O maior número de prazas libres é para orientación laboral, 130, seguidas de 70 para persoal de limpeza e cociña
O Consello da Xunta deste xoves aprobou o decreto que autoriza a Oferta Pública de Emprego deste 2022, que suporá a convocatoria de 1.124 prazas, das que 702, o 62%, serán de acceso libre e 422, o 38%, de promoción interna. Como comparación, a OPE do pasado ano foi de 1.491 prazas, 1006 delas de acceso libre.
O decreto apróbase despois de recibir o voto favorable dos sindicatos CCOO e UGT, pero non de CIG nin CSIF. Ao anuncialo o presidente Rueda criticou que Galicia “hai anos” que reclama ao Goberno central “a eliminación dunha taxa de reposición” que só permite “ofertar prazas para cubrir baixas por xubilación, falecemento, excedencia ou renuncia”. Nada dixo de que as taxas de reposición foron endurecidas durante o Goberno de Mariano Rajoy.
A nova convocatoria ten o seu maior número de prazas de acceso libre na escala técnica de orientación laboral, con 130, seguidas de 70 prazas na especialidade de limpeza e cociña. Tamén hai 55 prazas para persoal de servizos xerais, 38 para axentes técnicos en xestión ambiental e 30 para a escala de auxiliar de clínica.