas destas persoas está sen traballo e á espera na súa casa nunha situación verdadeiramente precaria, en traballos temporais agardando a resolución, ou simplemente preparando de novo unha oposición que xa ten aprobada, pero da que non ten os resultados polo desleixo da Xunta", isisten.

Así, desde a plataforma detallan que a resolución pendente afecta 305 prazas de auxiliares de enfermaría, 114 de bombeiro forestal, 80 de condutor de motobomba, 75 de emisorista, 86 de educación social e 81 prazas de traballo social.

"O parón da administración no verán e a clara falta de vontade para resolver estes procesos fai que todo se poida trasladar a outubro, finais de ano ou ao ano que vén", explican, polo que, ante esta situación, a plataforma valora a posibilidade de convocar concentracións semanais e acampar permanentemente en San Caetano como protesta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.